Padrón: Abride a Fiestra 2024, o 14 de xullo


Festival-xornada de portas abertas na Casa de Rosalía. Entrada libre. Aparcadoiro nos arredores

PROGRAMA

11.00 Visita guiada polo reformado Xardín de Rosalía da man de Miguel Lois
11.45 Pilar García Negro e Carme Fernández Pérez-Sanjulián conversan arredor de Intenso e solidario feminismo.
12.00 Concerto de Pakolas
12.00 Visita guiada pola Casa da man de Manuel Lorenzo Baleirón
12.30 O poeta Juan Carlos Mestre e Anxo Angueira conversan sobre 200 gramos de patacas tristes
13.00 Concerto Paco&Lola de Caamaño & Ameixeiras
13.00 Visita guiada pola Casa da man de Rita Bugallo
14.00 Cata de viños con Paco & Lola, da man da enóloga Nuria de la Torre
XANTAR NA HORTA DE ROSALÍA
17.00 Obradoiro de creación libre: Argallando na Horta de Rosalía
17.00 Presentación do nº 8 da revista Follas Novas, con Xosé Luís Axeitos e Uxío-Breogán Diéguez
17.30 Visita guiada pola Casa da man de Carme F. Pérez Sanjulián
18.00 Noelia Gómez e Rui Grenha presentan Xirando (concerto poético-musical)
18.30 Contacontos Os nosos bosques con Diego García
18.30 Visita guiada pola Casa da man de Pilar García Negro
19.00 Conversa entre a xornalista Ana G. Liste e Diego Ameixeiras, que presenta O anarquista
20.00 Celso F. Sanmartín conta contos
21.00 Concerto de Xurxo Fernandes

Pilar García Negro: “Rosalía merece máis reflexión, agora que a conexión emocional con ela xa é un feito”

Entrevista a Pilar García Negro no Zig-zag da Televisión de Galicia:
“”Ela é fundamental para asumir a nosa identidade nacional: para vérmonos e coñecérmonos a nosa realidade. Mais é fundamental, ademais, como avanzada do pensamento feminista e anti-discriminatorio que non alenta”.
Este texto foi publicado por Pilar García Negro en 1985. Desde aquela ata hoxe, os seus estudos, a as súas achegas analíticas axudaron a reinterpretación da obra rosaliana. Agora a Universidade da Coruña publica este volume, un compilación de artigos e textos de García Negro. E hoxe, no Día de Rosalía falamos con ela deste Intenso e solidario feminismo. Estudos rosalianos. A entrevista pode verse aquí.”

Carme Fernández: “Pilar García Negro interpreta Rosalía desde o compromiso coa nación e coas mulleres”

Entrevista de Laura Veiga e Carme Fernández Pérez-Sanjulián en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): En que medida os estudos recollidos de Pilar García Negro contribuíron a mudar a imaxe que se tiña de Rosalía de Castro?
– Carme Fernández Pérez-Sanjulián (CF): A idea de recompilar algúns traballos de Pilar García Negro xurdiu para pór de relevo até que punto é importante a súa contribución sobre Rosalía, tanto por extenso como por ser mantido no tempo, mais, sobre todo, polo seu nivel de divulgación e análise. Ás veces o seu perfil público como política parece que opaca o seu labor como investigadora. No libro recollemos traballos publicados desde hai 40 anos até a actualidade. A imaxe que se tiña de Rosalía daquela era moi diferente da que temos hoxe.
Nos primeiros traballos de Pilar García Negro, así como nos de outras persoas da Galiza, había unha vontade de dar a coñecer a obra de Rosalía, de explicala e interpretala desde parámetros que non eran os tradicionalmente impostos: o trauma de Rosalía, o peso da sombra do pai, a imaxe tan conservadora da santiña e saudosa… Estes prexuízos chegaron até min cando eu estudaba e aínda hoxe perduran, sobre todo en textos enfocados desde o punto de vista da literatura española. No libro reúnense textos de carácter académico con outros que seguen mantendo un ton máis reivindicativo e pode apreciarse unha evolución ao longo do tempo.
– ND: Alén da mirada española, os prexuízos que recaen sobre Rosalía dependen dunha cuestión de clase e de xénero, non si?
– CF: Desde logo. Os prexuízos están máis presentes do que parece a día de hoxe. Eu dou clase no mestrado de secundaria dunha materia onde teño alumnado de estudos hispánicos e de estudos galego-portugueses. A imaxe que traen construída de Rosalía non ten nada que ver. Por suposto que houbo olladas masculinas especialmente patriarcais, mais tamén lecturas como a de Marina Mayoral, que aínda que introduce elementos de interese tamén consolidou unha imaxe moi diferente da que poden reivindicar persoas como Pilar García Negro, Francisco Rodríguez, Carmen Blanco ou a propia Kathleen March.
March insiste moito en até que punto as lecturas de Pilar García Negro foron produtivas e útiles para ela para construír o seu propio discurso e confrontar academicamente a súa propia imaxe. (…)”