María Solar: “Cando se acaba de pagar un favor? Quen cho fai pode terte atrapada de por vida”

Entrevista de Selina Otero a María Solar no Faro de Vigo:
“(…) – Faro de Vigo (FV): Canto tempo lle levou escribir esta obra?
– María Solar (MS): Uns cinco anos. Foi unha novela que me colleu nun cambio vital importante e con moito traballo. Por primeira vez na miña vida eu tiña clarísimo o que ía contar e non podía sentarme a escribilo. Provocoume angustia. Sabes a onde queres chegar pero hai que escribilo. A escrita supón horas de soidade.
– FV: Titúlase A culpa. Ademais deste tema trata moitos outros: a amizade, por exemplo.
– MS: Si. A novela aborda o tema da culpa. Aparece en todos os protagonistas, por presenza ou por ausencia. E logo: as culpas sociais. A sociedade necesita culpables. E creo que cando es unha muller es culpable de moitas cousas. A historia son dúas amigas que teñen unha amizade de por vida, que se fragua a partir de algo terrible que unha fai para salvar á outra. Vailles moi ben na vida pero teñen unha relación de manipulación, control. Entón, a pregunta sería: cando acabas de pagar un favor que é inmenso? Parece que nunca. A persoa que cho fai pode terte atrapada de por vida. Hai unha amizade que por momentos é bonita e por outros é absolutamente dominante, controladora e tóxica. Pero como está ese favor tampouco podes marchar.
– FV: A difícil liña entre amizade, amizade tóxica, suposta protección…
– MS: Hai unha evolución no libro. O que empeza como unha amizade, logo segue como unha persoa que te controla e te leva a onde quere. Xa termina na loucura e incluso na usurpación da personalidade. Quero dicir que o libro vai evolucionando cara a loucura e cara o peor que dan as persoas.
– FV: Tamén hai mortos? (agardemos non facer ‘spoiler’…)
– MS: Hai varios. Algúns deles non crean culpa. Persoas que estaban facendo un dano tremendo. Pero ao final dos días a culpa sempre aparece, por iso digo que a culpa persegue as persoas. Ademais, nós temos unha sociedade, ti pensa no propio cristianismo. Nácese cun pecado orixinal, nácese con culpa… Bebe moito desa circunstancia, de sentir ou non sentir culpa polas cousas que fas… polas máis graves e polas menos graves.
– FV: Tamén hai empoderamento feminino?
– MS: Pero non como algo ‘aleccionador’, algo que non soporto. Eu escribo sobre empoderamento feminino como algo natural, non algo que forzas para que pase. O natural. As dúas protagonistas centrais son dúas rapazas que de adolescentes cometen algo grave, fuxen de Galicia, marchan a Arxentina. Son dúas mulleres potentes, talentosas, famosas, millonarias. Pero está esa historia detrás. E hai dominación entre elas. (…)”

Roberto Mera e Santiago Lopo, galardoados cos premios Antón Losada Diéguez de 2022

Desde Faro de Vigo (foto de Faro de Vigo):
“O Concello de Boborás acolleu a reunión do xurado da 37 edición do Premio Antón Losada Diéguez, no que resultou gañador na categoría de enseio e investigación o traballo Alejandro Viana. Un galego á fronte do rescate dos refuxiados republicanos, de Roberto Mera Covas, publicado pola editorial Belagua. O gañador na categoría de creación literaria foi Santiago Lopo, autor de A Carteira, editado por Xerais. Cada un deles recibirá 6.000 euros.
Os concellos de Boborás e O Carballiño manteñen o premio Antón Losada Diéguez para contribuír ó fomento da cultura galega pola que loitou este insigne galeguista, e tamén para perpetuar a súa memoria. A alcaldesa de Boborás, Patricia Torres, presidiu a reunión do xurado, composto por Ramón Nicolás Rodríguez, da Real Academia Galega, María Xosé Porteiro García, do Consello da Cultura Galega, Francisco Fariña Busto, do Museo do Pobo Galego, Luís González Tosar, representante da Deputación, Xosé H. Costas, da Universidade de Vigo, Carlos Caetano Biscaínho, da Universidade da Coruña, e actuando como vicepresidente Diego Fernández, edil de Cultura do Carballiño.
Despois dun intenso debate, dada a calidade das obras presentadas, o xurado decidiu por maioría conceder o premio a Alejandro Viana. Un galego a fronte do rescate dos refuxiados republicanos, pola “recuperación e investigación minuciosa sobre un persoeiro pouco coñecido para o gran público, que desenvolveu un labor importante na recuperación da dignidade dos refuxiados españois perdedores da guerra e da súa evacuación a América, cunha ética estrita, e participou na súa evacuación”.
No campo da creación literaria o xurado decidiu por unanimidade recoñecer a obra A Carteira, xustificando a decisión en que se trata dunha visión “das dúas primeiras décadas do século XXI, tanto a nivel de traballo como de relacións personais e a transfromación da paisaxe urbana. A perspectiva de chegar aos seus personaxes a través do seu comportamento. A temática do fondo social, a soidade e a presenza do considerado marxinal.Ten unha dinámica de movemento continuo con certo sentido do humor, e é unha obra de lectura sinxela”.
A esta edición presentáronse un total de 23 traballos na categoría de creación literaria, e 11 na de investigación e ensaio. Nesta última concorreron algúns menos que na convocatoria do 2021.
Os premios entregaránse o día 11 de xuño, no Pazo dos Losada-Diéguez, en Moldes, Boborás, despois de que o pasado ano se fixera na Carballeira de Moldes, por motivo das obras que se estaban a facer no inmoble. A intención da alcaldesa é que ese día tamén estean presentes os premiados na edición do 2020, o político e intelectual Camilo Nogueira e o poeta Eduard Velasco, xa que por mor da pandemia non houbo aquel ano un acto de entrega.”