Desde Sermos Galiza:
“A cultura galega volve mobilizarse para despedir a un dos seus: Xosé Fernández Ferreiro, escritor e xornalista e membro do grupo Brais Pinto. A capela ardente está instalada no tanatorio Albia, en Agrela (A Coruña), onde a sexta feira 18 de decembro, ás 15:15 horas, se lle renderá unha homenaxe.
O escritor Francisco X. Fernández Naval, a persoa que máis estivo con el nos últimos tempos, dedícalle un sentido post no seu blog: “Hai unhas semanas, xa enfermo, dicíame que non fora quen de escribir un corpus unitario sobre o territorio que amaba: Espartedo, as serras altas de Luintra, a patria da infancia, lugares onde suceden as súas historias. Respondille que, se cadra, a súa obra non naceu con (…)”
Cesáreo Sánchez, presidente da AELG, destaca o Ferreiro “amigo e persoa entrañable, como compañeiro e como irmán maior, xeracionalmente falando”. Da súa actividade como escritor, subliña que “abriu camiños literarios, tentando tamén unha normalidade na literatura galega, facendo unha literatura máis popular que xa se estaba a facer noutras partes”.
“Quixo facer unha inmersión na normalidade literaria coa súa obra”, explica o poeta. “El dicíame que o feito de ser xornalista podía non ser precisamente un aliado, e que iso influía nos temas que trataba”.
“Para min é un referente afectivo e profesional, para min foi un gran trompazo”, di Álvarez Pousa, que compartiu profesión con el en La Voz de Galicia. “Fíxenlle unha entrevista hai pouco e amosábase preocupado porque o pouco que tiña non sabía a quen llo ía deixar, pois quería facelo a alguén que o precisase”.
Del Pousa destaca que “sempre estaba alegre, aínda que era moi socarrón, tiña un sentido do humor moi de Ourense, cunha visión do mundo desde a roda de afiar, vía o mundo a través dela e esa era seguramente a principal metáfora que explicaba a súa maneira de ver o mundo”. Tamén foi un home “moi desafiante, no sentido da necesidade de sentirse libre e dono de si”.”
Arquivos da etiqueta: Luís Álvarez Pousa
Xosé Fernández Ferreiro, un renovador do xornalismo
Desde Sermos Galiza:
“Xosé Fernández Ferreiro dedicou a maior parte da súa vida profesional ao xornalismo. Segundo Luís Álvarez Pousa, director de Tempos Novos, foi “o introdutor do xénero da reportaxe, sendo un dos primeiros en facer novas interpretativas, indo máis alá dos feitos”.
Xosé Fernández Ferreiro traballou como xornalista en La Noche, ABC, El Correo Gallego e, sobre todo, en La Voz de Galicia. Entrou neste xornal logo de estudar en Madrid e traballar no cine, “nunha época de expansión para La Voz, cando pasou de ser un xornal provinciano a extenderse por toda Galiza”, segundo nos conta Álvarez Pousa.
“El é un dos poucos que entra no xornal coruñés preparado, con carreira universitaria, e comezou a experimentar co xénero da reportaxe. Foi un dos primeiros en exercer o xénero, non se limitaba a facer só informacións, senón que facía tamén reportaxes interpretativas”, rememora o xornalista, que mantiña co finado unha estreita relación. “Nese contexto destacan as súas reportaxes das loitas contra o encoro de Castrelo de Miño”.
Logo abandonou a rúa e pasou a ocupar outros cargos dentro da redacción, polo que “deixou de ser un expoñente do xornalismo máis anovador, aínda que sen deixar de escribir artigos, nos que deixaba sempre entrever as súas teimas, como Galiza ía perdendo a súa fisonomía, a súa identidade…”.
Desde entón centrouse máis na escrita literaria, aínda que no seu discurso de entrada na Academia Galega en 2013 a prosa denota que hai un xornalista detrás. Nel facía unha comparanza entre os oficios da literatura e do xornalismo e amosábase moi preocupado polo devir da súa profesión, no mundo e tamén en Galiza: “En pouco tempo pecharon en Galiza tres medios de comunicación escritos: o semanario A Nosa Terra e os diarios Galicia hoxe e Xornal de Galicia”.
