Eduardo Blanco Amor na Insua dos Poetas

Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Como cada ano, dende hai xa máis dun lustro, onte tivo lugar no singular marco da Insua dos Poetas na Esgueva, Madarnás, O Carballiño, a VI Festa da Palabra, que organiza, baixo a coordinación de Luís González Tosar e Xabier Castro Martínez, a Fundación que leva o nome do lugar.
Con grande asistencia de público tanto anónimo coma significado nos eidos culturais e artísticos, a Festa da Palabra entregou onte os seus Premios Setecarballas e, sobre todo, rendeu homenaxe á figura de Eduardo Blanco-Amor, á memoria do cal ía este ano dedicada a xuntanza e, con tal motivo, inaugurouse un espectacular grupo escultórico recordando a súa produción que asinou o artista Acisclo Manzano.
O evento conduciuno Xabier Castro Martínez, secretario da Fundación Insua dos Poetas, quen logo de dar comezo ao mesmo cedeu a palabra ao presidente desta, González Tosar, para que saudase os presentes, se congratulase da celebración e exhortase a todas as forzas vivas do país a se unir en prol da consecución dun futuro que superase as actuais dificultades pola vía da “concentración parcelaria” superadora do minifundismo cultural, avanzando, así mesmo, que a próxima convocatoria do evento estaría dedicada ao intelectual galego-porteño Francisco Luis Bernárdez.
Tomou logo a palabra Miguel Santalices, vicepresidente do Parlamento de Galicia, quen deu lectura á proposición, non de Lei, pola que todos os grupos parlamentarios aprobaron declarar na cámara este 2014 (no que se fan trinta e cinco anos do pasamento do escritor) Ano Blanco-Amor. (…)”

Vigo: actividades destacadas do venres 30 de maio na Feira do Libro

O venres 30 de maio continúa a Feira do Libro de Vigo (na Praza de Compostela), con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados para eses días:

18:15 h. Sinatura de Miguel Ángel Alonso Diz na caseta da Libraría Andel.
19:00 h. Mesa redonda sobre Xosé María Díaz Castro. Intervirán no acto Armando Requeixo, Luís González Tosar e Víctor Freixanes.
20:00 h. Presentación do libro O derradeiro libro de Emma Olsen, de Berta Dávila, publicado por Galaxia. Xunto á autora, participan no acto Xosé Monteagudo e Carlos Lema.

Compostela: conferencia de Armando Requeixo e recital con poesía e música en homenaxe a Xosé María Díaz Castro

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria celebra no Gaiás o Día das Letras Galegas cun recital poético-musical organizado polo Centro PEN Galicia para homenaxear ao poeta lucense Xosé María Díaz Castro no ano no que se conmemora o centenario do seu nacemento.
O evento Díaz Castro, perdido no traxecto e salvado por un anxo, terá lugar na Biblioteca de Galicia na véspera do Día das Letras, o venres 16 de maio, a partir das 19:00 horas. O escritor Armando Requeixo será o encargado de introducirnos na figura do autor de Nimbos, na súa obsesión pola perfección e a súa preocupación por Galicia e polos problemas do ser humano: a vida, a morte, o tempo. Tras el, Alba Cid, Luís González Tosar e Salvador García-Bodaño celebrarán a Díaz Castro a través dun recital poético. Marta Quintana e Cuchús Pimentel porán a nota musical do acto.

A Coruña: presentación de Xosé María Díaz Castro. Nimbos de luz

Santiago: actividades destacadas do sábado 3 e domingo 4 de maio na Feira do Libro

O fin de semana do 3 e 4 de maio finaliza a Feira do Libro de Santiago (no Parque da Alameda), con horarios de 11:00 a 14:30 h. e de 17:30 a 21:30 h., cos seguintes actos literarios destacados para eses días:

Sábado 3 de maio
20:00 h. Mesa redonda sobre Xosé María Díaz Castro, organizado pola Editorial Galaxia, coa participación de Luís González Tosar, Armando Requeixo e Víctor Freixanes.

Domingo 4 de maio
20:00 h. Unha nova viaxe por Landereina, acto convocado pola Editorial Galaxia, coa intervención de Sabela González e Francisco Castro.

