“En setembro do pasado ano, Juan José Moralejo Álvarez era homenaxeado pola Universidade de Santiago no seu setenta aniversario. Pouco máis duraría o que fora catedrático de Filoloxía Grega nas súas aulas e membro dunha saga que deu á institución educativa compostelá nomes como o de seu pai Abelardo ou seu irmán Serafín, experto no Pórtico da Gloria finado tamén en 2011. Moralejo é autor dunha ampla obra na que visitou a investigación en linguas clásicas, obras sobre lingua galega e outras nas que deita ironía sobre a súa outra paixón, a pesca. Entre os títulos da súa biografía, alén de traballos especializados, sobrancea a tradución para o galego da Política de Aristóteles e títulos como A lingua galega hoxe ou A lingua e os seus problemas. Da súa afeizón á pesca naceu As troitas, miñas señoras, publicado por Galaxia con limiar de Carlos Casares e epílogo de Álvaro Cunqueiro. Coñecedor de ríos e dos segredos das troitas, o libro responde, segundo Casares, ao “saber antigo, vello de moitos séculos, que se resiste a desaparecer e reclama, con dereito e con razón, un lugar no mundo”. (…)” Vía Sermos Galiza.
Arquivos da etiqueta: Juan José Moralejo
Santiago: presentación do monográfico Celso Emilio fai 100 anos
O xoves 26 de xaneiro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o monográfico Celso Emilio fai 100 anos, publicado pola Asociación Arraianos, onde se recolle material inédito do poeta celanovés, un CD dos Labregos no tempo dos Sputniks e as colaboracións de Xesús Alonso Montero, Aser Álvarez, Miguel Castelo, Lois Codias, Carlos Díaz, Isaac Díaz Pardo, Celso Emilio Ferreiro, Luís Ferreiro, Benedicto García, X. L. Méndez Ferrín, Ramón Nicolás, Xaime Quessada, Baldo Ramos, Armando Requeixo, Xosé Benito Reza, Sabino Torres, Miro Villar, Manuel Vilanova e Xosé Vizoso. Intervirán no acto Aser Álvarez, Xoán Xosé Moralejo e Armando Requeixo. Actuarán interpretando temas musicados con versos de Celso Emilio os Labregos no tempo dos Sputniks.
Profesores da Universidade de Santiago homenaxean a Juan José Moralejo
“Un grupo de profesores da Universidade de Santiago ofreceron o xoves 22 de setembro unha homenaxe ao tamén profesor Juan José Moralejo Álvarez. A celebración tiña como motivo o 70º aniversario do doutor en Filoloxía Clásica, que foi profesor de numerosas promocións da Universidade compostelá. A homenaxe, que partiu dun grupo de docentes do Departamento de Latín e Grego, tivo carácter aberto, e fóronse sumando no salón de actos da Facultade de Filoloxía unha parte dos amigos, colegas e exalumnos do profesor que traduciu a Política de Aristóteles ao galego”. Vía La Voz de Galicia.
Boiro: Á luz das palabras, encontro entre Xosé Luís Méndez Ferrín e Juan José Moralejo Álvarez
O sábado 26 de marzo, ás 12:00 h., na Casa da Cultura Ramón Martínez López de Boiro, terá lugar un encontro intelectual entre Xosé Luís Méndez Ferrín, escritor e presidente da Real Academia Galega, e Juan José Moralejo Álvarez, profesor e catedrático de grego na Universidade de Santiago, baixo o título Á luz das palabras, con este guión:
1. O mundo clásico na poesía de Ferrín.
2. Gallaecia e as súas etimoloxías.
O acto está organizado pola Asociación Cultural Barbantia, a Deputación da Coruña e o Concello de Boiro.
Santiago: presentación do número VIII da revista Arraianos
O xoves 16 de setembro ás 20:00 h., preséntase na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes) de Santiago de Compostela o número VIII da revista Arraianos Vivir na raia. No acto participan Juan José Moralejo, o director da revista Aser Álvarez e o editor Henrique Alvarellos. Despois Olalla Cociña e Baldo Ramos farán un breve recital con música a cargo de Bernardo Martínez.