Desde Afundación:
“Afundación, a Obra Social de ABANCA, deu a coñecer en xullo na Sede Afundación de Pontevedra os artigos finalistas do XXII Premio Afundación de Xornalismo Fernández del Riego que, nesta edición, ademais dos 10 000 euros para a gañadora, entregará tamén 2000 euros a cada unha das dúas finalistas. Tras a deliberación do xurado, integrado por Víctor Freixanes, Carlos Valle, Xosé Carlos Caneiro, Fina Casalderrey, Gloria Rodríguez e Diego Ameixeiras, fíxose pública a resolución das persoas finalistas desta edición. As persoas finalistas son, xa que logo, Alba Moledo Ucha por «Agromar» publicado en Diario de Pontevedra o 06/06/2024; Rexina Vega, por «Aínda aprendo», en Tempos Novos, o 01/01/2024; e Carmen Villar, por «A terra que nos ata ao mundo» en Faro de Vigo, o 19/05/2024.
Na rolda de prensa, Pedro Otero Espinar, director xerente de Afundación, subliñou «tanto a ardua tarefa de selección por parte do xurado, dada a calidade dos textos presentados, como o papel esencial que o xornalismo desempeña e que require grandes esforzos e se nos revela imprescindible». Fina Casalderrey, vogal decana do xurado, pola súa banda, quixo «agradecer a Afundación o mantemento deste premio, ao tempo que felicito a todas as persoas que enviaron o seu artigo, porque é un acto de xenerosidade e de humildade. Os temas foron variados, de índole intimista, feminista, de análise política, de identidade, de saúde física e mental e de reivindicación, e sempre cunha calidade tan elevada que nos levou a apaixonados debates na deliberación».
Todo o material desta rolda de prensa, xunto aos artigos finalistas, está dispoñible aquí.”
Arquivos da etiqueta: Gloria Rodríguez López
A xornalista Mar Mato recibe o XX Premio Afundación de Xornalismo Fernández del Riego
Desde Galicia Confidencial:
“A xornalista Mar Mato foi galardoada este martes co XX Premio Afundación de Xornalismo Fernández del Riego polo seu artigo Réquiem por un sombreiro publicado no Faro de Vigo.
A xornalista recibiu este martes en Vigo o galardón, nun acto no que estivo acompañada polos finalistas Manuel Varela e Begoña R. Sotelino; o presidente de Afundación, Miguel Ángel Escotet; ou director xerente de Afundación, Pedro Otero Espinar; así como os integrantes do xurado.
En concreto, tal e como sinalou Afundación nun comunicado, integraron o xurado Víctor Freixanes, presidente e vogais como Fina Casalderrey, María Varela, Gloria Rodríguez López ou Xosé Carlos Caneiro.
A Obra Social de Abanca incidiu en que “con cada edición deste galardón” que convoca, contribúe a dinamizar o panorama cultural de Galicia. “E iso para nós significa materializar o compromiso adquirido para impulsar o coñecemento a través da cultura, especialmente nun ano no que Francisco Fernández del Riego é dobremente conmemorado: co Día das Letras Galegas e con este premio, que recoñece cada ano o labor, a favor das letras, a cultura e do progreso a través de ambas.”
Francisco Castro gaña o XIX Premio de Xornalismo Francisco Fernández del Riego
Desde Afundación:
“O Café Moderno Afundación de Pontevedra celebrou o acto de entrega do XIX Premio Afundación de Xornalismo Fernández del Riego o martes 25 de outubro, outorgado a Francisco Castro polo seu artigo «Coiden da música» publicado en La Voz de Galicia.
Acompañaron o premiado, ademais das outras dúas persoas finalistas, Cláudia Morán e Diego Giráldez, todas as persoas que conformaron nesta edición o xurado: Víctor Freixanes, presidente do xurado; Carlos Valle, secretario; Fina Casalderrey, vogal; Míriam Ferradáns, vogal; e Gloria Rodríguez López, vogal.
Tamén Camiño Noia, escritora, filóloga e profesora emérita da Universidade de Vigo, participou do acto, facendo unha introdución sobre a sobranceira figura de Francisco Fernández del Riego, a quen se lle dedicará o Día das Letras Galegas no vindeiro 2023. A raíz desta homenaxe, convocamos a vixésima edición do Premio Afundación de Xornalismo Fernández del Riego, que presentará as súas persoas finalistas no mes de maio, coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas.”