Desde
Sermos Galiza:
““Pola ampliación de horizontes da narrativa galega” a novela A noite branca, de Francisco Fernández Naval, foi recoñecida como Mellor Obra do ano 2012 polo xurado dos premios Irmandade do Libro, galardóns que cada ano convocan a Federación de Libreiros e Libreiras de Galicia e que se entregaron o pasado sábado na Casa de Cultura en Monforte.
O libro e a lectura son os protagonistas desta convocatoria que aplaudiu o traballo desenvolvido por Antonio Reigosa, e as persoas que contribúen no proxecto, diante do web Galicia Encantada por “manter vivo o mundo mítico galego”, alén do seu traballo divulgador e de se ter convertido en referencia nos centros de ensino. No apoio á lectura no ámbito escolar foi precisamente o CEIP de Quintela de Moaña o centro sobre o que o xurado deitou os seus ollos polas actividades desenvolvidas e pola “relación pedagóxica coas librarías e coas biblitecas públicas da zona”.
Un establecemento especializado, a Kómic de Santiago fíxose co premio á mellor libraría, primeira que se dedicou á distribución deste xénero.
As Guías da Natureza de Baía Edicións foi o proxecto recoñecido como Obra Editorial do Ano pola “contribución a que a rica terminoloxía galega relativa á natureza perviva e á divulgación do medio natural como unha maneira de colaborar na súa conservación”.
Os nomes das propostas galardoadas déronse a coñecer no acto de entrega desenvolvido en Monforte o pasado sábado día 20, unha vez con antelación se dera a coñecer o nome de María Xosé Queizán como mellor autora do ano, nestes galardóns outorgados por libreiros e libreiras que teñen como obxectivo destacar o traballo de persoas e iniciativas que contribúen á difusión do libro e a lectura.”
Arquivos da etiqueta: Federación de Librarías de Galicia
María Xosé Queizán, Premio Irmandade do Libro pola súa traxectoria literaria
Desde
Sermos Galiza:
“Cada ano, a Federación Galega de Libreiros premia unha autora ou autor pola súa traxectoria na convocatoria dos seus premios. Nesta edición, XXII, a escritora María Xosé Queizán foi a escollida polo xurado para recoñecer a súa ampla dedicación ao mundo do libro como narradora mais tamén autora de ensaio, teatro, poesía, artigos xornalísticos, tradución e mesmo partillando noutros ámbitos da edición literaria como a dirección dunha publicación -a Festa da Palabra da que está á frente desde 1983- ou como directora de coleccións como As literatas de narradoras en Xerais. (…)
O fallo do xurado recoñece como motivación para premiar a María Xosé Queizán “a longa e moi definida traxectoria en traballar polo galego dende todos os xéneros, sendo pioneira na narrativa galega despois da guerra. Resultando ademais, que no ano dedicado ao teatro, María Xosé é precisamente unha persoa moi vinculada ao xénero dramático”. (…)”.
Convocados os XXII Premios Irmandade do Libro
A
Federación de Libreiros de Galicia comunica a celebración dos XXII Premios Irmandade do Libro nas modalidades de:
– Libraría.
– Autor/a.
– Libro do ano.
– Centro de ensino.
– Obra editorial.
– Fomento da lectura.
Estes premios pretenden homenaxear a todas as persoas, entidades e institucións que durante o ano 2012 desenvolveron unha actividade salientable a prol do libro e da lectura en galego.
A presente edición terá lugar en Monforte de Lemos o día 20 de abril de 2013. O acto terá lugar na Casa da Cultura da localidade monfortina.
As bases están dispoñibles no apartado da web Premios Irmandade do Libro, e as candidaturas podense presentar a través de email: libreiros@librarias.org, correo postal: Rep. de El Salvador, 28 Entrechán B, 15701 Santiago de Compostela ou por fax: 981591421.
Santiago de Compostela, xaneiro de 2013
Pilar Rodríguez, escollida presidenta da Federación de Libreiros de Galicia
“Tempada
de eleccións no sector do libro en Galicia. Pilar Rodríguez, da Libraría Padre Feijóo de Ourense, foi escollida Presidente da Federación de Libreiros de Galicia, tralas eleccións celebradas o sábado 30 de xuño. O vicepresidente será Xosé Antón Pedreira Mirás, da libraría compostelana Pedreira.” Vía Cultura Galega.
