Antón Cortizas gaña o Premio Arume de poesía infantil 2022

Desde Cultura Galega:
“Unha nova edición do premio Arume de Poesía para a infancia vén de fallarse, a segunda tras retomar este certame o pasado 2021 logo de anos de parada. O xurado desta edición decantouse pola obra Os versos da mariola de Antón Cortizas (Ferrol, 1954) destacando dela a reivindicación que fai do xogo tradicional a través da poesía, que explica como “unha sorte de brincadeira coa palabra poética como vehículo para achegarse a un encontro entre a rapazada, máis alá da tecnoloxía ou as pantallas que predominan no tempo de vagar da infancia de hoxe en día”, un tema do que Cortizas é un dos grandes coñecedores como deixou claro no volume Tastarabás. Enciclopedia de brinquedos tradicionais (Edicións Xerais, 2013). No caso desta obra poética o xurado explica que é unha proposta lúdica, “atraínte por orixinal e pola riqueza da linguaxe”, asegura na súa acta. O Premio Arume de Poesía para a Infancia foi creado por Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda coa finalidade de apoiar a poesía infantil e que tivo a súa primeira edición hai xa vinte anos, hoxe en día é unha iniciativa conxunta da Fundación Neira Vilas, a empresa Deleite e a asociación GÁLIX – Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil, con Edicións Embora como empresa editora dos libros premiados. Este venres, 16 de decembro, ás 18.00 h. no Auditorio Neira Vilas, da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela terá lugar a entrega do premio, que ten unha dotación en metálico de 1.000 euros. No mesmo acto presentaranse os libros Violeta Parapluie, de Ramón D. Veiga, e A flor da letra, de Manuel López Rodríguez, gañadores da edición anterior.”

Ferrol: presentación de A comuna de Valdonelle, de Carlos Neira Suárez

Premio Xosé Neira Vilas de novela curta para o escritor Álvaro Domínguez

Desde El Correo Gallego:
“O xurado da sétima edición do Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta decidiu, e por unanimidade, concederlle o galardón á obra Cristais rotos, de Álvaro Domínguez. A sesión celebrouse no compostelán Pazo de San Roque e o xurado estivo integrado por Juan Andrés Fernández e Rosalía Morlán, membros da Fundación Xosé Neira Vilas, así como polo investigador, crítico literario e profesor universitario Armando Requeixo.
O tribunal argumentou a súa decisión na forza narrativa dun relato que profunda nas luces e sombras dunhas vidas golpeadas polo destino. Así mesmo, salientou a habelencia na orquestración estrutural da obra, na que conflúen tramas alternas as e complementarias, escritas cunha prosa brillantemente perfilada de diálogos áxiles e cheos de verosimilitude. (…)
O galardón será entregado o vindeiro 3 de novembro nun acto público na sede da Fundación Xosé Neira Vilas en Gres, que comezará ás 18.30, e que coincide coa conmemoración do Día do Lector. O premio está dotado con 1000 euros e a publicación do traballo seleccionado. O obxectivo deste certame, dirixido a público infantil e xuvenil, é estimular a creación literaria, fomentar a lectura en lingua galega e proporcionar obras de calidade ao público mozo que lle permitan achegarse ao engaiolante mundo da novela. (…)”

Compostela: rolda de prensa arredor da nova edición de O cabaliño de buxo, de Xosé Neira Vilas

Desde Galaxia:
“O 11 de outubro, celebrarase, ás 11:00 h., no Pazo de San Roque, en Santiago de Compostela, unha rolda de prensa arredor de O cabaliño de buxo, de Xosé Neira Vilas, ilustrado por Belén Rodríguez Pazo.
Estarán no acto, Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística, Fernando Redondo Neira, presidente da Fundación Neira Vilas, e Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia.
Enfocada á cativada, O cabaliño de buxo, ilustrada por Belén Rodríguez Pazo, está ambientada no mundo de aldea que impregna a obra de Xosé Neira Vilas. Ruliño, o protagonista, olla o mundo coa curiosidade dos nenos, tratando de comprender o porqué das cousas. Este libro, dedicado a Anisia, que ten os ollos de rapaza galega, reflicte a grandeza do pequeno, poñendo en valor a cultura propia.
A edición desta obra contou co apoio da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística. (…)”

Gres, Vila de Cruces: Encontro Literario con Antía Otero

O domingo 25 de setembro ás 17:00 horas, a poeta e editora Antía Otero será a convidada no Encontro Literario, dedicado desta volta á poesía, que terá lugar na Casa do Romano, sede da Fundación Xosé Neira Vilas, en Gres (Vila de Cruces).
Autora de obras como O branco non pinta!, (Retro)visor ou O cuarto das abellas, pertence a unha nova xeración de galegas que veñen destacando na creación poética dos últimos anos. Haberá ocasión de falarmos do proceso creativo, da súa faceta no eido da videopoesía e mesmo da súa amizade con Neira Vilas e Anisia Miranda.
O encontro será conducido por Rosalía Morlán, secretaria da Fundación Xosé Neira Vilas.

Carlos Neira Suárez gaña o VII Concurso Balbino de Relatos