Santiago: Castelao. Símbolo de Galicia, no ciclo Galicia, ceo das letras

O sábado 15 de decembro, dentro do Ciclo Galicia, ceo das letras, que se desenvolven na Biblioteca da Cidade da Cultura, o protagonista será Castelao. O programa é o seguinte:

12:00 h. Relatorio, por Miguel Anxo Seixas Seoane.
13:00 h. Cousas da vida (35 minutos). Espectáculo de transparencias e sombras realizado por Títeres Cachirulo e inspirado nas personaxes das viñetas de Castelao. Narra a aventura de dous rapaciños que deciden visitar o estaleiro onde se está a construír un barco para emigrar ás Américas.
13:35 h. Alba de Gloria. Recitado do célebre discurso de Castelao a cargo de Xurxo Souto, escritor, xornalista e músico bravú.

Presenta: Alfonso Paz Andrade.
Para acceder á actividade é preciso reservar previamente aquí.

Santiago: Ramón Otero Pedrayo, no ciclo Galicia, ceo das letras

O sábado 20 de outubro, dentro do Ciclo Galicia, ceo das letras, que se desenvolven na Biblioteca da Cidade da Cultura, o protagonista será Ramón Otero Pedrayo. O programa é o seguinte:

12:00 h. Relatorio, por Ramón Villares.
13:00 h. Fidalgo (40 minutos). Peza teatral representada pola compañía Casahamlet baseada en diferentes textos de Otero Pedrayo. Interpretada por Manuel Lourenzo e Rubén Espejo, co apoio musical de Brandán Lourenzo.

Presenta: Víctor F. Freixanes, escritor e presidente da Fundación Otero Pedrayo.
Para acceder á actividade é preciso reservar previamente aquí.

Santiago: Jorge Amado, no ciclo Galicia, ceo das letras

O sábado 12 de maio, dentro do Ciclo Galicia, ceo das letras. Sábados de autor, que se desenvolven na Biblioteca da Cidade da Cultura, o protagonista será Jorge Amado. O programa é o seguinte:

12:00 h. Relatorio, por Basilio Losada.
13:00 h. Jorge Amado no cinema. O iconoclasta cineasta brasileiro Glauber Rocha realizou en 1979 este documental onde plasma a súa particular mirada sobre a vida cotiá de Jorge Amado e a súa dona, Zélia Gattai.

Presenta: José Manuel Sande, responsable de programación do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI).
Para acceder á actividade é preciso reservar previamente aquí.

Santiago: Celso Emilio e a dignidade da terra, no ciclo Galicia, ceo das letras

O sábado 14 de abril, dentro do Ciclo Galicia, ceo das letras. Sábados de autor, que se desenvolven na Biblioteca da Cidade da Cultura, terá lugar esta actividade amadriñada pola Fundación Celso Emilio Ferreiro: Celso Emilio Ferreiro e a dignidade da Terra, autor dalgún dos títulos que deixaron unha máis fonda pegada na literatura galega contemporánea, como Viaxe ao país dos ananos, Onde o mundo se chama Celanova, O soño sulagado, e sobre todo Longa noite de pedra, estandarte profusamente musicado desde a nova canción galega dos anos 60’ ate os nosos días. En 2012 conmemoramos o centenario do seu nacemento. O programa é o seguinte:

12:00 h. Relatorio, por Ramón Nicolás Rodríguez. Profesor e crítico literario. Realizou diversos traballos sobre Celso Emilio Ferreiro e ten a piques de publicar unha biografía sobre o celanovés.
13:00 h. Labregos do Tempo dos Sputniks (35 minutos). Tres colosos do punk (O Leo), do hip hop (García Mc -Dios Ke Te Crew-) e do ska (Vero –Xenreira-) conflúen nunha das bandas máis poderosas da escena musical galega actual, en tributo aos versos de Celso Emilio.

Presenta: Luís Ferreiro, fillo do poeta e presidente da Fundación Celso Emilio Ferreiro.
Para acceder á actividade é preciso reservar previamente aquí.