A Coruña: presentación dos 50 carteis conmemorativos do cincuenta aniversario do Día das Letras Galegas
A
Real Academia Galega presenta o venres día 1 de xuño ás 19:30 horas, no xardín de San Carlos da Coruña, os 50 carteis conmemorativos do cincuenta aniversario do Día das Letras Galegas. Co fin de achegar a un público amplo a dimensión e significado do 50 aniversario do Día das Letras Galegas, a Real Academia Galega desenvolveu unha serie de actividades celebratorias ao redor desta data. Entre elas a elaboración de cincuenta carteis, cada un deles dedicado a unha das figuras homenaxeadas durante estes cincuenta anos, de Rosalía a Paz Andrade. Para levar adiante esta iniciativa contouse coa colaboración desinteresada e xenerosa de varios colectivos profesionais e dos seus asociados:
– A Asociación Galega de Deseñadores (DAG). Entidade que encomendou entre os seus asociados a realización das cincuenta pezas.
– A Asociación de Escritores/as en Lingua Galega (AELG) encargoulles a cincuenta escritores/as a redacción de cincuenta frases que se incorporaron a cada un dos cincuenta carteis.
– A Asociación Galega de Artes Gráficas realizou a impresión dos carteis.
– Torras Papel forneceu o papel.
– A Asociación Galega de Editores asumiu a distribución das coleccións de carteis en librarías e bibliotecas.
– A Federación Galega de Libreiros comprometeuse a promover desde as librarías a difusión dos carteis.
– A Asociación Profesional de Bibliotecarios Municipais de Galicia e ANABAD-Galicia promoven a difusión dos carteis e organizan actos relacionados coa efeméride.
O acto contará coa intervención de escritores e deseñadores participantes, así como cos representantes das asociacións que promoven o proxecto. Pecha o acto o Presidente da Real Academia Galega, D. Xosé Luís Méndez Ferrín.
Entregados os Premios Irmandade do Libro 2012
“A
Federación de Libreiros de Galicia entregou en Lalín os Premios Irmandade do Libro. Resultou galardoada na modalidade de institución, a Real Academia Galega, a Biblioteca Central Rialeda do Concello de Oleiros, polo fomento da lectura, a obra Mitoloxía de Galiza, de Vítor Vaqueiro, na modalidade editorial do ano 2011, o CEIP de Riomaior (Pontevedra), centro de ensino do ano, Non hai noite tan longa, de Agustín Fernández Paz, Libro do Ano 2011. A Libraría Cartabón de Vigo foi recoñecida na modalidade das librerías. No apartado de autor o recoñecido foi Gonzalo Navaza.” Vía Galaxia.
Reivindicación dos libreiros galegos ante as dificultades económicas
“Os
libreiros de toda Galicia conmemorarán este 25 de Novembro o Día das Librarías, data de “celebración” en todo o Estado e que estes profesionais, que están a experimentar un momento de “dificultades” económicas pola baixada nas vendas, pretenden aproveitar para reivindicar o seu papel na transmisión cultural á sociedade. Así o destacou Xurxo Patiño, presidente da Federación de Libreiros, quen destacou a achega do sector como “eixe fundamental” no proceso educativo, cultural e pedagóxico dos cidadáns galegos. Deste modo e fronte ao “ocaso” que ven algúns pola proliferación das novas tecnoloxías, “cada vez fálase máis do libro” e se “le máis”, con índices de lectura que “pouco a pouco van mellorando” e no que os libreiros cumpren o seu papel de “intermediario” entre “esta enorme selva de papel” e o cidadán. Así mesmo, o 25 de Novembro debe ser unha xornada de “reivindicación” das librarías como “comercio de proximidade” fronte ás grandes superficies comerciais, que “baleiran” os barrios da vida que deben ter ao tempo que se conta “o que se constrúe e non o que se destrúe”. “Temos moitas cousas que facer aínda”, insistiu Patiño, se ben admitiu que o nivel de vendas está a ser “máis baixo” que o ano pasado e que moitos establecementos presentan dificultades, motivadas pola perda de capacidade adquisitiva das familias, que deixaron a algunha libraría nunha situación “incómoda”. Así mesmo, os atrasos no pagamento da ‘gratuidade solidaria’ por parte da Consellería de Educación supuxo algunha quebra polas dificultades “para afrontar pagamentos” a distribuidores, aínda que “por sorte, xa está en camiño de solucionarse” (cun 70% xa pagado). (…) Con motivo do Día das Librarías, o próximo día 25 haberá descontos de ata o por cento nos establecementos, que ampliarán o seu horario ata as 22.00 horas. Así mesmo, están confirmadas máis de 25 actividades por todas as cidades galegas, como lectura pública de obras.” Vía Galicia Hoxe.
