Manuel Rivas: “Galicia estivo moito máis perto de Sicilia do que pareceu”

Entrevista a Manuel Rivas en Localia, recollida en Galicia Hoxe:
“- P: Pensa que revolucionou a literatura galega?
– R: Penso que un cando escribe intenta porlle boca aos propios enigmas que un ten e as propias dúbidas e penumbras que ve dentro dun mesmo e dentro do mundo que o rodea e da condición humana. Entón, eu non penso tanto que cando un escribe non fas cálculos de dicir onde estou eu dentro da literatura, senón que intentas dicir, que podo dicir?, que podo facer para que algo que antes non existía, modestamente, exista algo novo?… Como quen achega unha nova especie, unha nova planta nun campo, un xardín, nunha leira, que antes non existía. Poder dicir nalgún momento aquelo que dicía Machado de Assis, que dicía: ‘Mereceu a pena ser inventado’. É algo que pagou a pena que se inventara pois iso é o que intentas. Despois xa é cousa doutros, de estudosos, dicir se isto revolucionou ou non. (…)
– P: Falando de internacionalismo, sobre a súa última novela –Todo é silencio– hai quen a define como universal. ¿O universal é o local sen paredes, que diría Miguel Torga?
– R: Si, paréceme unha definición boísima porque tamén ten algo que ver co que falábamos antes. Plantéxanse contradicións que non son tais. Porque un escriba, por exemplo en galego, ou porque que sitúe as suas historias en Galicia, hai xente que entende que iso sería literatura local, pero é que todas as literaturas son locais. O importante é que aquilo que sucede nun lugar e nun tempo interese, profundice, pescude na condición humana, nese ser estraño que somos. Evidentemente, non existe tal contradición no local/universal, senón que, xustamente, eu penso que está moi ben dito por Torga. Sería a imaxe dun faro –Galicia é un país de faros, eu nacín a pé dun-. O faro non discrimina, cando os seus lampos de luz van percorrendo o mar non din a este barco si, a este non. A luz é para todos. Eu penso que cando escribes, tamén escribes para todo o mundo. (…)
– P: Ten vostede referentes literarios?
– R: Claro, hai moitísima xente da que aprendes. Unha cousa maravillosa que ten a literatura é que podes viaxar no tempo. Como dicía Quevedo: cos ollos falas cos mortos. Podes conversar con xeracións: Ulises, Hamlet, pertencen máis a realidade que ao mellor xente que existiu realmente. Pero que é máis importante Cervantes ou non me acordo quen sería o primeiro ministro naquel tempo, pero sí sabemos a importancia que tivo Cervantes. Quixote e Sancho son moito máis reais que xente da realidade. Nos adestran ao longo do tempo, cada vez están máis vivos, nos están a falar, sempre nos din cousas novas. Eu podería falar deses referentes, pero tamén é certo, como decía con humor un amigo meu: non cites a ninguén porque eles non teñen a culpa do que escribes ti. Aquí en Galicia hai xente maravillosa en canto a narrativa, Blanco Amor, Cunqueiro, Valle Inclán, Pardo Bazán (que foi unha vangardista que hai que reivindicar). Temos un país moi fértil. (…)”

Pontevedra: actos literarios no Culturgal para o sábado 3 de decembro

A Feira das Industrias Culturais, Culturgal 2011, continúa sábado 3 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra, con horarios de 11:00 a 14:30 h. e de 16:30 a 21:30 h., e entrada libre até completar capacidade. Deixamos aquí o programa: Culturgal 2011, dentro dos que destacamos os seguintes actos literarios para este día:

Sábado 3:
12:00 h. Presentación de Onde mercan os larpeiros, de Tomás Alonso e Víctor López, publicado en Galaxia. No Salón.
12:30 h. 2.0 Editora. Presentación do proxecto editorial. No Salón.
13:00 h. María Solar e Xosé Tomás: Vou ter un irmán!!!, publicado en Galaxia. No Cuarto dos Nenos.
13:30 h. Colección de libros Cociña infantil e familiar, de Ouvirmos. No Salón.
13:30 h. Entrevista a Inacio Vilariño e sinatura do seu libro Fábula Galénica, publicado en Baía Edicións.
14:00 h. Elena Gallego: Dragal I e Dragal II, novelas xuvenís publicadas en Xerais. No Salón.
16:30 h. Berrobambán: Contatrás. No Cuarto dos Nenos.
17:00 h. Colectivo da Porta Verde do Sétimo Andar: Q de Vian. Cadernos. No Salón.
17:30 h. Xosé Tomás: Nómades. A emigración a través das mulleres, publicado en Galaxia. No Salón.
18:00 h. Café con: Manuel Rivas.
18:00 h. Guía das libélulas de Galicia, publicada en Baía Edicións. No Salón.
18:30 h. Fernando Neira: Berrogüetto: O pulso da terra. Un libro sobre a eclosión do folque galego, publicado en Galaxia. No Patio.
18:30 h. Anxo Fariña: A chave da Atlántida. No Cuarto dos Nenos.
19:00 h. Café con: Domingo Villar.
19:00 h. Conversa de Manuel Jabois con Manuel Rivas e José Luis Cuerda. No Salón.
20:00 h. Conversa de Manuel Jabois con Domingo Villar e novos autores de novela negra: Xosé Manuel García López e Francisco Varela Losada. No Salón.
20:00 h. Happening multidisciplinar. Vídeo, son, palabras, expresión corporal. No Faiado.

