O Premio Fernández del Riego de Xornalismo premia un artigo de Manuel Bragado

Desde Sermos Galiza:
“O editor Manuel Bragado é o novo gañador do Premio Fernández del Riego de Xornalismo polo seu artigo Illa Soidade, publicado no xornal diario Faro de Vigo do que é colaborador. No artigo, Manuel Bragado repara, como todos os días e todas as noites, nun vello que vive na rúa, no centro de Vigo e reflexiona, cunha coidada lingua e unha tensión que convida á lectura, sobre os “sen teito” ao tempo que, desde a imaxe do home da rúa Urzáiz faise preguntas sobre o seu pasado, as razóns que conducirían a súa vida e mesmo sobre o seu futuro, nun artigo de corte social e forma literaria que toma o título da novela da escritora An Alfaya, Illa Soidade. (…)
O premio Fernández del Riego está convocado pola Fundación Novacaixagalicia e o Ámbito Cultural de El Corte Inglés e está dotado con 6.000 euros.”

Manuel Darriba gaña o X Premio de Xornalismo Francisco Fernández del Riego

Entregouse en Pontevedra o X Premio de Xornalismo Francisco Fernández del Riego, outorgado pola Fundación Novacaixagalicia e o Ámbito Cultural de El Corte Inglés. Nacido coa vocación de recoñecer e impulsar o uso do noso idioma nos medios de comunicación, este ano recaeu nun artigo de Manuel Darriba.

Xosé Daniel Costas Currás gaña o X Premio de Poesía Novacaixagalicia, coa obra Monicreques

“A X edición do Premio de Poesía Novacaixagalicia, que organiza a Fundación Novacaixagalicia en colaboración co Centro PEN de Galicia, foi para Xosé Daniel Costas Currás. O poeta, nado en Moaña en 1981, impúxose entre os 71 participantes coa obra Monicreques. O xurado destacou “a aposta arriscada por unha estrutura autenticamente novidosa, a teatralidade da mesma, un ritmo e unha musicalidade singulares e unha plasticidade que vai máis alá das imaxes e cromías para construír un mundo poético e pletórico de modernidade, que non por iso deixa de lado a tradición”. Costas levará 12.000 euros e verá publicado o seu traballo na colección Arte de trobar. O presidente do Centro PEN, Luís González Tosar, Emma Pedreira, Ana Salgado, Edelmiro Vázquez Naval, Antón Pulido e Xabier Castro Martínez foron os compoñentes do xurado.” Vía Cultura Galega e Fundación Novacaixagalicia. Recollido tamén en La Voz de Galicia.

Lugo: presentación de Xosé Díaz Jácome, poeta e xornalista, de Armando Requeixo

O luns 12 de decembro, ás 20:00 horas, no Auditorio da Fundación Novacaixagalicia de Lugo (Praza de Santa María, s/n.), preséntase o libro Xosé Díaz Jácome, poeta e xornalista, de Armando Requeixo, publicado pola Fundación Novacaixagalicia e El Progreso, co que o autor gañou o Premio Ánxel Fole do 2010. No acto, acompañando ao autor, participan responsables das entidades convocantes (Fundación Novacaixagalicia e Grupo El Progreso) e representantes do xurado.

Convocado o X Premio de Poesía Novacaixagalicia

A Fundación Novacaixagalicia e o PEN Clube de Galicia convocan a X edición do Premio de Poesía Novacaixagalicia, na súa edición de 2011, coas seguintes

BASES

– 1. Poderán concorrer ao X Premio de Poesía Novacaixagalicia autores e autoras de calquera nacionalidade, presentando unha soa obra escrita en lingua galega (segundo a normativa ortográfica vixente).
– 2. O premio, un e indivisible, está dotado con 12.000 euros, cantidade da que se deducirán os impostos correspondentes.
– 3. As obras aspirantes, que deberán acadar unha extensión mínima de 600 versos, han de ser inéditas na súa totalidade e non poderán estar presentadas simultaneamente a outros concursos.
– 4. Os orixinais débense presentar por quintuplicado, mecanografados e baixo lema. O mesmo lema deberá figurar no exterior dun sobre pechado que conteña os seguintes datos: título da obra, nome e apelidos do autor ou autora, fotocopia do DNI, enderezo postal, correo electrónico e teléfono de contacto.
– 5. Os poemarios enviaranse por correo postal ou mensaxería a: Novacaixagalicia, Departamento de Obras Sociais. Centro Social Novacaixagalicia. Rúa Policarpo Sanz, 24-26, 36202, VIGO, indicando no sobre: Para o X Premio de Poesía Novacaixagalicia.
– 6. O prazo de admisión rematará o 31 de outubro de 2011, quedando excluídos todos os envíos que leven data posterior.
– 7. O Xurado cualificador estará constituído por cinco persoas de recoñecido labor no ámbito literario, actuando como presidente o titular do Centro PEN de Galicia. Correspóndelle ao Xurado a interpretación destas Bases e a súa decisión será inapelable.
– 8. O fallo do X Premio de Poesía Novacaixagalicia farase público, perante os medios de comunicación, en Vigo, no Centro Social Novacaixagalicia, a comezos de decembro de 2011.
– 9. A obra premiada publicarase na colección Arte de Trobar, editada polo Centro PEN de Galicia, renunciando o autor ou autora, na primeira edición, aos dereitos que puideran corresponderlle. De existiren posteriores edicións, deberase facer constar nelas que a obra recibiu o X Premio de Poesía Novacaixagalicia.
– 10. Non se devolverán os orixinais recibidos, nin se admitirán reclamacións sobre os mesmos. O feito da presentación ao X Premio de Poesía Novacaixagalicia obriga aos participantes a respectar as presentes Bases na súa totalidade.

Vigo, abril de 2011.”

As bases poden ser descargadas en formato .pdf aquí: X Premio de poesia Novacaixagalicia 2011.