Santiago: Blanco Amor ou a paixón das marxes, no ciclo Galicia, ceo das letras

sábado 11 de xuño, dentro do Ciclo Galicia, ceo das letras. Sábados de autor, que se desenvolven na Cidade da Cultura, terá lugar esta actividade amadriñada pola AELG: Blanco Amor ou a paixón das marxes, que pretende reivindicar para Eduardo Blanco Amor o lugar que lle corresponde na nosa literatura. Blanco Amor é recoñecido como un dos nosos máis lúcidos escritores clásicos, autor dunha obra literaria completa e innovadora desde o punto de vista técnico e lingüístico, que, no entanto, non sempre foron argumentos sólidos para evitar certa marxinalidade do autor en vida. O programa é o seguinte:

12:00 | Relatorio: Bieito Iglesias. Profesor, tradutor e xornalista, é autor de novelas e relatos fundamentais no último decenio, galardoados, entre outros, co Premio García Barros, o Premio da Crítica ou o Premio Merlín de Literatura Infantil e Xuvenil.
13:00 | Proxección audiovisual (45 minutos). Produción propia da Asociación de Escritores en Lingua Galega (A.E.L.G) que se estrea neste ciclo, como mostra da visión poliédrica dunha serie de escritores/as e estudosos/as sobre o universo literario de Blanco Amor.
Presentan: Cesáreo Sánchez Iglesias, poeta e presidente da A.E.L.G. e Mercedes Queixas Zas, profesora, ensaísta e crítica literaria, así como secretaria xeral da A.E.L.G.

Inscricións:
• Inscrición libre e gratuíta no teléfono 881-979 010 ou na web da Cidade da Cultura, até completar aforo.
• O prazo límite para inscribirse conclúe 24 horas antes do comezo de cada sesión. O período de inscrición abrirase un mes antes da data de celebración da sesión.
• A inscrición será efectiva unha vez que a persoa solicitante reciba confirmación por parte da organización.
Para acceder ás sesións é preciso mostrar copia impresa da confirmación no punto de información da Biblioteca de Galicia.

Visitas guiadas. As persoas inscritas poderán realizar unha visita guiada á Cidade da Cultura de Galicia unha hora antes do inicio da sesión (11:00 AM).

– A hora prevista de remate oscilará entre as 14:00 e as 14:30, dependendo da duración das actuacións artísticas. Ao concluír cada sesión servirase un viño galego por cortesía das Bodegas Martín Códax.

– Accesos á Cidade da Cultura:
•Servizo de buses lanzadeira desde o Multiusos do Sar a partir das 10:30 AM e cunha frecuencia de 10 minutos. O autocar regresará ao punto de partida ao finalizar cada sesión.

Santiago: Cunqueiro e a maxia da palabra no ciclo Galicia, ceo das letras

O sábado 2 de abril, dentro do Ciclo Galicia, ceo das letras. Sábados de autor, que se desenvolven na Cidade da Cultura, terá lugar esta actividade: Cunqueiro e a maxia da palabra, co seguinte programa:
12:00 | Relatorio: Quico Cadaval. Actor, director, adaptador de teatro e contacontos, é un dos nosos cómicos máis corrosivos e penetrantes, así como un profundo coñecedor do universo máxico de Álvaro Cunqueiro.
13:00 | Cunqueiradas (45 minutos), por Cándido Pazó. Desde a súa longa e recoñecida experiencia, o narrador oral Cándido Pazó reúne neste espectáculo cómico algunhas das súas historias e lerias inspiradas nos contos do xenial mindoniense.

