A Coruña: presentación de Kamikazes, de Lino García Salgado

O 24 de maio, ás 19:30 horas, na A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Santo André, 36, 1º), na Coruña, Lino García Salgado presenta Kamikazes, publicado por Medulia. Brais G. Cortón acompañará o autor coa súa guitarra. As persoas interesadas poden anotarse aquí.

Guiritiz: II Festival de Poesía Guitirica, do 1 ao 3 de xullo

Compostela: actividades do 4 de maio da Feira do Libro 2022

Lino García Salgado: “Cando fuximos do pasado estamos a perverter o futuro”

Entrevista de Belén Bouzas a Lino García Salgado en Nós Diario:
“”Ten perigo vérmonos tecendo abelorios / diante da tortura”, cal kamikazes. Eis o título do último libro de poemas que Lino García Salgado vén de publicar en Medulia. Un canto contra a non-sociedade que devora o mundo de hoxe. Tamén unha homenaxe “a todas esas facetas apartadas da luz”.
– Nós Diario (ND): Case 10 anos da publicación do seu último poemario, Melíflua Moradía, chega Kamikazes, que ve luz en Medulia. Unha agardada espera.
– Lino García Salgado (LGS): Son nove anos de silencio. A publicación de Melíflua Moradía coincidiu co nacemento de Uxía, a miña segunda filla, e despois diso entrei nunha época de complicacións. Mais seguín escribindo, pouco a pouco, e con eses poemas que tiña, creados ao longo deste tempo, nace Kamikazes.
Necesitaba sacar este libro, que é unha especie de recompilatorio deses poemas que presentaban o mesmo tipo de temática.
– ND: “Kamikazes pretende render homenaxe a todas esas facetas apartadas da luz, mostrar un dinamismo oculto para facernos sentir útiles”, escribe na presentación.
– LGS: Kamikazes é unha especie de homenaxe a toda esa xente que segue loitando, que loitou e que loitará. Mais non a eses que están en primeira liña nin en segunda liña, senón a todas esas loitas que son, en moitos casos, silenciosas, da xente que está a pé dereito, á súa maneira, porque cada loita é única e imprescindíbel.
Non só importan os que están diante, senón tamén os que están detrás e incluso os que non se ven. Hai moita xente que está nesa tesitura e creo que merecían unha homenaxe, unha voz…
– ND: Kamikazes móstrase dividido en catro libros. “Libro I. Trapos” arranca cun “nada hai libre nesta cidade”. Aquí están presentes o abandono, o suicidio (“utopicamente suicidas”, escribe), a penumbra… Desde o “nós”. É unha sociedade en decadencia, pasiva, onde “o tempo non nos é propio”.
– LGS: Escribo sobre o que observo, unha percepción do que vexo día a día. Fálasme de sociedade, mais sigo dicindo que a sociedade non existe. Non existe ese concepto da sociedade como antigamente.
Antes a sociedade era a posta en conxunto duns valores, duns traballos ou dunhas riquezas… para axudarse uns a outros. Agora estamos, terribelmente, nun tempo moi individualista no que se existe o concepto de sociedade é única e exclusivamente en temporadas e para casos puntuais. Non percibo que ese concepto da sociedade se poida transmitir aos días de hoxe.
Aquí abordo o abandono. Vémolo na propia estrutura das cidades, ou na estrutura da xente dentro das cidades, onde cada persoa vai ao seu aire… Non existe un nexo de unión. Hai moitas veces condutas que nos levan ao suicidio, nun sentido metafórico, á desconexión do resto, a cometer actos que non serían moi normais se realmente existise a sociedade en si.
“Trapos” porque, ao final, é o que somos, monicreques. Poucas opinións hai fundadas ou propias. Parece que somos altofalantes, que reproducimos sistematicamente o que nos están transmitindo ou metendo todos os días polos medios de comunicación. (…)”