Ponteareas: actos destacados na Feira do Libro 2020 para os 11 e 12 de xullo

O 12 de xullo finaliza a Feira do Libro de Ponteareas (na Praza Maior, con horario de 12:00 a 14:00 -o sábado abrirá ás 11:00- e de 18:00 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para estes días:

Sábado 11
18:00 h. Carlos Da Aira asina A guerra era contra nós, publicado por Xerais.
19:00 h. Nazaret López asina Formigas nos pés, publicado por Xerais.
21:00 h. Xurxo Lobato asina Galicia é unha festa, edición do autor.

Domingo 12
18:00 h. Elisabeth Oliveira asina Náufragas no mar e na terra, publicado por Urutau.
19:00 h. Roi Vidal asina As máscaras brancas, publicado por Positivas.
20:00 h. Inma López Silva asina O libro da filla, publicado por Galaxia.
21:00 h. Manrique Fernández asina Os anxos indecisos, publicado por Galaxia.

Vigo: actos destacados na Feira do Libro 2020 para o 29 de xuño

O 29 de xuño continúa a Feira do Libro de Vigo (na Rúa do Príncipe, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:

18:00 h. Anémona de Río asina A proba de auga, publicado por Xerais.
19:00 h. Antonio García Teijeiro asina Vento, ventiño, venteiro, publicado por Xerais, Raiolas de sol, publicado por Galaxia, e Pasando as follas do tempo, publicado por Belagua, así como o resto da súa obra.
19:00 h. Xosé Henrique Rivadulla Corcón asina A taberna do Mascato Negro, publicado por Morgante.
20:00 h. Inma López Silva asina O libro da filla, publicado por Galaxia.

Compostela: actividades destacadas do 19 de xuño na Feira do Libro 2020

O 19 de xuño continúa a Feira do Libro de Santiago de Compostela (no Paseo Central da Alameda), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:30 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

13:00 h. Rosa Aneiros asina Tres bichicomas, dúas illas e unha serea, publicado por Xerais.
18:00 h. Inma López Silva asina O libro da filla, publicado por Galaxia.
19:00 h. Manuel Portas asina Cadencias, publicado por Xerais.
20:00 h. Juan Casto Rivadulla asina A que cheiran as cores? A esperada guía para coñecer o cerebro, publicado por Galaxia.

Cuestionario Proust: Elba Pedrosa

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Elba Pedrosa:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
-Son persoa sociábel, as máis das veces alegre. Sempre lembro cando me dixeron que tamén un chisco tola. Gustoume moito.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
-A xenerosidade, que vén sendo ausencia de egoísmo. Tamén a sinceridade e o respecto.
3.– Que agarda das súas amizades?
-Amor, que abrangue moitas cousas.
4.– A súa principal eiva?
-A impaciencia, entre outras. E neste oficio, pouco se fai sen paciencia.
5.– A súa ocupación favorita?
-Vou dicir varias, son un pouco fuxefuxe tamén… Ler ao carón da cheminea, pasear pola praia, cociñar lambetadas. E escribir.
6.– O seu ideal de felicidade?
-Perderme soa nunha cidade descoñecida e fisgar todo o que me dea tempo.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
-Prefiro non amentala, non vaia ser o demo…
8.– Que lle gustaría ser?
-De maior? Escritora e actriz.
9.– En que país desexaría vivir?
-Gústame este para quedar. E poder liscar cando me pete mesmo a Portugal. Pero liscar de cando en vez.
10.– A súa cor favorita?
-A negra. Cada día máis a cor negra.
11.– A flor que máis lle gusta?
-Tiña máis dúbidas coa cor… Eu sonche moito de mimosas de campo, fanme lembrar de cousas fermosas.
12.– O paxaro que prefire?
-Os de ferro son dos que máis gosto. Dos outros, as garzas de pés amarelos que vexo na Foz do Miñor.
13.– A súa devoción na prosa?
-Adoro a Zweig. Tamén Kundera, Almudena Grandes, Rosa Montero. E moitos autores galegos contemporáneos: Inma López Silva, Antón Riveiro, Suso de Toro
14.– E na poesía?
-Whitman, Pessoa. A que leo de Ismael Ramos, Claudia Castro. E moita que me queda por ler…
15.– Un libro?
-Sempre anda aí a voltas… Una música constante, de Seth.
16.– Un heroe de ficción?
-Eu marcharía con Supermán. Penso que é dos voan máis lonxe, non si?
17.– Unha heroína?
-Marie Curie, entre moitísimas. Engaioloume a orixinal achega que fai dela Rosa Montero, no seu A ridícula idea de non volver verte.
18.– A súa música favorita?
-A que me pon a pel de galiña, que é case que toda. Dende Bach e Schubert ata, por exemplo, Sting, Amy Whitehouse ou Carlos Núñez, Guadi Galego coas súas Matriarcas.
19.– Na pintura?
-Fago escolma de cousas ben afastadas: esas inquedanzas que provoca Hopper, as bailarinas sen alma de Degas, as olladas curiosas das mulleres de Vermeer, ou a retranca (neoiorquina) de Rockwell. Tamén o pintor vigués da capa da miña novela en galego, Jorge Alonso!
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
-A muller que loita cada día por acadar a súa esencia e, ao tempo, leva silandeira unha chea de cargas no lombo.
21.– O seu nome favorito?
-Os das persoas que quero.
22.– Que hábito alleo non soporta?
-Para algúns iso da envexa é máis ca un hábito. Non o aturo. Penso que se estamos aquí, será para facer algo positivo entre todas as persoas, mais seica ando errada.
23.– O que máis odia?
-Ademais da envexa, e da falta de profesionalidade, tamén lle teño un pouco xenreira ao médico que non me deixa tomar lambetadas. Ata o punto de odiar, tampouco.
24.– A figura histórica que máis despreza?
-Isto para min é coma as posíbeis desgrazas, perfiro nin amentalas. Aprecio ningún para os que sementan o odio.
25.– Un feito militar que admire?
-Encantaríame que non fosen necesarios nin os militares nin os seus feitos. Creo nas verbas, na conciliación sen o emprego da forza.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
-Moitas veces penso que a insensibilidade, por iso de non padecer tanto.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
-Desta non mirei as respostas dos compañeiros, ha, ha! Teño moi claro que quero morrer sen darme de conta. Zas!
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
-O optimismo, a alegría, aínda que non estea nada doada a cousa, e o da falla de liberdade desta situación de confinamento lévoa moi mal.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
-Sempre que hai un arrepentimento verdadeiro, para min hai sempre perdón.
30.– Un lema na súa vida?
-Tempo é cambio.”

