Arquivos da etiqueta: Manuel García
A Estrada: acto de entrega do Premio Manuel García Barros
O 14 de decembro, a partir das 19:30 horas, no Teatro Principal da Estrada, terá lugar o acto de entrega do XXX Premio de Novela Manuel García Barros. Un galardón que foi parar a mans da escritora Ana Cabaleiro López pola obra As Ramonas (Galaxia, 2018).
O acto iniciarase cun adianto do documental que, proximamente, se estreará conmemorando este aniversario, e no que participan nomes referenciais do sistema literario galego como Víctor Freixanes, Anxos Sumai, Dores Vilavedra ou Manuel Forcadela.
A continuación, Francisco Castro, presentará en sociedade o libro de narracións curtas Contra o vento escrito por 18 dos autores gañadores do Premio de Novela Manuel García Barros, en conmemoración do trixésimo aniversario do premio.
Acto seguido, darase lectura á acta correspondente e comezará unha xeira de intervencións na que participarán, ademais da autora premiada, o director da Ed. Galaxia D. Francisco Castro, o secretario xeral de Política Lingüística D. Valentín García, o Deputado de Cultura D. Xosé Leal e o alcalde da Estrada D. José C. López.
O acto estará amenizado polo violinista Manuel García.
Marisol Gándara gaña o Premio Francisco Añón de Poesía
“Marisol Gándara Sánchez, de Ordes, gañou o XV Certame Francisco Añón de Poesía, que convoca o Concello de Outes, pola súa obra Manuscrito segundo da poeta caníbal. O premio está dotado con mil euros e a publicación do poemario. A casa de cultura da Serra de Outes vestiuse de gala para acoller a gala de entrega de galardóns do certame de poesía nas súas distintas categorías. Na de 6 a 7 anos, o xurado declarou os premios desertos. No apartado de nenos de 8 a 9 anos, o galardón foi para Iago Santos Moledo polo seu traballo titulado A natureza. Na categoría de 10 a 11 anos, o premio recaeu en Lucía Valle-Inclán pola súa obra A mosca chosca. Mentres que en 12 a 14 anos gañou Marcela Porto Mato con A ti, e en 15 a 17 anos, o galardón foi para Lara Porto Mato por Doce cafés. Cada un deles recibiu vales de 120, 150, 180 e 230 euros para a compra de libros, respectivamente. O xurado, integrado por María Reimóndez, Román Cerqueiro, María Golán e Manuel García, tamén decidiu conceder varios accésits nas distintas categorías, que teñen como premio a súa publicación.
Por outra banda, o Concello de Noia rendeulles homenaxe aos escritores da localidade María Mariño e Antón Avilés de Taramancos. O acto, presidido polo alcalde, Rafael García Guerrero, consistiu nunha ofrenda floral diante dos bustos que ambos teñen na Alameda da vila.” Vía Galicia Hoxe.