A Coruña: actividades destacadas na Feira do Libro 2018 para o 1 de agosto

O 1 de agosto comeza a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

11:00 h. Acto de inauguración. Presentación e lectura do pregón a cargo de Xavier Senín.
18:00 h. Antía Yáñez asina exemplares de Senlleiras, publicado por Galaxia.
18:00 h. Charla ilustrada: Os libros recuperados de María Victoria Moreno. Coa participación de Susana Sánchez Arins, Eli Ríos e Xavier Senín, e ilustracións en directo a cargo de Lara Torres e Lidia Cao.
19:00 h. Presentación de O exército de fume, de Manuel Gago, publicado por Xerais, en conversa con Manuel Bragado.
19:00 h. Presentación de Caderno de lúas, de María Canosa e Dani Padrón, publicado por Editorial Bululú.
19:00 h. Manuel Miragaia asina Galeguia na caseta da Libraría Pedreira.
19:00 h. Siro López asina Castelao na arte europea, na caseta de Arenas.
19:00 h. José Julio Fernández Rodríguez asina Clara e o rapto do Solpor e outros libros na caseta de Hércules Ediciones.
19:00 h. Blanca Crespán e Álex Mene asinan A raíña das tortas na caseta de Alvarellos Editora.
19:45 h. Na carpa infantil presentación de O segredo da vella libraría, de Xabier López López, publicado por Galaxia. Acompañando ao autor estarán o ilustrador do volume Xosé Tomás, Malores Villanueva e Alba Porral.
20:30 h. Presentación de The Making of, de Xavier Alcalá, publicado por Galaxia. Acompañando ao autor estarán o enxeñeiro Xoaquín Lameira, Xoán Antón Pérez Lema, Xulio López Valcárcel e Carlos Lema.

Manuel Gago: “Defendo a literatura que podes levar á praia, á cama ou ao váter”

Entrevista de Daniel Salgado a Manuel Gago en Sermos Galiza:
“Entrevistamos o xornalista e profesor da USC Manuel Gago cando vén de publicar O exército de fume (Xerais), un exercicio de literatura popular baseada na identidade do país. “Defendo a literatura popular para entender cousas sobre nós mesmos”, afirma na entrevista.
– Sermos Galiza (SG): Por que sitúa a novela durante a Segunda Guerra Mundial?
– Manuel Gago (MG): É unha época presente nos recordos da miña familia. Eu son do Barbanza e había moita relación coas armadas alemás que chegaron despois da Gran Guerra. A miña familia viviu episodios vinculados aos submarinos alemáns, tiveron que levarlles aprovisionamentos.
– SG: Relátao nunha escena de O exército de fume.
– MG: Si. O San Roque é o barco do meu avó, quen non podía servir porque era republicano. Estaba a nome do irmán. En Ribeira había unha dotación militar alemá e algúns soldados quedaron alí. Os alemáns empezaban a deixar de ser feitos e convertíanse en lendas. Castros que fixeron os alemáns. Unha pedra famosa de cuarzo que levaron os alemáns do Barbanza, unha historia de mouros de toda a vida. Interésanme as historias que fan pensar arredor da nosa identidade. Decateime de que os alemáns eran os novos mouros. En parte ten a ver con algo que obsesionaba a nosa cultura tradicional, o outro. O alemán é un mouro. Ten grandes riquezas, está interesado no subsolo, é perigoso, non se sabe moi ben de onde vén. É a versión moderna dese antigo mito. A novela fermentou a partir de aí e dunha historia que me pasou sendo comisario da exposición Galicia 100 do Consello da Cultura.
– SG: Que foi?
– MG: Aquela mostra contaba a historia da cultura de Galiza a través de cen obxectos. Unha das pezas era o mosquetón de Foucellas.
– SG: Que no libro se chama Ramallo.
– MG: Efectivamente. Ao ter que limitarme a cen pezas buscaba obxectos polisémicos. O mosquetón dun guerrilleiro era fantástico para falar sobre cando empeza e remata unha guerra, sobre cando empeza e remata un período, preguntas así. Na exposición puxémolo ao carón das cadeas de Pardo de Cela, por ver como o poder e a represión xeran mitos de maneira indirecta. Eu facía as visitas guiadas. A partir da segunda, comezou a vir xente que atendía e, cando chegabamos ao mosquetón, quedaba alí. Ás veces choraban. Outra vez un señor contoume que o seu avó agochara a Foucellas e que este ía pola mañá correr espido entre o millo. Era xente da zona de Ordes que viña ver o condenado mosquetón. Pregunteilles por que. A parquedade e a admiración coa que falaban de Foucellas eran case equivalentes. Admirábano tanto como falaban pouco. Todo se resumía en “eran boa xente, axudaban a xente”. Non había un discurso elaborado. Abraioume entender que, para eles, eran heroes pero non sabían as palabras dos heroes.”

