Moldes, Boborás: entrega dos XXXVII Premios Antón Losada Diéguez

Roberto Mera e Santiago Lopo, galardoados cos premios Antón Losada Diéguez de 2022

Desde Faro de Vigo (foto de Faro de Vigo):
“O Concello de Boborás acolleu a reunión do xurado da 37 edición do Premio Antón Losada Diéguez, no que resultou gañador na categoría de enseio e investigación o traballo Alejandro Viana. Un galego á fronte do rescate dos refuxiados republicanos, de Roberto Mera Covas, publicado pola editorial Belagua. O gañador na categoría de creación literaria foi Santiago Lopo, autor de A Carteira, editado por Xerais. Cada un deles recibirá 6.000 euros.
Os concellos de Boborás e O Carballiño manteñen o premio Antón Losada Diéguez para contribuír ó fomento da cultura galega pola que loitou este insigne galeguista, e tamén para perpetuar a súa memoria. A alcaldesa de Boborás, Patricia Torres, presidiu a reunión do xurado, composto por Ramón Nicolás Rodríguez, da Real Academia Galega, María Xosé Porteiro García, do Consello da Cultura Galega, Francisco Fariña Busto, do Museo do Pobo Galego, Luís González Tosar, representante da Deputación, Xosé H. Costas, da Universidade de Vigo, Carlos Caetano Biscaínho, da Universidade da Coruña, e actuando como vicepresidente Diego Fernández, edil de Cultura do Carballiño.
Despois dun intenso debate, dada a calidade das obras presentadas, o xurado decidiu por maioría conceder o premio a Alejandro Viana. Un galego a fronte do rescate dos refuxiados republicanos, pola “recuperación e investigación minuciosa sobre un persoeiro pouco coñecido para o gran público, que desenvolveu un labor importante na recuperación da dignidade dos refuxiados españois perdedores da guerra e da súa evacuación a América, cunha ética estrita, e participou na súa evacuación”.
No campo da creación literaria o xurado decidiu por unanimidade recoñecer a obra A Carteira, xustificando a decisión en que se trata dunha visión “das dúas primeiras décadas do século XXI, tanto a nivel de traballo como de relacións personais e a transfromación da paisaxe urbana. A perspectiva de chegar aos seus personaxes a través do seu comportamento. A temática do fondo social, a soidade e a presenza do considerado marxinal.Ten unha dinámica de movemento continuo con certo sentido do humor, e é unha obra de lectura sinxela”.
A esta edición presentáronse un total de 23 traballos na categoría de creación literaria, e 11 na de investigación e ensaio. Nesta última concorreron algúns menos que na convocatoria do 2021.
Os premios entregaránse o día 11 de xuño, no Pazo dos Losada-Diéguez, en Moldes, Boborás, despois de que o pasado ano se fixera na Carballeira de Moldes, por motivo das obras que se estaban a facer no inmoble. A intención da alcaldesa é que ese día tamén estean presentes os premiados na edición do 2020, o político e intelectual Camilo Nogueira e o poeta Eduard Velasco, xa que por mor da pandemia non houbo aquel ano un acto de entrega.”

Pontevedra: Culturgal 2021, do 26 ao 28 de novembro

Ponteareas: actos destacados na Feira do Libro 2021 para os 15 e 16 de xullo

O 15 de xullo pola tarde comeza a Feira do Libro de Ponteareas (na Praza Maior, con horario de 12:00 a 14:00 horas -só o 16-, e de 18:00 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para estes días:

Xoves, quinta feira, 15
18:00 h. Beatriz Cabaleiro asina Clover, unha porquiña diferente, publicado por Aira.
19:00 h. Raquel Castro asina Dormente, publicado por Galaxia.
20:00 h. Acto de inauguración. Pregón a cargo de Pablo Prado.
21:00 h. Pablo Pardo e Miguel Rojo presentan Nerea, o príncipe da sorte, publicado por Xerais.
21:00 h. Anabel Antela Castro asina A lingua galega no sector téxtil, publicado pola Mesa pola Normalización Lingüística.

Venres, sexta feira, 16
18:00 h. Xosé Antonio Perozo presenta O libro das avoas, ilustrado por María Lires, publicado por Galaxia.
20:00 h. Nee Barros asina Identidade, publicado por Galaxia.
21:00 h. Santiago Lopo asina A carteira, publicado por Xerais.
21:00 h. Teresa Ríos asina Non estamos preparados para medrar, publicado por Urutau.

Vigo: actos destacados na Feira do Libro 2021 para o 10 de xullo

O 10 de xullo finaliza a Feira do Libro de Vigo (na Rúa do Príncipe, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:

18:00 h. David Lorenzo asina A predicción de Aloia, publicado por Do Cumio, e O neno peixe, publicado por Triqueta Verde.
19:00 h. Antonio García Teijeiro asina As palabras están a mirarse arredor da mesa, publicado por Cuarto de inverno.
20:00 h. Santiago Lopo asina A carteira, publicado por Xerais.
20:00 h. Ismael Ramos asina Lixeiro, publicado por Xerais.