Ferrol, 1916: Homenaxe a Ricardo Carvalho Calero, o 14 de outubro

O evento Ferrol, 1916: homenaxe a Ricardo Carballo Calero terá lugar no Teatro Jofre de Ferrol o día 14 de outubro de 2020 ás 19:30 horas. O acto inclúe a presentación da edición facsímile da Farsa das zocas e o concerto Ferrol, 1916, con música de Miguel Brotóns para o poema de Ricardo Carvalho Calero, Alejo Amoedo ao piano e Patricia Rodríguez Rico na voz. Esta será a súa estrea absoluta con público. O acto está organizado polo Consello da Cultura Galega e conta coa colaboración do Concello de Ferrol.
A entrada ao evento é gratuíta e os convites para asistir están dispoñibles no despacho de billetes do propio teatro Jofre.
Con motivo do Día das Letras Galegas dedicado a Ricardo Carvalho Calero en 2020, o Consello da Cultura Galega presenta dúas obras realizadas pola institución en homenaxe ao autor ferrolán. A Farsa das zocas é unha pequena peza teatral de Ricardo Carvalho Calero que se presenta en edición facsimilar cun estudo introdutorio realizado polo profesor da Universidade da Coruña, Carlos Biscainho, acompañado de material gráfico e documental sobre a historia da obra. Ademais, no acto proxectarase o vídeo dunha montaxe da peza teatral, pensada para visionado on line realizada pola compañía “A Quinta do Cuadrante” a partir dunha dramaturxia de Tito Asorey. Pola súa banda, Ferrol, 1916 é un poema de Ricardo Carvalho Calero que serviu de base para a composición homónima realizada por Miguel Brotóns. O Teatro Jofre acollerá en estrea absoluta a peza, que será interpretada polo pianista Alejo Amoedo e pola soprano ferrolá Patricia Rodríguez Rico.
Este acto servirá de preludio ao tradicional Concerto das Letras Galegas, que terá lugar o día 30 de outubro tamén no Teatro Jofre de Ferrol e do que recibirá cumprida información. Ese día, o Taller Atlántico Contemporáneo, que neste 2020 fai dúas décadas de vida, interpretará un programa que incluirá, ademais doutros temas, unha composición do músico ferrolán Xan Viaño e outra de Nani García, esta última obra por encarga do Consello da Cultura Galega sobre versos de Carvalho Calero.
Aquí pode acceder a máis información sobre os horarios de recollida de convites no Teatro Jofre de Ferrol (Pza. de Galicia s/n. 15401-Ferrol).
Máis información sobre medidas de protección contra a covid dos espazos culturais de Ferrol.”

Laura Tato: “Carvalho Calero comezou a escribir teatro durante a República por militancia”

Entrevista a Laura Tato na Real Academia Galega:
“(…) – Real Academia Galega (RAG): Carvalho Calero debutou como dramaturgo durante a II República. Nesa época escribiu O fillo e Isabel, aínda que naquela altura comezaba a darse a coñecer sobre todo como poeta, o rol literario no que sempre se reivindicou. Por que decidiu daquela escribir teatro?
– Laura Tato (LT): Carvalho Calero é nesa época sobre todo un activista político e poeta. Escribe teatro por militancia, como facían case todos os intelectuais. Isto non é algo exclusivo da literatura galega, en todas as culturas non normalizadas comprométense coa creación dun sistema literario. Na galega, o da poesía xa estaba creado desde Rosalía de Castro e o da narrativa fora iniciado polo grupo Nós. Faltaba o teatro e nese escenario é onde aparecen as primeiras obras de Carvalho Calero. Son un exemplo magnífico do proceso de construción dun teatro nacional galego.
– RAG: En que contexto? As súas achegas son dos anos 30 e as Irmandades da Fala xa traballaran arreo na construción dese teatro nacional galego desde a súa fundación en 1916.
– LT: O teatro galego experimentara un impulso tremendo entre 1915 e 1923, pero a ditadura de Primo de Rivera acabou con el. Cando esta remata, os membros das Irmandades da Fala están inmersos na actividade política, preparando a formación do Partido Galeguista, o único que retoma o teatro é Castelao no seu tempo libre. As alarmas saltan cando a prensa recolle que as Mocedades Galeguistas están a representar obras de teatro en español en Lourenzá, na propia localidade natal do seu presidente, Francisco Fernández del Riego. Isto sucede porque pensaban que non existía teatro en galego, descoñecían o que se fixera antes da ditadura. Por iso, na asemblea que celebra o PG en xaneiro do ano 1934, se lles encarga ás Mocedades unha comunicación sobre o teatro que fixe as instrucións que permitan retomar ese labor dirixido a completar o sistema literario. (…)
– RAG: Farsa das zocas levouna el mesmo a escena co seu alumnado na etapa en que foi director do Colexio Fingoi. Que papel desempeñou Carvalho Calero na historia do teatro escolar en galego?
– LT: Foi un pioneiro. O teatro é unha ferramenta didáctica magnífica, algo marabilloso para os rapaces. De acordo que o que facía Carvalho Calero era para as festas, pero facíao en galego, era o único espazo que lle permitía introducir algunha nota da cultura nacional en plena ditadura.
– RAG: Como foi a recepción das súas obras no teatro galego que emerxe a comezos dos anos 70?
– LT: Coido que non tivo a máis mínima recepción. Os rapaces que estaban a facer teatro neses anos pensaban que nunca antes houbera teatro galego máis alá d’Os vellos non deben de namorarse e tampouco lles ía servir para o que eles facían o de Carvalho Calero. O movemento do teatro independente de furgoneta non tiña nada que ver coa visión do mundo dun catedrático de universidade coma el. Eduardo Blanco Amor si que se incorporou ao movemento do teatro galego desa época e estivo nas Mostras de Ribadavia; opinaba, polemizaba, pero Carvalho Calero sempre se debeu de manter moi á marxe do mundo e da xente do teatro. (…)”

