As 167 cartas que se enviaron Otero Pedrayo e Carvalho Calero estarán dispoñíbeis ‘online’

Desde Nós Diario:
“Trátase das 167 cartas que os escritores se enviaron entre 1949 e 1974, que pasarán a estar estar dispoñíbeis ‘online‘ para estudo ou consulta.
A firma contou coa herdeira de Carvalho Calero, María Vitoria Carvalho Calero, e o presidente da Fundación Penzol, Manuel Puga Pereira; así como co presidente do Parlamento da Galiza, Miguel Santalices.
As 85 cartas enviadas por Otero Pedrayo están depositadas no Parlamento galego, mentres que as 82 remitidas por Carvalho Calero son custodiadas pola Fundación Penzol.
Durante o acto, o presidente do Parlamento galego destacou que ambos os dous autores foron dúas persoas “comprometidas coa causa da liberdade e o galeguismo”, que afrontaron dificultades na súa traxectoria “cunha enteireza, valentía e integridade realmente exemplares”. “A Galiza actual está en débeda cos galeguistas históricos que antes e durante a ditadura, nuns casos desde o territorio, noutros desde a emigración ou desde o exilio, trazaron a senda do que é a Galiza actual”, destacou.”

Vigo: presentación á prensa da edición facsimilar de Vieiro Choído, de Xosé Luís Franco Grande

O xoves 12 de abril, ás 12:00 h, terá lugar na Casa Galega da Cultura, sede da Fundación Penzol, a presentación á prensa da edición facsimilar de Vieiro choído de Xosé Luís Franco Grande, número 1 da histórica colección Illa Nova, publicado por Galaxia. Na rolda de prensa acompañarán ao autor Antón Vidal Andión, Manuel Meixide Vecino e Manuel Puga.

Falece Alfonso Zulueta, integridade e compromiso galeguista

Desde Galaxia:
“Alfonso Zulueta de Haz (Vigo, 1924-Vigo, 2017) faleceu na tarde do 27 de xuño despois dunha vida de entrega xenerosa. Notario de profesión e galeguista de corazón, un home que durante a súa longa vida militou na defensa da lingua e da cultura galegas. Asumiu responsabilidades nas editoriais Sept e Galaxia, desta última foi vicepresidente. As súas actividades públicas tamén abrangueron a presidencia do Consello da Cultura (2002-2006) e a da Fundación Penzol ata decembro de 2016 cando pasou a ser presidente de honra.
Participou na política activa dentro do Partido Galeguista e na fundación do Partido Galego Socialdemócrata, foi o primeiro presidente do Consello Social da Universidade de Vigo e, quizais, do que se sentía máis orgulloso era de impulsar a tradución e publicación da Biblia en galego. (…)”

A Universidade da Coruña presenta unha edición facsímile do primeiro número d´A Nosa Terra

Desde a Universidade da Coruña:
“Para aglutinar seguidores e difundir o seu pensamento, os promotores das Irmandades da Fala lanzaron a cabeceira A Nosa Terra no remate do ano fundacional de 1916.
A Universidade da Coruña pechou o 29 de decembro a súa conmemoración do centenario das Irmandades coa publicación dunha reprodución facsimilar daquel primeiro número do boletín irmandiño.
O libro, editado polo Servizo de Publicacións da UDC, foi preparado polos profesores Uxío-Breogán Diéguez e Teresa López, co apoio e a colaboración da Fundación Penzol e da Deputación da Coruña. Xunto cos seus traballos, inclúe un texto de Víctor Casas, galeguista histórico que fora director d’A Nosa Terra naquela época.
Na presentación do facsímile, o reitor, Julio Abalde, salientou o papel determinante das Irmandades da Fala para dar un salto cualitativo na valoración da lingua galega como idioma culto e moderno.
“Os irmandiños –dixo Abalde– alicerzaron o nacemento dun galeguismo modernizador que viña acompañado dun sólido afán identitario a través non só da lingua, senón igualmente da reivindicación e posta en valor da nosa música, da etnografía, da arquitectura e das artes plásticas”.
A vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, lembrou que o nacemento das Irmandades da Fala foi un “punto de inflexión” para a cultura galega e que o seu órgano de prensa apareceu axiña porque os promotores se decataron da transcendencia de contar con voceiros propios.
Sanmartín sinalou que ao longo do vindeiro 2017 a Deputación manterá viva a programación cultural arredor das Irmandades da Fala, entre outras cousas para levar a distintas vilas da provincia a exposición conmemorativa que este ano percorreu as sete principais cidades galegas.”

Francisco Castro: “Haberá unha aposta clara pola modernidade, por ese horizonte 2.0 do libro electrónico”

Entrevista a Francisco Castro en Sermos Galiza:
“Falamos co novo director da editorial Galaxia quince minutos despois de que remate o Consello de Administración que vén de nomealo en substitución de Víctor Freixanes.
– Sermos Galiza (SG): Logo de tantos anos en Galaxia, que supón para ti ser o novo director da editorial?
– Francisco Castro (FC): Pois imaxínate, unha responsabilidade enorme e un reto absolutamente fantástico. Hai 15 minutos que rematou o Consello de Administración que decidiu nomearme e estou nunha nube, feliz, moi consciente da responsabilidade, pero moi contento.
– SG: Estase producindo un relevo xeracional paulatino no mundo Galaxia. Ademais de Freixanes, hai uns días retirábase Zulueta de Haz como presidente da Fundación Penzol, dando paso a Manuel Puga. Que suporá isto para a entidade?
– FC: Estamos diante dun relevo xeracional, Víctor Freixanes xubílase, fixo un traballo excepcional ao longo de todos estes anos, e agora tócanos á xeración que vén por detrás asumir estes retos. Entre moitos outros que vai haber, de renovación do noso catálogo, de apertura de novas coleccións, pois unha haberá unha aposta clara pola modernidade, por ese horizonte 2.0 do libro electrónico e da experimentación con moitos formatos. Un dos retos cruciais para min, ademais de seguir mantendo este proxecto de navegación que empeza no ano 1950, é sobre todo conectar coa mocidade, contribuír desde esta editorial ao que na fundación se soñou, que é o espallamento da literatura e da cultura galega, agora dicimos tamén da música galega, enchufándonos moi ben en todos os chanzos da idade. Imos potenciar máis a nosa liña de música infantil que tantas alegrías nos ten dado. (…)
– SG: E esta nova responsabilidade limitará a túa dedicación á literatura?
– FC: Obviamente vai dificultala bastante, pero é un reto profesional que como editor asumo con orgullo e con plena entrega. Obviamente se xa era difícil sacar horas para escribir agora témome que vai ser máis difícil aínda, pero é un prezo lindo a pagar.”