O venres 14 de novembro, ás 19:30 horas, no Museo do Mar de Galicia (Avenida Atlántida, 160) de Vigo, terá lugar o recital poético Papeis mollados, de Manuel M. Romón, que vai contar co colaboración do músico Suso Cortegoso, no espazo da exposición Océano, de Antón Patiño. Unha proposta que mantén a radicalidade vangardista da lendaria aportación do autor a Rompente, mais vinculada á experimentación das novas linguaxes poéticas.
Arquivos da etiqueta: Manuel María Romón
Alberte Valverde: “Vexo Rompente constantemente: na crise económica, na situación do país que temos hoxe”
Entrevista de Marcos Pérez Pena a Alberte Valverde en Praza (foto da Universidade de Vigo):
“”Rompente é un espazo de convivio, de diálogo, e de experimentación. Foi o acicate necesario que houbo na Transición para renovar por completo o campo literario galego”. O pasado mes de decembro Alberte Valverde presentou na Universidade de Vigo a súa tese de doutoramento, Elementos para a descrición e análise da vangarda no final do século XX na Galiza: o grupo Rompente (1975-1983), dirixida por Burghard Baltrusch. O traballo, unha biografía artística de Rompente, serviu para organizar, sistematizar, dixitalizar e dar a coñecer os textos poéticos, teóricos e performáticos do grupo, tanto os xa publicados e coñecidos, como unha morea de inéditos. “Ante a falta de interese de todas as editoriais” por publicar a tese -destaca-, o obxectivo inmediato é que estes textos, especialmente os inéditos, sexan difundidos a través da web, nun proxecto que deberá concretarse á volta do verán.
A maior parte dos textos inéditos que esta investigación saca á luz estaban nas propias bibliotecas persoais dos integrantes do grupo. Por exemplo, Alfonso Pexegueiro conservaba un inédito teórico de 1977, aínda que a meirande parte das descobertas foron feitas grazas a Manolo Romón, “auténtico arquiveiro de Rompente”, destaca Alberte Valverde. Ademais dos textos poéticos, Valverde destaca a importancia dos traballos teóricos sobre Teoría da Literatura, política ou ideoloxía na Galicia da Transición, “cunha importancia moi grande para o campo literario galego, porque fan unha reflexión na súa propia contemporaneidade”. E despois habería un terceiro grupo de textos, os máis deles inéditos, que serían os textos performánticos. “Rompente son os primeiros que traballan a performance de xeito serio, non como simples espectáculos poéticos. Os documentos das performances estaban inéditos, a única información que tiñamos era a través da prensa da época ou por exercicios memorísticos”, sinala. (…)”
Vigo: presentación de Os xornalistas utópicos, de Manuel Veiga
O mércores 10 de xullo, ás 20:00 horas, na Libraría Librouro (Rúa Eduardo Iglesias, 12) de Vigo, preséntase o libro Os xornalistas utópicos, de Manuel Veiga, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Manuel Romón e Manuel Bragado.
Vigo: inauguración da mostra Espiñas coroadas de Lito Portela, comisariada por Carlos L. Bernárdez
O 10 de maio, sexta feira, ás 20:00 horas, na Fundación Laxeiro de Vigo, terá lugar a inauguración da mostra Espiñas coroadas de Lito Portela, comisariada por Carlos L. Bernárdez, e organizada pola Fundación Laxeiro e a Universidade de Vigo. Alén do artista Lito Portela, a exposición conta coa colaboración do escritor Manuel M. Romón (textos), do músico Julián Hernández e dos deseñadores Iria Sobrino e Rai Iglesias.
Entrevista a Manuel Romón no Zig zag, da Televisión de Galicia
Donas, Gondomar: Opera aperta, con Julián Hernández e Manuel Romón
O sábado 17 de novembro, ás 22:30 horas, na Casa da Lectura de Donas, Gondomar, Espazo Lectura celebra unha nova edición das Noites Golfas, onde o músico Julián Hernández e o poeta Manuel Romón realizarán un recital performativo, baixo o nome de Opera aperta, construído a base de combinar a palabra, a música e os silencios, establecendo un diálogo contemporáneo entre a palabra e a música.
Ourense: inauguración da exposición Espiñas coroadas, comisariada por Carlos L. Bernárdez
A quinta feira 12 de abril, ás 12:00 horas, na sala Alterarte do Campus de Ourense, pavillón 1, terá lugar a inauguración da mostra Espiñas coroadas. Carlos L. Bernárdez + Lito Portela, comisariada por Carlos L. Bernárdez dentro do proxecto 10 comisarios/10 artistas, e organizada pola Vicerreitoría do Campus de Ourense. Alén do artista Lito Portela, a exposición conta coa colaboración do escritor Manuel M. Romón (textos), do músico Julián Hernández e dos deseñadores Iria Sobrino e Rai Iglesias.
A Coruña: Opera Aperta (en parte) volume I, con Manuel M. Romón e Julián Hernández
O domingo 16 de xaneiro, a partir das 20:00 h., na Fundación Luís Seoane (Rúa San Francisco s/n.) da Coruña, e con entrada libre até completar capacidade, terá lugar Opera Aperta (en parte) volume I, “recital performativo, celebración da palabra, do silencio, da música e do silencio; un diálogo entre a palabra e a música, onde a música ten, significativamente, a primeira e a última palabra; duelo irónico entre os diversos textos que le Manuel M. Romón e os diferentes instrumentos que toca Julián Hernández.