Inma López Silva le un fragmento de Tantos anos de silencio, de Francisco Castro

Desde a AELG recollemos a lectura dun fragmento de Tantos anos de silencio, de Francisco Castro, por parte de Inma López Silva, no marco da iniciativa Lecturas fuxidas da Libraría Pedreira, aquí.

Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora e/ou #CulturaNaRede.

Pontevedra: Adiado o obradoiro de creación literaria Mulleres na literatura do cotián, con Montse Fajardo

O Obradoiro de creación literaria Mulleres na literatura do cotián é unha iniciativa da Escola de Escritoras/es da AELG, co patrocinio e colaboración do Pazo da Cultura e o Concello de Pontevedra.

Desde unha perspectiva feminista, o obradoiro busca afondar na literatura do cotián, nos relatos protagonizados por mulleres “do común”. Irá na procura de historias do día a día, na realización de textos baseados en experiencias propias ou protagonizados por mulleres “reais” afastadas tanto das heroínas como das damas en apuros que coparon a literatura durante séculos. A creación será usada como terapia, como arma de empoderamento e sororidade, que nos convenza de que cada vida é unha historia única que merece a pena vivir e contar devagar.

O obradoiro será impartido por Montse Fajardo e contará cunha sesión especial de Inma López Silva. Noutra sesión estará presente a actriz Sheyla Fariña, que participou na adaptación teatral do libro Invisibles.

Debido á situación sobrevida polos problemas de saúde derivados do Covid-19, adíase a celebración do obradoiro a despois do verán. En canto estean concretadas as novas datas, divulgarémolas aquí.

Calendario e inscrición
– Días: sábados (pendentes de confirmación as novas datas)
– Horarios: de 10:30 a 12:30
25 prazas para persoas maiores de 16 anos.
Inscrición, gratuíta, no correo electrónico oficina@aelg.org
– As prazas asignaranse por orde de solicitude.

O obradoiro desenvolverase no Pazo da Cultura (Rúa Alexandre Bóveda), no Seminario 8 – Aula da Escola de Escritoræs da AELG.

Información sobre protección de datos
A/O responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Epañola de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.

Raúl Dans gaña o Premio Laudamuco para textos teatrais

Raúl Dans é o gañador da segunda edición do Premio Laudamuco para textos teatrais, convocado polo Concello de Brión, a Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas. O autor, natural de A Coruña e afincado en Oleiros, concorreu ao certame coa obra Só un home bo, pola que recibirá un premio de 7.000 euros e a edición da peza por parte de Edicións Positivas.
A concelleira de Cultura, Sandy Cebral Gómez, sinala que “a pesar da situación excepcional na que nos atopamos por mor da pandemia do COVID-19, o Concello de Brión mantén o seu compromiso coa cultura e vén de fallar a segunda edición do Premio Laudamuco, que recaeu no dramaturgo Raúl Dans.
O xurado estivo formado por Inma López Silva, Carmen Abizanda, Damián Villalaín, Xosé Manuel Fernández Castro e Manuel Guede Oliva e as deliberación tiveron que realizarse telematicamente. Sobre a obra gañadora, o xurado destaca “ademais da súa alta calidade teatral, a vontade explícita que propón para a súa representabilidade, cuestión que vén definida tanto polo razoable número de personaxes, catro intérpretes, como a economía de medios con que pode ser resolto o espazo escénico”.
Así mesmo, en Só un home bo o xurado recoñece “unha voz dramática firme e poderosa, unha autoría solidísima, cun uso da lingua limpo e rotundo. É tamén necesario ponderar a sabia disposición do entramado escénico que logra relacionar o ritmo do argumento co tempo do discurso”. Finalmente, o xurado felicita a feliz iniciativa deste Premio, desexando unha longa vida para a cultura en tan “infaustos tempos”.”

Club literario virtual arredor de O libro da filla, de Inma López Silva

O 6 de abril tivo lugar, ás 22:00 horas, o primeiro club de lectura virtual arredor dun libro de literatura galega.
A inciativa impulsada por Anna R. Figueiredo, Daniel Chapela e Mercedes Corbillón (Libraría Cronopios) centrouse na análise de O libro da filla (Editorial Galaxia) e contou coa presenza da autora Inma López Silva.

Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora e/ou #CulturaNaRede.