Foz: actos destacados na Feira do Libro 2021 para os 21 e 22 de agosto

O 22 de agosto finaliza a Feira do Libro de Foz (na Praza Conde do Fontao), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 17:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

Sábado 21
18:00 h. Estefanía Padullés asina Leopoldo, o pequeno monstro, publicado por Hércules, e Un mundo para Maruxa, publicado por Belagua.
19:00 h. Luz Darriba asina Abril, publicado por Belagua.
20:00 h. Presentación e recital poético arredor do libro Manifesto 25N. Trinta voces pola eliminación da violencia contra a muller, publicado por Alvarellos. Presentado por Montse González Álvarez, coa participación de Ruth Santiso, Toño Núñez, Pilar Maseda, Adela Figueroa e Luz Airado.
21:00 h. Presentación de Os mundos de agora, de Lois Oreiro, publicado por Galaxia. No acto, organizado pola Libraría Bahía, participan, xunto ao autor, Xavier Lombardero e Cielo Fernández.

Domingo 22
18:00 h. Concerto e sinatura de Extra!, de Paco Nogueiras, publicado por Kalandraka.
19:00 h. Ánxeles Goás asina exemplares de O asubío do avó, publicado por Galaxia.
20:00 h. Xulio Pardo de Neyra asina O abecedario no país das alvarizas, publicado por Medulia.

“Librarías enmascaradas”, por Mario Regueira

Artigo de Mario Regueira en Nós Diario:
“Día do Libro, Letras Galegas, comezo das feiras… os meses máis duros do confinamento cancelaron de cheo unha das tempadas máis relevantes para o sector do libro. Xunto con estacionalidades concretas como a campaña de Nadal, o inicio do curso académico ou o verán nas zonas turísticas, os libreiros coinciden en cualificar a primavera como un período de vital importancia para o negocio. Un feche, porén, que garda os seus propios matices e vivencias. Lugares como a Librería Miranda de Bueu permaneceron abertos ao incluíren tamén a papelaría na súa actividade. “Pero quitando algunha cousa concreta, vendemos moi poucos libros. Este tempo traballamos sobre todo fotocopias, material escolar… nin prensa vendemos moita, ao estar fechados todos os negocios da redonda”, di o seu responsábel, Fernando Miranda. Porén, a caída de actividade foi intensa, mesmo naqueles negocios que, como a Libraría Couceiro de Compostela ou a Librería Bahía de Foz, seguiron traballando con entrega a domicilio, “tamén como unha forma de manter o contacto co público”, di Cielo Fernández, deste negocio da Mariña lucense. Tamén floreceron as alianzas co resto do comercio local: “Estivemos preparando lotes de viño e libros con algunhas taperías da zona”, di Cano Paz, desde a Libraría Paz de Pontevedra.
Un contacto co público e unha reivindicación da libraría como espazo social, de encontros, complicidades e liberdade que está no fondo do discurso de moitos dos libreiros consultados. “Notámolo sobre todo cando comezamos a atender con cita previa. A xente tiña fame de libros e ganas de entrar nunha libraría, unha experiencia que algo como recoller un pedido non enche”, di Antón Pedreira desde Compostela. O propio público pareceu responder co seu compromiso, son varios os libreiros que destacan a importancia de plataformas como “Todos tus libros”, que permitía apoiar a libraría da elección do cliente, aínda que tamén recibiron cariño de forma directa, con moita xente interesada pola súa situación. “Sentímonos moi queridos, a verdade é que a xente respondeu”, comentan desde Pedreira. Cano Paz apunta un fenómeno que se repetiu máis veces: “Xente que che fai un ingreso para compras a futuro, sen pedir nada e avisando que xa o gastarán sen présa”. Trátase duns apoios que permitiron tamén que días concretos como as festividades do libro, ou os días de reapertura ao público, se superasen as expectativas dos propios libreiros. (…)”