Compostela: presentación de O exército de fume, de Manuel Gago

O xoves, quinta feira, 5 de xullo, na Librería Cronopios de Compostela (Rúa Alfredo Brañas, 24), preséntase a novela O exército de fume, de Manuel Gago, publicada por Edicións Xerais. No acto participan, xunto ao autor, Lourenzo Fernández Prieto e Manuel Bragado. A presentación tamén inclúe unha sesión de narración oral que se mergulla nas historias da guerra civil e da resistencia antifranquista, con María da Pontragha, Soledad Felloza e Celso Fernández Sanmartín.

Manuel Gago: “Quería escribir unha historia que cambiase o paso, que falase dos guerrilleiros doutro xeito: sen eludir os luscofuscos, porque os heroes do século XXI son imperfectos e cheos de contradicións”

Entrevista a Manuel Gago en Palabra de Gatsby:
“(…) – Palabra de Gatsby (PG): Para comezar cunha idea potente. Como profesor, divulgador e xornalista é evidente que hai unha vinculación da súa personalidade cara á escrita. Tamén foi así dende sempre coa ficción literaria?
– Manuel Gago (MG): Si, xa desde moi novo, escribindo, como devorador de libros e como parte do meu traballo como xornalista cultural. Durante bastantes anos canalicei boa parte da miña escrita para determinado tipo de formatos de comunicación académicos, xornalísticos ou de escrita dixital coma o blog Capítulo Cero. Xa que logo, textos máis breves, para unha comunicación máis rápida e directa cos lectores. Foi a partir de 2012 cando decidín comezar a explorar o ámbito literario. Tiven unha baixa prolongada no tempo que me permitiu pasar uns meses de vida doméstica nos que puiden estar concentrado na creación.
De aí naceu Vento e Chuvia, unha colección de relatos mitolóxicos ambientados na Idade do Ferro, pero tamén a disciplina e o ánimo de comezar a desenvolver narrativas escritas de máis longo alento. Ten que ver, na miña percepción, cos cambios da vida, tamén físicos. Cando te vas aproximando os corenta, un día descobres que estás nunha encrucillada entre o vivido, o aprendido e aínda tes, en teoría, unha certa distancia de futuro. Xa es plenamente consciente de moitos dos teus límites, tanto vitais como intelectuais, pero ao mesmo tempo o teu pasado pasou de ser un recordo instrumental e pouco útil a converterse, el mesmo, nunha especie de relato que fas de ti mesmo. O que se vén chamando madurez, vaia. E para contar o que sentía preciso contar, para organizar o que me pasaba pola miña cabeza, a literatura revelouse coma o mellor formato. Sempre tiven unha mentalidade transmedia: cando intúo que algo debe ser contado nun soporte e dun xeito específico, non dubido en aprender esa linguaxe.
E hai outra cousa: escribo as novelas que me gustaría ler. Coido que moita da literatura parte da idea de ausencia. Alguén que percibe que no mundo falta unha idea, e pasas tempo dándolle forma a esa idea para que estea no mundo.
– PG: Cal é o xerme de O exército de fume (Xerais, 2018)?
– MG: Non adoito ter unha especie de big-bang creativo. Hai moitos xermes que acaban por fermentar xuntos, ás veces a partir de catalizadores absurdos. En O exército de fume converxeron varias historias que serían longas de contar, pero podería mencionar brevemente algúns vértices. Por unha banda, unha convalecencia miña con varios soldados británicos feridos en Afganistán. O goberno británico tiña un programa para ir reintegrando a aqueles homes á sociedade. Despois de pasar a primeira fase en hospitais militares, aqueles rapaces, con membros amputados, transferíanse a un hospital civil, onde eu os coñecín. Faláronme da guerra. Pasaban as noites chorando e berrando, atrapados no recordo da experiencia traumática que os deixara sen unha perna ou un brazo. Condenados, coma nun pórtico románico, a revivir o inferno unha e outra vez. Aquilo orientoume emocionalmente cara a guerra. (…)”

Entrevista a Manuel Gago sobre O exército de fume

Desde Galicia por Diante, da Radio Galega:
“«Esta novela é unha mestura de historia, ficción e lenda ambientada no ano 1942, cando dúas guerras ocultas en Galicia acaban xuntándose.» Entrevista en Galicia por Diante sobre O exército de fume. Pode escoitarse aquí.”