Radiocrítica do 31-03-2014, por Armando Requeixo

Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Velaquí unha nova Radiocrítica emitida o luns día 31 de marzo en Ames Radio (107.2 FM, agora accesible on line neste enderezo). Desta volta falei con Nazaret López sobre O sexo masculino dos anxos, de Manuel Janeiro (I: 00:16); Nimbos, de Xosé María Díaz Castro en edición de Luís González Tosar (I: 5:52); A autoestrada do Sur, de Julio Cortázar en tradución de Francisco X. Fernández Naval (II: 0:00) e Papá, que son os sorrisos?, de María Canosa e Dani Padrón (II: 8:43).”


Esgueva, O Carballiño: celebración do Día da Poesía

O luns 24 de marzo, ás 11:00 horas, na Insua dos Poetas (Esgueva, Madarnás, O Carballiño), celébrase o Día da Poesía, nun acto coorganizado pola Fundación Insua dos Poetas e o Centro PEN de Galicia, e patrocinado pola Consellería de Cultura, Consellería de Medio Rural e Mar e a Deputación de Ourense. O programa é o seguinte:
– Un alumno/a de cada un dos centros escolares presentes lerá un poema de Nimbos, de Xosé María Díaz Castro.
– Intervirán: Víctor F. Freixanes, Luís González Tosar, Xesús Alonso Montero, Tomás Fernández Couto, Xesús Vázquez Abad e Manuel Baltar.
– Entrega de lotes de libros aos profesores dos centros de ensino presentes.
– Ofrenda floral no monumento Nimbos de luz.
– Plantación de árbores a cargo dos alumnos, profesores, escritores, xornalistas e autoridades.

Cuestionario Proust: Modesto Hermida

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Modesto Hermida:

«1.– Principal trazo do seu carácter?
– Sensible, irritable.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– Intelixencia e lealdade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Sincera afectividade.
4.– A súa principal eiva?
– Un certo descontrol emotivo.
5.– A súa ocupación favorita?
– Ler, escribir, viaxar.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Saúde, capacidade de subsistencia, proximidade coa familia e coas amizades.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Perder os fillos ou que se atopasen en serias dificultades.
8.– Que lle gustaría ser?
– Tal como estou, xubilado, non ansío ter nin ser.
9.– En que país desexaría vivir?
– Sen lugar a dúbidas. No que vivo, Galicia.
10.– A súa cor favorita?
– Vermellos e azuis.
11.– A flor que máis lle gusta?
– Camelia alba plena.
12.– O paxaro que prefire?
– Merlo, xílgaro, cotovía, lavandeira. Gústanme os paxaros.
13.– A súa devoción na prosa?
– Saramago, Jorge Amado, García Marquez, Clarín, Alberto Méndez, Luís Landero, Camus… É imposible falar de preferencias excluíntes.
14.– E na poesía?
– Celaya, Juan de Yepes, González Tosar, López Casanova, Miguel Hermández, Benedetti… Aínda máis difícil simplificar.
15.– Un libro?
– Non se pode dicir un libro unicamente pero, de simplificar porque arderan todos, El Quijote de la Mancha.
16.– Un heroe de ficción?
– Non me gustan os heroes de ficción.
17.– Unha heroína?
– Estamos na mesma.
18.– A súa música favorita?
– Clásica, jazz, fado…, segundo momentos.
19.– Na pintura?
– Impresionismo e outras avangardas.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Mandela, Che.
21.– O seu nome favorito?
– Sabela.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– Intolerancia, lercheo, envexa.
23.– O que máis odia?
– A inxustiza social.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Hitler, Franco, etc. Houbo e hai tanto f… de puta.
25.– Un feito militar que admire?
– Ningún.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Intelixencia e xenerosidade.
27. – De que maneira lle gustaría morrer?
– Gustaríame non morrer.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Equilibrado, con brotes de desvío en ambos sentidos.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os que teñen que ver coa gula, coa luxuria, coa preguiza…
30.– Un lema na súa vida?
– Honestidade e solidariedade.”