Desde o Concello de Carral:
“O poemario escrito conxuntamente por Sara Plaza e Baldo Ramos vén de ser elixido como a obra gañadora do 29º Premio de Poesía Concello de Carral. É a primeira ocasión no que o certame premia unha autoría dobre.
O premio está dotado con 3.500 € e a publicación da obra en Edicións Espiral Maior.
Dun total de 77 obras presentadas ao concurso, o xurado, por unanimidade, decidiu premiar Porcelana e chumbo pola súa voz elexíaca, grave e meditativa. Pon en valor que a escrita aparece como unha forma de acompañar a perda, a cegueira e a memoria moi presentes en todo o traballo. Destaca tamén a madurez expresiva, a densidade poética, as imaxes innovadoras que afondan nos grandes temas universais: a soidade, o paso do tempo e o valor do íntimo. Ademais o xurado quere salientar a orixinalidade que supón crear un poemario a dúas voces.
O xurado estivo constituído pola concelleira de Cultura, Isabel López, que exerceu de presidenta, as poetas Branca Trigo, Miriam Ferradáns e Modesto Fraga, e o técnico de Cultura e coordinador do certame, Carlos Lorenzo, como secretario con voz e sen voto. (…)
O acto de entrega do premio, así como a presentación da obra gañadora na pasada edición, Especies invasoras, de Branca Trigo, terá lugar o venres 5 de xuño na Casa da Cultura.”
Arquivos da etiqueta: Isabel López
Ars dedicandi: Ramón Piñeiro na RAG
Desde
o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Van alá vinte e seis anos do pasamento de Ramón Piñeiro, un dos personaxes máis influentes da cultura galega do pasado século.
O pensador de Láncara ingresou na Real Academia Galega o 25 de novembro de 1967 co discurso A lingoaxe i as língoas, que Galaxia imprentou para ese día coa resposta ao mesmo de Domingo García-Sabell. Este último e mais Ricardo Carballo Calero e Xulio Rodríguez Yordi foron os que elevaron a proposta en xullo de 1963 co informe favorable de Antón Fraguas, Francisco Fernández del Riego e Ramón Otero Pedrayo, proposta que foi aprobada por unanimidade o 29 de decembro daquel ano.
O ars dedicandi que reproduzo ―xentileza do amigo Xesús Torres Regueiro, quen o recuperou― é, en realidade, unha dedicatoria colectiva do discurso de ingreso piñeiriano asinada por este mesmo e por bastantes outros académicos e as súas mulleres xustamente na xornada da recepción en Tabernas.
A destinataria da dedicatoria é Luísa Crestar (Betanzos, 1908―A Coruña, 1988), autora do poemario Nas orelas do Mendo (1982), no que incluíu un bo mangado de composicións dedicadas a amigos, entre elas unha “A Ramón Piñeiro, que fai tempo dixo que teño no esprito a ledicia das Mariñas betanceiras”.
Poden lerse no ars dedicandi as sinaturas de Domingo García-Sabell, Sebastián Martínez Risco, Ricardo Carballo Calero, Francisco Vales Villamarín, Fermín Bouza-Brey, Xesús Ferro Couselo, Enrique Chao Espina, Antonio Meijide Pardo, Isidro Parga Pondal, Leandro Carré Alvarellos, Juan Naya Pérez, Ramón Otero Pedrayo, Francisco Fernández del Riego, Elena Tormo López, María Josefa Bustamante e Isabel López. (…)”