O Día do Libro máis crítico

Artigo de Irene Pin desde Nós Diario:
“O Día do Libro chega este 23 de abril en pleno confinamento, coas librarías fechadas nunha das datas máis representativas do ano. Algunhas, con todo, manteñen abertos os envíos. É o caso de Bahía (Foz), que ofrece servizo sobre todo na zona da Mariña, procurando manter a relación máis persoal cos clientes habituais.
Outras empresas tomaron a decisión de paralizar tamén esta actividade. A Libraría Paz (Pontevedra), a Libraría Pedreira (Santiago de Compostela) ou a Livraria Suévia (A Coruña) non atenden pedidos. O dono da primeira, Cano Paz, explica que non consideran “imprescindíbel” que a xente reciba libros nestas datas, sobre todo pensando nos riscos que implicaría para as persoas encargadas de facer o reparto. “Sería inxusto”, considera a dona de Suévia, Ermitas Valencia. “O libro é un ben esencial, pero é o momento de subir aos faiados e abrir as caixas, de redescubrir o que temos, non de pór un capricho persoal por diante das vidas humanas”, argumenta.
O que si están a manter é a actividade en redes, sobre todo de cara ao Día do Libro. A libraría Paz, inspirada na campaña estatal “Todos tus libros”, facilita descontos de compra anticipada ou cheques-regalo para “cando todo pase”. Do mesmo modo, procura dinamizar a oferta con distintas suxestións baixo a tópica #oquenosquedaporler. Igualmente, Suévia anima as súas clientas habituais a facer unha listaxe e agardar a que a situación se normalice.
A libraría Pedreira tamén puxo especial énfase no virtual esta semana coas “lecturas fuxidas”, nas que xa participaron autoras como Marta Dacosta, Gonzalo Hermo ou Aurora Marco. O seu dono móstrase sorprendido polo éxito da iniciativa, así como “orgulloso” da extraordinaria acollida que tivo por parte das creadoras. Doutra banda, a aposta de Bahía foi implicar as lectoras, convidándoas a partillaren fotos cun libro que estean a ler ou que as acompañase especialmente durante o confinamento, co cancelo #DiadoLibronaCasa, conta Cielo Fernández.
Para as libreiras galegas o Día do Libro constitúe unha data importante, se ben non pode compararse á relevancia que ten para o sector noutros países, con outra tradición. “Xa nos gustaría que fose coma o Sant Jordi”, comenta Pedreira, “o certo é que aquí supérao o Día das Letras”. “Como gremio poderiamos facer máis”, opina Paz. Con todo, os ingresos desta celebración, que adoita estenderse durante toda a semana, son importantes tanto no libro adulto como no infantil, apunta Valencia, cun “volume de venda que supera entre 60% e 70% a un día calquera”, concreta Pilar Rodríguez, presidenta da Federación de Librarías da Galiza. Malia terse adiado ao 23 de xullo, considera que “cada cousa ten o seu momento”, e a resposta das lectoras non vai ser a mesma.
Isto súmase “á perda doutras datas importantes, como é a Semana Santa” para Bahía, explica Fernández, que ademais do económico destaca o valor simbólico do evento. Moitas librarías saen ás prazas, procurando a visibilidade e un contacto coa sociedade que non é posíbel nestes momentos.
A tendencia doutros países apunta cara ás librarías como uns dos primeiros comercios en subir de novo as persianas na desescalada. “Que volvamos abrir non significa que vaiamos vender”, advirte Paz resumindo a desesperanza do sector. “Aínda que é mellor estarmos abertas, a economía vai ficar moi feble”, observa Valencia. “Nós aínda non nos recuperamos da crise”, engade. Nese senso, Paz, Fernández e Rodríguez consideran fundamental unha inxección de capital na sociedade, para garantir a liquidez. (…)
Pedreira móstrase preocupado por como se poida ver afectado o libro de texto: “Non é o noso caso, mais hai moitas que sobreviven grazas a el”. De facto, Valencia coloca aí as súas esperanzas. Desde a AELG, Cesáreo Sánchez convoca a xente a acudir ás librarías “en canto sexa posíbel”. Apela á memoria para “non esquecer a súa importancia como elementos dinamizadores determinantes na construción do noso sistema literario”, agora especialmente o “elo máis fráxil nunha cultura sen normalizar coma a nosa”.”