Suso de Toro volve con Fóra de si

Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Tardou oito anos en volver, volve ‘fóra de si’, ou mellor dito con Fóra de si, a súa nova novela e ritmo de bossanova, con ‘Águas de março’ de Tom Jobim, precisamente. Todo moi preciso, rodeado de voces e personaxes que compoñen esta historia. Un día dixo no Zigzag que o deixaba, hoxe está de volta. Suso de Toro. A entrevista pode verse aquí.”

Tabela dos libros. Marzo de 2018

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Co primeiro luns de mes, chega a nova Tabela dos Libros que ofrece a lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”

“O retorno de Suso de Toro”

Desde Nós Televisión:
Suso de Toro pon fin a case oito anos de “seca literaria”. O autor natural de Compostela presenta a súa última novela, Fóra de si, unha obra que presenta a un neurocirurxián que atravesa un complicado momento persoal e se atopa totalmente sobrepasado polos seus problemas, ficando mesmo “fóra de si”, como o propio título da novela indica. Suso de Toro trata diferentes cuestións vencelladas á perda, a culpa e a identidade familiar.
O escritor compostelán anunciara no ano 2010 a súa decisión de abandonar o mundo literario, xa que perdera a “fe” na literatura por mor da “crise da figura do autor” que axexa ao eido cultural. Durante este tempo, decidiu volver á docencia impartindo aulas a diferentes cursos no IES Rosalía de Castro, un centro no que ficou até a súa xubilación. Así e todo, non deixou de colaborar con diferentes medios amosando a súa visión do taboleiro político.
Agora, após o seu longo descanso, volve embarcarse no vertixinoso mundo da literatura. Suso de Toro recuperou a “fe” perdida ao ver o “estreito lazo” que xerou durante anos entre el mesmo e os seus lectores e lectoras. “A idea da novela xurdiu hai un ano e medio e decidín afrontar o desafío; gústanme os retos”, indica o escritor, quen asegura ter “desfrutado moito” durante a construción do relato.”

Suso de Toro: “Cando leo unha novela da que disfruto non quero deixala e como escritor pretendo que a miña narrativa funcione así”

Desde Xerais:
“O xornalista Kiko Novoa, no seu programa Galicia por diante, da Radio Galega, entrevistou ao escritor Suso de Toro, que regresa á literatura coa novela, Fóra de si. A entrevista pode escoitarse nesta ligazón.”

Suso de Toro recupera “a fe na literatura” pero critica un mundo onde “hai só futbolistas e políticos”

Desde Galicia Confidencial:
Suso de Toro presentou a súa nova obra, Fóra de si, nas instalacións do IES Rosalía de Castro en Santiago de Compostela, centro onde hai oito anos se entregou ao mundo do ensino tras abandonar a súa carreira no mundo da literatura, na que chegou a perder a fe, e onde recibiu o premio San Clemente por Tic Tac.
Nun panorama mediático no que a cultura parece non ter un sitio e onde “hai só futbolistas e políticos”, o autor empezou a cuestionar “o sentido da vida como escritor”, nun momento no que a crise económica afectou a todos os sectores, con diversos cambios e no que os escritores practicamente “desapareceron da vida social”.
De Toro retomou a súa carreira narrativa, aínda que o fai sen un plan e polo mero pracer “como lector e escritor” e con varios proxectos en mente que lle fixeron recuperar a “ilusión” por escribir e que lle levou a esta nova obra que, en palabras do editor Manuel Bragado, está repleta de “ADN Taurino” e de moito de si mesmo. “Creo que si e dáme medo”, sinalou respecto diso o propio Suso de Toro.
Fóra de si ofrece unha historia sen narrador, contada a través das voces dos seus protagonistas, e na que están presentes os temas recorrentes na narrativa de Suso de Toro, como as relacións entre irmáns e entre pais e fillos, o paso a cidade ao campo, e unha investigación familiar que leva ao protagonista a “un descenso ao pasado, ao Hades, ao país dos nosos maiores”.
A obra preséntanos ao neurocirurxián Ricardo Marzoa, que está sobrepasado tanto na súa vida laboral como familiar, co seu pai enfermo, e estala, soñando e imaxinando cunha nova vida, e buscando unha catarse e unha “resurrección” que lle permita cambiar o seu día a día. Tamén se plasma a “construción” e a “crise da masculinidade”, segundo sinalou o autor, ademais dunha dialéctica implícita sobre o feminino, as relacións familiares, e a construción/destrución da persoa, que se reflicte na propia portada do libro.
A profesora Rosa López Gato, presente no acto, incidiu en que a novela conta con tres características propias da súa narrativa, como son os rexistros menos académicos e máis propios da oralidade, a tendencia ao fragmentarismo e a súa proximidade ao texto dramático, e os personaxes que lembran a outras das súas obras, como os irmáns (en alusión a Land Rover).
Así, preséntanos unha historia sobre a vida e a alma e un home que “termina fóra de si” e descende para lograr unha “resurrección”. “Unha novela que nos fai reflexionar sobre a vida que levamos”, sinalou. Nesta liña, o profesor Alberto Sacido aplaudiu esta historia “de crise e tamén de rexurdimento” na que un home “tenta escapar dun destino” dirixido pola relación co seu pai e a súa contorna, na que o autor “busca atopar o seu lugar”.
Manuel Bragado destacou, pola súa banda, que a obra “ten moito de refundación” tras 30 anos da publicación de Land Rover, incidindo na importancia de Suso de Toro como un dos autores referenciales da narrativa galega “das últimas tres décadas”. “Unha reflexión sobre a posibilidade de refundar a propia vida tras saldar contas co pasado”.
Ubaldo Rueda, director do IES Rosalía, agradeceu o papel do escritor como profesor neste centro antes de xubilarse, onde foi un “excelente” docente e “un entrañable compañeiro” que se esforzou en crear “un ambiente educativo”.”

