Xosé Cid Cabido álzase co XX Premio de Narración Curta Ánxel Fole

Desde o Concello de Lugo:
“(…) O xurado profesional do XX Certame de Narración Curta Ánxel Fole, posto en marcha polo Concello de Lugo, decidiu este venres outorgar o premio a Xosé Cid Cabido, residente en Vigo, pola obra Tres pintores.
Os membros do xurado reuníronse esta tarde no Salón de Comisións baixo a presidencia, con voz e sen voto, da Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre. Estivo composto pola filóloga, escritora e guionista Carmen Conde, o mestre, dramaturgo, poeta, narrador oral e contador de historias Lois Pérez, e o ensaísta, crítico e editor, director de Edicións Xerais de Galicia, Manuel Bragado.
A entidade local convoca cada ano este premio para novelas breves ou libros de relatos, que está dotado cun único premio de 4.000 euros, ademais da publicación da obra premiada a cargo da editorial Edicións Xerais de Galicia.”

Lugo: crónica fotográfica do acto do Día de Rosalía de Castro 2018

Estas son algunhas das fotografías do acto do Día de Rosalía de Castro 2018 en Lugo, que tivo lugar o sábado 24 de febreiro. A crónica fotográfica completa pode verse aquí (as fotos son de Alba Díaz).

A Coruña: recital de Lois Pérez e Frank Báez no Ciclo Poetas Di(n)versos

A segunda feira 19 de marzo, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido pola Concellaría de Culturas da Coruña, cun recital de obra propia nun man a man de Lois Pérez e Frank Báez. Máis información aquí: Folleto Poetas Di(n)versos marzo 2018.

Os mouros do Pico Sacro gaña o premio Antón Risco de literatura fantástica

Desde Sermos Galiza:
“A terceira edición do premio de literatura fantástica que leva o nome de Antón Risco vén de distinguir Os mouros do Pico Sacro, de Luís Rodríguez Rivera (Mos, 1971). O galardón, convocado pola Fundación Vicente Risco e a editora especializada en ciencia ficcón e fantasía Urco, fallouse o pasado sábado en Allariz.
Fixeron parte do xurado o crítico e editor César Lorenzo Gil, a xornalista Llerena Perozo Porteiro, o escritor Lois Pérez e a novelista portuguesa Fausta Cardoso Pereira, vencedora da pasada edición coa obra Dormir com Lisboa (2017). O ano anterior fora Antonio Manuel Fraga con Querido H.P. Lovecraft (2016) quen se fixera coa distinción. (…)
O xurado do terceiro premio Antón Risco tamén recomendou a edición da obra presentada a concurso baixo o título Sopas New Campbell.”