Calidoscópico Carvalho, após trinta anos

Artigo de Irene Pin en Nós Diario:
Ricardo Carvalho Calero faleceu o domingo 25 de marzo de 1990. Por iso, como naquela altura -igual que acontece con esta cabeceira- nas segundas feiras non saían os xornais, as necrolóxicas non apareceron até a terza feira seguinte. Nelas, persoeiros como Carlos Casares, Constantino García ou Domingo García-Sabell loubaban a figura. Trinta anos despois do seu pasamento, Calero recupera a actualidade coa dedicación do Día das Letras Galegas.
“Carvalho Calero foi o maior e mellor polígrafo da súa xeración”, ditamina María Pilar García Negro, afirmación que cobra todo o sentido se analizamos as seis décadas de vida nas que o ferrolán combinou produción literaria e investigación científica, na estela dos que foran os seus mestres, como Ramón Otero Pedrayo. A segunda dimensión, que a investigadora trata en Ricardo Carvalho Calero. A ciencia ao servizo da nación, recentemente reeditado por Laiovento, arrincou sorprendentemente cedo, xa con colaboracións na época de estudante en publicacións como A Nosa Terra ou Nós.
A Guerra Civil sorprendeu Carvalho Calero en Madrid, que foi incorporado ao exército republicano como oficial, pasando por Valencia e Andalucía, onde sería detido e xulgado “por adhesión á rebelión” a 12 anos e un día de reclusión. En 1941 retornou a Ferrol coa obriga de se presentar ante á autoridade militar periodicamente.
Após o “terríbel hiato” e malia as difíciles condicións dos anos seguintes, retoma o seu labor “cunha fe enorme na existencia do pobo galego e na necesidade de continuar significando a súa cultura”, explica García Negro. Da recuperación da dedicación intelectual xorden múltiples artigos quer na Galiza quer na emigración, así como toda unha serie de resultados entre os que García Negro cita, por dar algúns exemplo, a súa tese de doutoramento, o discurso de ingreso na Real Academia Galega ou a preparación da obra completa de Ramón Cabanillas. Director do colexio Fingoy de Lugo desde 1950, traballa arreo para desenvolver unha experiencia pedagóxica no centro.
Calero publicou en Galaxia a Historia da Literatura Galega Contemporánea, o seu macroproxecto profesional, en 1963. Trátase dunha obra que “aínda non foi superada”, comenta Xoán Costa, bo coñecedor da traxectoria do ferrolán. Nela fixo un descomunal exercicio de síntese con absoluto rigor científico, incluíndo auténticos modelos de ensaio literario. Ademais, formulou a definición fundamental da propia literatura galega baixo o criterio básico de “escrita en galego”. Así, “Valle-Inclán ou Torrente Ballester non forman parte dela, por máis que sexan galegos de nacemento”, explica Costa.
A realización non estivo exenta de dificultades, pois as malas comunicacións da cidade de Lugo, onde residía, complicaron o proceso, o que se reflicte na correspondencia que mantiña con Fernández del Riego, o seu principal enlace con Galaxia naquela altura. O resultado serviría de base para a revisión que a Asociación Socio-Pedagóxica Galega desenvolveu en fascículos en colaboración con A Nosa Terra.
Após o paso por Lugo, en 1965 incorpórase como profesor de Lingua e Literatura Galegas na Universidade de Compostela. En combinación coa docencia, desenvolve estudos nos eidos lingüístico e literario. Desta época parte a Gramática Elemental del Gallego Común (1966), obra que tivo moito uso, como constatan as sete reedicións feitas até 1979. Esta foi fundamental á hora de estabelecer un “criterio normativo de mínimos”, que definiría o uso da ortografía galega. A pesar da constatación lingüística de que galego e portugués son un mesmo sistema lingüístico, “Carvalho foi utilizado como lanza”, di Costa, para separar as dúas posturas enfrontadas. Mentres as partidarias da norma oficial o acusarían de propiciar o afastamento, desde parte do movemento reintegracionista pretendían ir máis lonxe.
Aínda que as circunstancias o levaron a consagrarse á produción ensaística e investigadora, “Carvalho sempre se reivindicou como poeta”. Porén, é este aspecto da súa produción unha das súas facetas menos coñecidas. A comezos deste ano vía a luz Beleza, Verdade, un libro no que Pilar Pallarés recolle a poesía do que fora o seu mestre.