Manuel Gago: “Galicia debe ser un referente ético con valores que a xente queira defender”

Entrevista a Manuel Gago en Ideas.gal:
“(…) – Ideas.gal (I): Para onde deberíamos camiñar colectivamente como país, ao teu ver?
– Manuel Gago (MG): (…) Non digo que haxa un ‘botón máxico’ que esperte o país, pero si creo que o que falta é unha nova cultura política que reinterprete Galicia alén dos tópicos que nos fixeron crer a nós mesmos e cree un novo modelo de xestión, de autonomía e de progresión na soberanía.
E hai outra cousa máis. Díxomo Uxío Novoneyra hai moitos anos. A bandeira galega non derramou sangue. Eu interpreto esa frase dese xeito: creo que Galicia non só debe ser unha identidade, senón un referente ético cargado de valores positivos -dentro da pluralidade dunha sociedade aberta- que a xente queira enarborar e defender. (…)
– I: Que modelo de coñecemento e implicación da sociedade galega en relación ao seu patrimonio cultural estimas máis interesante? Como podería ser implementado, desde o teu punto de vista?
– Manuel Gago (MG): O modelo que eu defendo pasa por unha administración pública aberta e dialogante en temas de patrimonio, non opaca nin altiva; todo o mundo sabe perfectamente que a Xunta non pode facerse cargo de todo, e nin sequera é bo. Sabendo iso, que creo que é algo que é compartido pola propia Xunta, deberamos dar grandes pasos adiante en desenvolver novos modelos, por moitas trabas e intereses ocultos, empresariais e corporativos, que presionen na contra. Aí, por exemplo, precisamos unha posición forte da Administración, que non ceda a esas presións.
Creo no traballo de base da sociedade civil, comunidade a comunidade, creando modelos exitosos a nivel comarcal nos que o emporedamento das xentes é básico e fundamental. Son do Barbanza e aí temos unha experiencia moi interesante que, moitas veces, como estamos cheos de tópicos, non vemos. No Barbanza, ou en determinadas zonas da Costa da Morte, detívose a destrución de casas tradicionais de pedra a partir de que houbo xente que apostou con éxito pola restauración a principios dos 90. Os galegos precisan ver para crer, como Santo Tomás. Por iso eu son moito de xerar espazos que se poidan ver, que amosen que algo é posible, por moito traballo que nos dea conseguilo. Debemos avanzar cara un patrimonio no que os cidadáns teñan un papel activo na súa xestión. (…)”

Ribadeo: actos destacados na Feira do Libro para o sábado 1 e domingo 2

O domingo 2 de xullo finaliza a IV Feira do Libro de Ribadeo (no Parque de San Francisco, con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 18:30 a 22:00 h.), organizada polo Concello de Ribadeo, cos seguintes actos literarios destacados para estes días:

Sábado 1
12:30 h. Presentación de A candidata, de Miguel Sande, publicada por Galaxia.
13:00 h. Presentación de 22 segundos, de Eva Mejuto, publicado por Xerais.
19:00 h. Presentación da colección Mulleres Bravas da nosa historia, de Urco Editora, coas súas autoras, Eli Ríos e María Lado, acompañadas pola ilustradora Eva Agra e o editor, David Cortizo.
19:45 h. Presentación de O anxo negro, de Manuel Gago, publicado por Xerais.
20:30 h. Concerto-presentación de Os fíos do querer, Cé Orquestra Pantasma. Para nenas e nenos entre 0 e 3 anos.

Domingo 2
13:00 h. Presentación de As covas do rei Cintolo, edición facsímile das obras de Daniel Cortezón e Suso Peña. Presentan o libro editado por Lar Roberto Rodríguez, Santiago Sanjurjo e Justo García.
19:30 h. Presentación de Placebo, de Santiago Jaureguízar, publicado por Xerais.