As librarías móvense cara á era dixital
“Xurxo
Patiño, Presidente da Federación de Libreiros de Galicia e Michelle Chevallier, a coordinadora de proxectos de CEGAL (Confederación Española de Gremios y Asociaciones de Libreros), presentaron hoxe en Santiago o proxecto CEGAL en rede. Esta ferramenta dixital posibilita a fluidez da información entre distribuidores, editores e librarías a través dos seus propios programas de xestión proporcionando información clara e inmediata da situación e vendas dos libros. Usuarios, editores e medios de comunicacións disporán dunha lista dos libros máis vendidos en Galicia por tramos semanais e mensuais, feita a partir dos datos directos das propias caixas rexistradoras dos establecementos. (…)” Vía Cultura Galega.
Premios Irmandade do Libro 2011
Asasinato
no consello nacional, de Diego Ameixeiras, publicada en Xerais, obtivo o premio Libro do ano 2010, no ditame anual do xurado dos premios Irmandade do Libro, da Federación de Libreiros de Galicia, que se fixeron públicos nun acto celebrado en Narón. A colección Di-versos da Editorial Positivas conseguiu o premio á mellor Obra Editorial do 2010, pola súa aposta por un xénero minoritario, como é a poesía, tanto no ámbito nacional como da tradución de autores estranxeiros, e moi especialmente polo descubrimento e aposta cara a autores radicalmente contemporáneos, mentres que no apartado de Institucións, a premiada foi a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil, Galix.
No apartado de Fomento da lectura, o galardón recaeu na Fundación Xosé Neira Vilas (Vila de Cruces), polo traballo de promoción cultural no ámbito rural, o fomento da lectura que leva a cabo a súa biblioteca, a aposta polos xéneros de poesía e teatro a través dos seus premios Arume e Estornela e como recoñecemento ao traballo de Anisia Miranda ao longo dos últimos anos. O premio para Librerías recaeu na Aenea, de Santiago, pola súa produción interdisciplinar e por contribuír á difusión do libro a través da súa actividade cultural na propia libraría. Finalmente, o Xurado otorgou o premio para o centro de ensino ao IES Taboada Chivite de Verín pola orixinalidade das súas propostas, o entusiasmo na práctica diaria do club de lectura e a constancia na difusión lectora na mocidade. Estes galardóns súmase ao xa anunciado a Víctor F. Freixanes como autor do ano.
Víctor F. Freixanes obtén o premio Irmandade do Libro na categoría de mellor autor
Os
premios Irmandade do Libro, que entrega anualmente a Federación de Libreiros, teñen xa gañador na categoría de mellor autor. Víctor F. Freixanes alzouse con este galardón na vixésima edición do certame pola súa novela Cabalo de ouros, publicado en Galaxia. Os organizadores anuncian que o resto dos vencedores daranse a coñecer o vindeiro 2 de abril, día no que, a partir das 21:00 h. se celebrará a cerimonia de entrega. As categorías pendentes de se coñecer son as do Libro do Ano, Obra Editorial, Centro de Ensino, Libraría, Institución e Fomento da Lectura. Vía Cultura Galega. Tamén reseñado en Galaxia, Galicia Hoxe, Galiciaé, La Opinión e La Voz de Galicia.