Premio Galicia de Xornalismo
A súa actividade xornalística foi recoñecida co Premio Galicia de Xornalismo (1985) e coa Letra E da Asociación de Escritoræs en Lingua Galega (2003). E o seu último traballo como xornalista, xa retirado, foi a publicación das súas memorias en 2012, De Xente Nova a Brais Pinto. Memorias dun afiador rebelde.
“Unha crónica, unha reportaxe”, segundo as súas propias palabras, nas que conta unha historia persoal da Galiza política e cultural da posguerra a través das súas vivencias, que parten desde que en 1950 fundou en Ourense o efémero grupo literario Xente Nova, e do grupo Brais Pinto, xunto con Xosé Luís Méndez Ferrín, Reimundo Patiño, Bautista Álvarez, Herminio Barreiro, Bernardino Graña e Ramón Lorenzo.”
Nota: a fotografía do grupo Brais Pinto é de Luís Álvarez Pousa.
A revista Tempos Novos crea unha publicación en galego na rede: temposdixital.com
“O xoves 27 de outubro, ás 19;00 horas no Museo do Pobo Galego (San Domingos de Bonaval), en Santiago de Compostela, preséntase Tempos Dixital, a nova presenza na rede da revista Tempos Novos, un dos poucos medios escritos en galego que resiste a oleada de peches. A revista dixital estará dirixida por Luís Álvarez Pousa, profesor da USC e director de Tempos Novos e coordinada por Denís Fernández Méndez, xornalista. Contará no seu consello de redacción con Comba Campoi, Paulo Carlos López, Sara Torreiro e Francisco Martínez Hidalgo. Esta revista dixital pretende “abrir o campo” de contidos do mensual, incluíndo ademais textos dirixidos a un público máis novo (entre 18 e 35 anos de idade) ampliando así o espectro do público lector do medio en papel. Por iso inclúe unha sección de deportes e prestará especial atención ás novas formas da cultura, manténdose na liña de xornalismo de análise e interpretación que vén caracterizando á revista Tempos Novos desde o seu nacemento en 1997, ano de fundación da empresa editora responsable tamén da revista de libros Protexta, dos Informes Galicia e agora tamén de Tempos Dixital.” Vía Galicia Hoxe.
Santiago: Homenaxe a Xosé Neira Vilas
Ourense: presentación de As luces de noutrora, de Edelmiro Vázquez Naval
Luís Álvarez Pousa: “Se un medio en galego cae, non é só culpa do poder político”
Entrevista a Luís Álvarez Pousa en El País:
“El País (EP): “Superamos os esquemas da resistencia cultural”, dixo en 1985, tras dimitir como director xeral de Cultura. Co actual grao de violencia simbólica do Goberno, vale dalgo ter razón?
Luís Álvarez Pousa (LAP): Temos razón porque temos os argumentos. Esa é a nosa principal arma de futuro. Resistimos doutra maneira, poñendo a proba a nosa capacidade de intervención cívica e de creación cultural. Non defendo o resistencialismo ao que nos vimos obrigados os que militamos no asociacionismo de base e na procura de novas tendencias creativas durante os anos negros. Si pola resistencia activa e creativa, a que denuncia e dá respostas alternativas.
EP: Foi ineficaz a aposta sistemática por normalizar, adiando os conflitos?
LAP: Tampouco podemos autoflaxelarnos. Hai un traballo que mantivo a chama acesa, pero si entendo que os modelos de resistencia deben mudar. Que o modelo de resistencia lingüística non foi o máis axeitado nos últimos anos é evidente, porque do contrario estariamos noutro estadio de normalización lingüística, e tería sido imposible que calquera Goberno, mesmo este, tan alleo aos puntos fortes da identidade do país, fixese o que está facendo. Nunca se atreverían.