Suso de Toro: “Non leo literatura, nin galega nin non galega”

Entrevista de Daniel Salgado a Suso de Toro en Sermos Galiza:
“No escritorio de Suso de Toro (Santiago de Compostela, 1956) hai dous libros no medio do camiño, unha novela e unha comedia teatral “de enredo”. Outro máis, un ensaio, talvez nunca acabe de nacer. “Xa non creo que o escriba”, confesa. Título si tiña: Cómo intenté ser español y no me dejaron. Porque De Toro busca agora “o gozo de escribir unha historia”. Desa paixón alegre xurdiu Fóra de si (Xerais, 2018), a historia do neurocirurxián Ricardo Marzoa coa que, orgulloso, se desdí. Hai oito anos anunciara o seu abandono da literatura. “Recuperei a fe”, explica. Eis un extracto da conversa publicada no Sermos Galiza 284.
– Sermos Galiza (SG): En Fóra de si, como noutras obras súas, hai un axuste de contas. A literatura como axuste de contas?
– Suso de Toro (SdT): Si, porque, que significa un axuste de contas? Ir ao pasado resolver algo. O axuste de contas significa que alguén decide mirar atrás e ir ao pasado solucionar algo que estaba sen solucionar. E iso é o que fan os personaxes dos meus libros. Xa en Land Rover, que é unha novela escrita no ano 87, publicada creo que no 88. Pero en case todos os meus libros hai protagonistas que viaxan ao pasado para solucionar problemas que estaban non ocultos pero si arrombados, ou sepultados, ou mal enterrados.
– SG: Os anos en que estivo sen publicar novela…
– SdT: Saquei aquel libriño de Somnámbulos, en que aparece un psicanalista que volve aparecer en Fóra de si.
– SG: …foron os anos da gran crise do neoliberalismo. Percíbese na literatura galega?
– SdT: Sabes que pasa? Que non leo literatura, nin galega nin non galega. Raramente. Leo libros soltos en función dun tema que me interesa nese intre. A xente non o entende e cre que é por soberbia ou menosprezo, e non é o caso. Se te ves obrigado pola profesión, ou porque es un puramente un lector e non desencadeas un proceso creativo, podes seguir a actualidade. Pero se non, non. Eu non a sigo. Non hai que mirar para os lados. Ao principio é inevitábel: cando encetas un camiño tes que estabelecer o valor do que fas e comparalo co mundo real. E o mundo real ao principio é un mundo moi doméstico. É inevitábel ler os coetáneos. Pero logo non hai que facelo, entre outras cousas porque son demasiado parecidos a ti, porque o espírito da época é semellante. É desconcertante, e faiche dubidar da túa orixinalidade. Eu tiven fortuna de estabelecer unhas referencias moi altas, grazas a don Benito Varela Jácome. Afacerte a admirar é fundamental. O autor que non o faga non poderá emular, para construírse como autor. Se só te move a envexa dos veciños, non vas emular. Trátase de non mirar os veciños, senón o que admiras e intentar emular as súas proezas cos teus desafíos. Nese sentido fun a por todas. Por iso nunca me vin como autor galego. Eu son autor. Eu quero ser un autor en serio e o meu problema é que vou ficar limitado polos condicionamentos históricos da miña lingua. Estou fodido.”

Suso de Toro: “En ‘Cinco Feiras’ gustaríame non escribir de política”

Entrevista de Daniel Salgado a Suso de Toro en Sermos Galiza:
“Suso de Toro (Santiago de Compostela, 1956) regresa, de forma regular, á prensa galega. Faino coa sección Cinco Feiras, que publicará cada día da semana no dixital Sermos Galiza. A piques de estrear novela –Fóra de si, en Xerais- despois de sete anos de silencio, tamén cociña un ensaio sobre as razóns da literatura. “Non sei estarme quieto”, confesa divertido. (…)
– Sermos Galiza (SG): Xa rematou a súa novela de retorno á literatura?
– Suso de Toro (SdT): Está rematada, si. Pero non lle dou moita importancia. Ao interromper a escrita [Suso de Toro anunciara hai case oito anos que abandonaba a súa carreira literaria], non teño programa estético. Mais é unha novela moi miña. E o editor [publicaraa Edicións Xerais] está contento.
– SG: Ten título?
– SdT: Ten: Fóra de si. Despois de que saia en galego, aparecerá en castelán -traducina eu mesmo- e en catalán.
– SG: Por que volveu escribir e publicar ficción?
– SdT: Para me divertir. Polo mesmo polo que empezo esta sección no Sermos. E porque realmente me gusta, non paran de ocorrérseme historias e desafíos literarios. A xente non sabe que os que escribimos estamos infectados, colonizados, de linguaxe. E que nos tranformamos ao escribir. Tampouco sei estarme quieto, claro.”