A Coruña: Clube de lectura coordinado por Francisco Fernández Naval na Biblioteca González Garcés

En xoves alternos desde o 14 de outubro até o 23 de decembro retómase o Clube de Lectura en Galego que dirixe Francisco Fernández Naval na Biblioteca Miguel González Garcés da Coruña. Neste último trimestre conxugaranse autores galegos clásicos e contemporáneos, homes e mulleres de idades diferentes, para poder ter unha mellor visión do panorama actual da narrativa galega, lendo, por exemplo a Rafael Dieste e Anxos Sumai. Lidos os libros na casa, as persoas que forman o club comentarán as súas impresións, discutíndose aspectos, literarios ou non, relacionados coa obra e co autor ou autora, favorecendo o diálogo e a convivencia e unha mellor comprensión da obra. Máis información sobre as actividades e a inscrición neste enlace.

Francisco Fernández Naval: “Nunca o poder lle fixera tanto mal ao galego na autonomía”

Entrevista a Francisco Fernández Naval en Galicia Hoxe:
“Galicia Hoxe (GH): A poesía, Chisco, é para ti unha arma de amor e combate, un reto á vida e mais á infamia…?
Francisco Fernández Naval (FFN): Para min, a poesía segue sendo o argumento principal do home diante da vida, unha forma de coñecemento dos misterios a través da intuición e da metáfora, o único xeito de nos aproximar ao que non comprendemos. Amais diso, tamén é unha arma e un xeito de estar no mundo.
GH: Poeta, narrador, ensaísta… En que terreo estás máis a gusto…?
FFN: Empecei escribindo versos, logo pasei ao teatro, que deixei pola narrativa. Gústame ler poesía e, ás veces, necesito escribila, pero tamén me gusta contar e que me conten historias. Quixera seguir traballando os dous xéneros, sen ter que renunciar a ningún e nestes últimos anos regresei con gusto ao teatro.
GH: Hai unha obra de grande calado que está a agardar aínda pola túa escrita?
FFN: Non o sei, sobre todo porque non sei cal é o gran calado dunha obra ou dunha historia. Eu procuro, sobre todo, que os libros que escribo teñan dimensión humana, que comuniquen algo, que procuren complicidades nos lectores.”

A Coruña: programa do luns 2 de agosto na Feira do Libro

19.00 h. A escritora Rosa Aneiros asinará exemplares dos seus libros Sol de inverno (Premio Xerais de novela 2009), Ás de bolboreta (Premio Fundación Caixa Galicia 2009), e do resto da súa obra.
19.00 h. A Fundación Luís Seoane presenta o Dicionario Seoane, de Xosé Luis Axeitos, Antón Patiño, Xosé Díaz, Mª Antonia Pérez, Xavier Seoane e Ramón Villares. Participarán no acto Xosé Díaz e Alberto Ruiz de Samaniego.
19.30 h. Alfonso Costa, Francisco Fernández Naval e Camilo Franco, coautores de Níxer (libro solidario a favor da ONG Acción Contra a Fame), asinarán exemplares do libro, publicado por Xerais.
20.00 O escritor Francisco Castro presentará o seu libro O segredo de Marco Polo, publicado por Editorial Galaxia. Xunto co autor, participan no acto Víctor F. Freixanes e Dores Tembrás.

20.30 O escritor Jesús María Reiriz Rey asinará exemplares do seu libro Galicia oculta y negra, editado por Publicaciones Arenas.
21.00 Presentación do libro El árbol ausente, de Catherine François, publicado pola editorial Demipage. Presentará o acto Santiago Auserón, traductor do libro, Tati Mancebo e a propia autora.

Lira (Carnota): presentación de Ao pé da Laxa da Moa, de Antón Cortizas

O venres 30 de xullo, ás 20:00 h., preséntase o libro de Antón Cortizas Ao pé da Laxa da Moa. Literatura de tradición oral de Carnota, publicado en Xerais, na Confraría de Pescadoras de Lira Portocubelo, en Carnota. No acto participarán Manuel Bragado, Belén Campos, Francisco X. Fernández Naval e Manuel Souto acompañando ao autor. Ao remate da presentación María de Fetós interpretará unhas pezas musicais coa súa pandeireta.

Vigo: presentación de Níxer, con Alfonso Costa, Francisco Fernández Naval e Camilo Franco

No marco das actividades da Feira do Libro de Vigo, o xoves 8 de xullo, ás 19:30 horas, preséntase Níxer, publicado por Edicións Xerais. No acto participarán os seus autores, Alfonso Costa, Francisco Fernández Naval e Camilo Franco, acompañados por Isabel Iglesias Santos, responsable en Galicia de Acción contra a Fame e Fran Alonso.

A Coruña: recital poético-musical na exposición “Cada paso conta”

O martes 22 de xuño, ás 20:00 horas, na Casa Casares Quiroga (Panadeiras, 12) da Coruña, haberá un recital poético-musical, organizado por Acción contra el Hambre Galicia. Nel participan Marica Campo, Francisco Fernández Naval, Olga Patiño e Emma Pedreira, e os compoñentes do grupo folk Citania: Teresa Méndez (violín) e Brais Morán (guitarra). Este acto está enmarcado na exposición CADA PASO CONTA: pintura, fotografía, escultura, poesía, ilustración, artesanía, na que máis de 70 artistas doan as súas obras para loitar contra a desnutrición infantil. A entrada será libre até completar capacidade.

Sarria: Francisco X. Fernández Naval recollerá o X Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño

«Este sábado 22 de maio ás 19:30 horas no hotel NH Alfonso IX de Sárria. Participarán os gañadores das 10 edicións do premio: Marica Campo, Xesús Pereiras, Estevo Creus, Martín Veiga, Miguel Mato, Emma Pedreira, Neira Cruz, Olalla Cociña, Baldo Ramos e Francisco X. Fernández Naval.
Acompañados polo dúo de violonchelo e violín formado por Rosalía Vázquez e Iván Novo.
Intervirán na entrega do premio:
-Os membros do xurado Olalla Cociña e Cesáreo Sánchez Iglesias (Presidente da AELG)
-O artista plástico Jorge Varela
-O concelleiro de cultura de Sárria, Xermán Arias, o vicepresidente da Deputación Provincial de Lugo, Antón Bao e a presidenta de Ergueitos, María Casar.
Pecharemos o acto co espectáculo de María Lado e Lucía Aldao “moita poesía, pouca diversión”»

a.c. ergueitos sárria

Ourense: presentación do libro Níxer, de Francisco X. Fernández Naval, Camilo Franco, Alfonso Costa, Moustapha Bello Marka

O acto, que contará coa participación de Alfonso Costa, Camilo Franco, Francisco Fernández Naval, Isabel Iglesias Santos e Manuel Bragado, terá lugar o vindeiro mércores, 26 de maio, ás 20:15 horas no Liceo de Ourense (Lamas Carvajal, 5, Ourense). Organizado por ACCIÓN CONTRA A FAME, O LICEO DE OURENSE e EDICIÓNS XERAIS DE GALICIA.