Non era a primeira vez que Pallarés escolmaba a obra poética de Carvalho Calero. Xa en 1992, por encarga da sociedade Valle-Inclán, editou o volume Fillo de Eva. Esta supuxo para ela “unha descuberta” desta cara máis descoñecida, mais que chegaría a admirar profundamente. Cando Antón Lopo lle encargou para Chan da Pólvora unha segunda antoloxía (aínda non por motivo das Letras Galegas), “parecíame difícil facer unha escolla diferente”, comenta.
Pero a distancia, a perspectiva dos anos, déixase ver nas decisións que se agochan tras este novo libro. Dunha banda, desde a posición creadora, optou agora por respectar os desexos do profesor, recollendo só o que na década dos 80 el mesmo editou. “Non son ninguén para seleccionar de maneira diferente a como o fixo el”, confesa Pallarés.
Doutra banda, fronte á primeira antoloxía, en Beleza, verdade “descubrín un Carvalho autor de poesía de carácter político”. Na primeira escolma, di Pallarés, “talvez pola xuventude, deixeime levar por liñas de fondo moi contundentes”. Así, fixo caso das definicións de Carvalho da súa propia poesía recollida en textos en prosa, como o publicado a respecto de Cunqueiro na revista Grial, ao que o propio título da antoloxía fai referencia na concepción dos “fillos de Eva” como “fillos da culpa”, produto do ser humano na sociedade occidental, fronte aos “fillos de Lilith”, anterior ao pecado orixinal e, polo tanto, alleo a el.
“Hoxe poríao en cuestión. Carvalho é un relativista”, explica Pallarés. Así, trata de reflectir a dimensión múltipla do poeta como ser humano: “Non existe unha única verdade. Carvalho é moitas cousas, é simultaneamente un fillo de Eva e un fillo de Lilith”.
A do ferrolán, “sendo unha poesía esteticamente moi diversa e heteroxénea, ten pouca relación formal” entre as distintas achegas. Desde a vangarda ao existencialismo, pasando polas abordaxes do mito ou a proximidade ao cotián, Calero móvese no poético coa mesma multidisciplinariedade que o distinguiu noutros eidos. Se nos últimos libros podemos atopar unha poesía “moi fermosa”, que chega se cadra “máis facilmente ao lector”, outras obras presentan un verso de carácter siloxístico, narrativo ou mesmo antipoético.
“É como se fose moitos autores”, resume Pallarés. Non obstante, desde a poesía da adolescencia de Vieiros (1931) até a edición póstuma de Reticências… (1986-1989) “hai unhas liñas de forza e visión da existencia que están sempre presentes”. É unha ollada de carácter reflexivo, cunha loita entre “lanzarse a vivir e o peso da razón e a culpa”, que define unha poesía “aparentemente estraña” no panorama galego, mais “perfectamente inserida nas correntes do século XX a nivel europeo”, do que o propio Calero se definía como “fillo perfecto”.
Os catro relatos de A xente da Barreira constitúen a primeira novela publicada en galego tras a posguerra, mais se cadra a súa obra en prosa máis celebrada é Scórpio (1987). Nela salienta a técnica, formulando unha personaxe protagonista que nunca aparece, senón que tanto ela como o contexto se presentan a través dos demais, nun relato que disecciona a sociedade dos primeiros anos da década dos 30.
Así mesmo, a súa vertente teatral foi pouco representada, en boa medida por mor da censura, reducindo a posibilidade de que obras como Farsa das zocas subisen ás táboas practicamente ao grupo de teatro do colexio Fingoi.
Na súa derradeira etapa vital desenvolveu unha actividade incesante, entre a que tamén destaca a divulgación en artigos en prensa diaria ou publicacións de asociacións culturais. “A súa produción cuantitativamente fecunda, mais dunha calidade incomparábel, non ten parangón”, afirma García Negro. E o que é máis importante: relida hoxe conserva o atractivo, cunha “erudición que demostra o entusiasmo e o afán por dignificar a lingua e transmitir sempre, a pesar das condicións tan desfavorábeis, a esperanza de que veremos rectificar a historia”.”