Santiago: actividades do ciclo Galicia, ceo das letras

O sábado 12 de marzo, dentro do Ciclo Galicia, ceo das letras. Sábados de autor, que se desenvolven na Cidade da Cultura, terá lugar esta actividade: Martín Códax, o son das ondas, co seguinte programa:
12:00 | Relatorio: Giuseppe Tavani. Catedrático xubilado de Filoloxía Románica na Universidade La Sapienza de Roma. Especialista en lírica trobadoresca medieval, é o principal estudioso dos cancioneiros galego-portugueses. Recibiu entre outras distincións o Pedrón de Ouro e a Medalla Castelao, así como o doutorado honoris causa pola Universidade de Santiago de Compostela.
13:00 | Grupo de Música Antiga Martín Códax (30 minutos). O nome do grupo rende homenaxe ao noso autor protagonista, sendo as súas sete cantigas parte do repertorio interpretado polo grupo.
Presenta: Henrique Monteagudo. Profesor de Filoloxías Galega e Portuguesa da Universidade de Santiago de Compostela. Membro da Real Academia Galega e do Consello da Cultura Galega.

Santiago: actividades sobre Fernando Pessoa en Galicia, ceo das letras

O sábado 26 de febreiro, dentro do Ciclo Galicia, ceo das letras. Sábados de autor, que se desenvolven na Cidade da Cultura, terá lugar esta actividade:

Fernando Pessoa: da nosa veciñanza, co seguinte programa:
12:00 | Relatorio: Carlos Quiroga. Profesor na Universidade de Santiago e escritor, foi premio extraordinario de doutoramento cunha tese sobre Pessoa.
13:00 | Dulce Pontes e Uxía Senlle (40 minutos). Dúas das máis grandes damas da música popular galega e portuguesa celebran a Fernando Pessoa cantando as súas letras, nun espectáculo inédito, creado especialmente para este ciclo literario.

Santiago: actividades de xaneiro de Galicia, ceo das letras. Sábados de autor, na Cidade da Cultura

Os sábados 15 e 29 de xaneiro, dentro do Ciclo Galicia, ceo das letras. Sábados de autor, que se desenvolven na Cidade da Cultura, terán lugar estas actividades:

15 de xaneiro. Rosalía, a voz dun pobo:
12:00 | Relatorio: María do Cebreiro Rábade Villar. Poeta, profesora e investigadora na Universidade de Santiago de Compostela. Actualmente desenvolve un estudio no que aborda diferentes aspectos da obra de Rosalía de Castro.
13:00 | Ao raso coas lebres (60’), da compañía CasaHamlet. Textos de Rosalía de Castro dramatizados e musicados a cargo desta compañía dirixida por Manuel Lourenzo e Santiago Fernández.
Presenta: Helena Villar Janeiro, presidenta da Fundación Rosalía de Castro.
29 de xaneiro. Manuel Antonio: “venador” de horizontes:
12:00 | Relatorio: Xosé Luís Axeitos. Catedrático de Lingua e Literatura Castelá e Secretario da Real Academia Galega. Experto na obra de Manuel Antonio, ten publicado varios libros sobre a poética do visionario rianxeiro.
13:00 | Manuel Antonio e mais dispois (35’). A poeta performática María Lado acompañada polo xenial pianista Nacho Muñoz interpretan textos de Manuel Antonio que mostran a súa concepción radical da creación artística.

Polémica sobre o ciclo Galicia, Ceo das Letras en Gaiás

“Pola súa banda, a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) –que si participa no ciclo– explicou a Xornal a súa posición ante esta iniciativa do Gaiás. “Nós participamos no ciclo dentro dunha sesión concreta dun escritor en galego”, explica o seu presidente, o poeta Cesáreo Sánchez, que engade que “se fose a AELG quen fixese este ciclo, naturalmente non sería este”. Nese sentido, Cesáreo Sánchez considera que hai un desequilibrio no programa. “É desproporcionada a presenza da literatura castelá, xa que considera que a programación na Cidade da Cultura debe ser maioritaria e estruturalmente galega e que despois se deberían facer ciclos sobre literatura española, irlandesa, catalán”, sentencia Cesáreo Sánchez”. A nova completa pódese consultar aquí: Xornal. Posteriormente recóllense máis críticas desde a Fundación Castelao.