Arquivos da etiqueta: Eva Veiga
Día de Rosalía de Castro 2026, na Coruña
Acto central do Día de Rosalía de Castro, en Compostela
Compostela: acto central do Día de Rosalía de Castro 2026, o domingo 22 de febreiro
Destacado
O acto central do Día de Rosalía de Castro terá lugar o domingo 22 de febreiro, ás 12:00 horas, no Panteón de Galegos Ilustres (San Domingos de Bonaval), en Santiago de Compostela. A entrada é libre e gratuíta.
Este é o programa previsto:
– Intervención do coro da Asociación Cultural e Musical Solfa.
– Saúda do Presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias.
– Lectura do Manifesto da AELG en 2026, pola súa autora, Eva Veiga.
– Lectura de poemas rosalianos.
– Intervención do coro da Asociación Cultural e Musical Solfa.
– Ofrenda floral.
– Interpretación do himno.
A Coruña: Día de Rosalía de Castro 2026
Destacado
En colaboración coa A. C. Alexandre Bóveda, o luns, segunda feira, 23 de febreiro, ás 17:00 horas, diante do Teatro Rosalía de Castro, terá lugar a lectura do Manifesto da AELG, obra de Eva Veiga, por parte de Beatriz Maceda Abeleira, e unha posterior lectura pública da obra de Rosalía. O acto contará tamén con música do grupo de Cantos de Taberna da A. C. Alexandre Bóveda e coa actuación de Noite Bohemia. Esta actividade conta apoio do Centro Español de Dereitos Reprográficos (CEDRO) e a Deputación da Coruña
Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no Día de Rosalía de Castro 2026, elaborado por Eva Veiga
Destacado
Comprenderás estonces
como abranda a delor as pedras frías,
anque abrandar non poida
almas de ferro e peitos homicidas.
Rosalía de Castro
Cara a onde imos?
Esta é unha pregunta que a bo seguro a Humanidade vén facendo en todo momento ao longo da súa historia, pois adoito camiñamos ás atoutiñadas, abríndonos paso no escuro. Mais talvez nunca como agora semellou esa cegueira tan perigosa para a supervivencia da especie, mergullada nunha imparable e global complexidade onde as redes de (des)información parecen arredarnos, máis que achegarnos, dun atinado coñecemento do real. Un coñecemento que deberá ir alén da ciencia e da tecnoloxía; e unha realidade que atinxe a vida cotiá da meirande parte da poboación mundial cada vez máis súbdita dos poderes económicos e dunha escala de valores que admira a riqueza, odia o pobre e apenas se escandaliza ante a inxustiza. No entanto, de tal triste condición xa nos advertiu Rosalía de Castro –“Tirá pedras ó caído”–, cuxa obra aborda con verdade e lucidez a problemática humana tanto no que á emocionalidade se refire como á súa dimensión social e política.
Un legado, o seu, de total vixencia neste noso mundo do que cada quen, nalgunha medida, somos responsables. Un mundo que a día de hoxe produce alimentos suficientes para fornecer 1,5 veces a poboación actual e, non obstante, no que 673 millóns de persoas sofren de alimentación insuficiente, segundo datos da FAO. Miles e miles de crianzas morren de fame ou desnutrición severa. Como definir, entón, esta especie que dicimos humana?
Tembra un neno no húmido pórtico…
Da fame e do frío
ten o sello, o seu rostro de ánxel (…)
E mentras que el dorme
triste imaxen da dor i a miseria,
van e vén ¡a adoraren ó Altísimo,
fariseios!, os grandes da terra,
sin que ó ver do inocente a orfandade
se calme dos ricos a sede avarienta.
En efecto, só a compaixón cos máis vulnerables e a denuncia da cobiza dun capitalismo salvaxe xunto a esa hipocrisía que perverte o auténtico significado das palabras e do pensamento, poden crear un estado de conciencia crítica que limite as accións criminais dos poderes económicos e políticos que perpetran, ante os nosos ollos, xenocidios en Gaza, Sudán, República Democrática do Congo, Nagorno-Karabakh, Nixeria, Etiopía ou a China. Vítimas da fame e de todas as posibles formas de violencia, milleiros de persoas foxen desas circunstancias en procura de refuxio ou de oportunidades para sobrevivir. “Miran para o mar/ os que noutras terras/ ten que buscar pan”. Segundo o CEAR, sete persoas migrantes e refuxiadas morren de media cada día no mar. Se a hospitalidade debera ser signo de civilización, como entender ese odio cada vez maior ao que chega en precariedade e desamparo? Que sociedade estamos a construír se o racismo, a xenofobia e a aporofobia medran ao abeiro de discursos tan irresponsables como infames? Se un Estado non pode dar acollemento a quen nada ten ou o perdeu todo, a quen desafiuzan ou non pode acceder a unha vivenda digna, onde radica a súa razón de ser?
mais ¿cómo pagar, cómo, si un non pode
inda pagar a renda?
Embargaránnos todo, que non teñen
esas xentes concencia, nin ten alma.
Se non reaximos fronte a esa acumulación obscena que reteñen un reducido grupo de magnates, multinacionais ou fondos voitres que dirixen o mundo, provocando desigualdade, cambio climático, explotación laboral, escravitude e guerras, veranse reforzados por respostas cómplices de resignación e servilismo que ata os desfavorecidos defenden, cativos da súa ignorancia. Semella así que vivimos nun sistema feudal, moi lonxe da Declaración dos Dereitos Humanos ou do Dereito Internacional e tan preto da impunidade da clase poderosa. “Mais socede nesta vida/ que os que ten culpa na levan.” Así e todo, Rosalía non se resigna e nós tampouco. Con ela queremos loitar contra o patriarcado, contra a trata de seres humanos, contra o autoritarismo, contra todas as inxustizas e a prol dunha humanidade responsable que coida da infancia e da educación humanista, aberta ao outro, ao diferente, capaz de mostrar empatía e colaboración. Falamos da bondade que é a intelixencia máis evolucionada, a que procura o ben do individuo canda o ben da colectividade á fin de mellorar o mundo que habitamos. Porque xa nolo deixou escrito Rosalía, poeta universal, muller afouta e adiantada ao seu tempo que falou alto e claro:
Sin amar cal é negra esta vida
E perde o sol o seu brilo.
Eva Veiga
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)
#maiselestamenperdidos
#_rdc2026
O Manifesto pode descargarse en formato .pdf aquí.
Nesta ligazón iremos actualizando a información dispoñíbel do Día de Rosalía de Castro 2026.
A Coruña: presentación de Memoria. Poesía selecta 1981-2023, de Xavier Rodríguez Baixeras
Presentación de Memoria. Poesía selecta 1981-2023, de Xavier Rodríguez Baixeras, na Coruña
A Escritora na súa Terra: Eva Veiga. Pontedeume, 2026
Destacado
A Homenaxe O/A Escritor/a na súa Terra, impulsada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), chega este ano á súa XXXII edición, recaendo na figura da poeta Eva Veiga, de quen se destaca, dentro da súa importante traxectoria vital, a súa amplamente recoñecida obra literaria. Está previsto que sexa homenaxeada en Pontedeume en xuño de 2026.
Esta iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da Asociación, e tense constituído ao longo de máis de dúas décadas como unha celebración na que a terra de acollida do homenaxeado ten unha presenza fundamental. É vontade da AELG honrar escritoras/es procurando o contacto directo coa autora e a súa implicación persoal na xornada de homenaxe.
Unha celebración múltiple e popular en que se vén recoñecendo a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritora (unha peza escultórica), a plantación dunha árbore simbólica elixida pola propia autora, e a colocación dun monólito conmemorativo.
ANTERIORES MERECEDORES/AS DESTE GALARDÓN
I Edición: ANTÓN AVILÉS DE TARAMANCOS
1995 • Boa, Taramancos
II Edición: BERNARDINO GRAÑA
1996 • Cangas do Morrazo
III Edición: MANUEL MARÍA
1997 • Outeiro de Rei
IV Edición: MARÍA XOSÉ QUEIZÁN
1998 • Vigo
V Edición: XOSÉ NEIRA VILAS
1999 • Gres, Vila de Cruces
VI Edición: UXÍO NOVONEYRA (póstumo)
2000 • Parada do Courel
VII Edición: LUZ POZO GARZA
2001 • Ribadeo
VIII Edición: XOSÉ CHAO REGO
2002 • Vilalba
IX Edición: XOSÉ FERNÁNDEZ FERREIRO
2003 • Nogueira de Ramuín
X Edición: SALVADOR GARCÍA-BODAÑO ZUNZUNEGUI
2004 • Teis, Vigo
XI Edición: PURA E DORA VÁZQUEZ
2005 • Ourense
XII Edición: MARÍA DO CARME KRUCKENBERG
2006 • Vigo
XIII Edición: MANUEL LOURENZO
2007 • O Valadouro
XIV Edición: XOSÉ VÁZQUEZ PINTOR
2008 • Melide
XV Edición: AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ
2009 • Vilalba
XVI Edición: MARILAR ALEIXANDRE
2010 • Santiago de Compostela
XVII Edición: PACO MARTÍN
2011 • Lugo
XVIII Edición: XAVIER RODRÍGUEZ BAIXERAS
2012 • Ribadeo
XIX Edición: MARICA CAMPO
2013 • O Incio
XX Edición: XABIER P. DOCAMPO
2014 • Castro Ribeiras de Lea
XXI Edición: XOSÉ MARÍA ÁLVAREZ CÁCCAMO
2015 • Vilaboa
XXII Edición: HELENA VILLAR JANEIRO
2016 • Rianxo
XXIII Edición: MARÍA PILAR GARCÍA NEGRO
2017 • Lugo
XXIV Edición: NACHO TAIBO
2018 • Oleiros
XXV Edición: PILAR PALLARÉS
2019 • A Coruña
XXVI Edición: VÍTOR VAQUEIRO
2020 • Santiago de Compostela
XXVII Edición: CONCHA BLANCO
2021 • Cee
XXVIII Edición: XOSÉ MANUEL MARTÍNEZ OCA
2022 • Pontevedra
XXIX Edición: FINA CASALDERREY
2023 • Pontevedra
XXX Edición: EULOXIO R. RUIBAL
2024 • Santiago de Compostela
XXXI Edición: XOSÉ MANUEL BEIRAS
2025 • Santiago de Compostela