Huelva: conferencia de Manuel Rivas: La boca de la literatura: memoria, lenguaje, ecología

O martes 22 de novembro, ás 20:00 horas, na Sala Hotel París de Huelva, Manuel Rivas ofrece a conferencia La boca de la literatura: memoria, lenguaje, ecología, na que disertará sobre os seus traballos literarios. O acto está organizado pola Área de Cultura da Diputación de Huelva, sendo presentado e moderado polo escritor José Luis Piquero.

Actos literarios no Culturgal 2011

A Feira das Industrias Culturais, Culturgal 2011, celébrase do venres 2 ao domingo 4 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra, con horarios de 11:00 a 14:30 h. e de 16:30 a 21:30 h., e entrada libre até completar capacidade. Deixamos aquí o programa: Culturgal 2011, dentro dos que destacamos os seguintes actos literarios:

Venres 2:
– 13:30 h. A Compañía Traspediante presenta o espectáculo de animación e danza Baleadas, baseado no libro de Estevo Creus, Balea2.
– 16:30 h. Xan Eguía: A lenda de Cuaima e Mohan.
– 18:00 h. Café con: Xulia Alonso.
– 19:00 h. Conversa de Ana Romaní con Antonio Piñeiro. No Salón.
– 19:30 h. Conversa de Ana Romaní co Colectivo Polaqia (Brais Rodríguez e Sergio Covelo). No Salón.
– 19:30 h. Presentación de A caza do ghazafello, libro musical. No Cuarto dos Nenos.
– 20:00 h. Conversa entre Ana Romaní e Xulia Alonso. No Salón.
– 20:30 h. Das Kapital. Poesía e vangarda, expresión máxima dos adentros. No Patio.
– 21:00 h. Federico Cocho: Guerra civil. O que pasou en Galicia e en España. No Salón.
– A partir das 21:00 h. Poetas da Hostia. Vendo a miña alma, poxa de poeta. No Pequeno Karma.

Sábado 3:
– 12:00 h. Onde mercan os larpeiros. No Salón.
– 12:30 h. 2.0 Editora. Presentación do proxecto editorial. No Salón.
– 13:00 h. María Solar e Xosé Tomás: Vou ter un irmán. No Cuarto dos Nenos.
– 13:30 h. Colección de libros Cociña infantil e familiar, de Ouvirmos. No Salón.
– 13:30 h. Entrevista a Inacio Vilariño e sinatura do seu libro Fábula Galénica.
– 14:00 h. Elena Gallego: Dragal I e Dragal II, novelas xuvenís. No Salón.
– 16:30 h. Berrobambán: Contatrás. No Cuarto dos Nenos.
– 17:00 h. Colectivo da Porta Verde: Q de Vian. Cadernos. No Salón.
– 17:30 h. Xosé Tomás: Nómades. A emigración a través das mulleres. No Salón.
– 18:00 h. Café con: Manuel Rivas.
– 18:00 h. Guía de libélulas de Galicia. No Salón.
– 18:30 h. Fernando Neira: Berrogüetto: O pulso da terra. Un libro sobre a eclosión do folque galego. No Patio.
– 18:30 h. Anxo Fariña: A chave da Atlántida. No Cuarto dos Nenos.
– 19:00 h. Café con: Domingo Villar.
– 19:00 h. Conversa de Manuel Jabois con Manuel Rivas e José Luis Cuerda. No Salón.
– 20:00 h. Conversa de Manuel Jabois con Domingo Villar e novos autores de novela negra: Xosé Manuel García López e Francisco Varela Losada. No Salón.
– 20:00 h. Happening multidisciplinar. Vídeo, son, palabras, expresión corporal. No Faiado.

Domingo 4:
– 11:30 h. Guía didáctica de instrumentos musicais. No Salón.
– 12:00 h. Conversa de Xesús Fraga con Mario Regueira e Jacobo Fernández Serrano. No Salón.
– 12:00 h. Mamá Cabra: Xa me tardan eses magos. No Auditorio do Pazo.
– 12:30 h. Conversa de Xesús Fraga con Antón Riveiro Coello. No Salón.
– 13:00 h. Conversa de Xesús Fraga con María Xosé Queizán. No Salón.
– 14:00 h. Pere Tobaruela: Poñente. A relación novelada de Galicia e Cataluña. No Salón.
– 16:30 h. Café con: María Xosé Queizán.
– 16:30 h. Fran Alonso: Ninguén. A tecnoloxía e as relacións persoais. No Salón.
– 17:00 Presentación de A praza é nosa (Editora 2.0), unha ollada sobre o 15-M coordinada por Marcos Pérez Pena. No Salón.
– 18:00 h. Conversa de Teresa Cuíñas con Emilio Alonso e Víctor de las Heras sobre os seus libros sobre a movida viguesa dos anos 80. No Salón.
– 18:30 h. Fran Alonso e Xurxo Souto: O meu gato é un poeta. No Cuarto dos Nenos.
– 19:00 h. Conversa de Teresa Cuíñas con Carlos Callón. No Salón.

Manuel Rivas: ”A Guerra de España é a guerra de Troia, a guerra de todas as guerras”

Entrevista de Santiago Jaureguízar a Manuel Rivas en El Progreso:
“- El Progreso (EP): O lapis do carpinteiro fala do acontecido no 36 en Galicia, un tema constante na súa obra, tamén nos contos.
– Manuel Rivas (MR): A Guerra Civil é a guerra de todas as guerras. Non se trata dunha obsesión miña por un período. A guerra é o escenario da derrota da humanidade. Espero que non se tome como unha frivolidade, pero a guerra de España é a guerra de Troia. O que escribo está referido ao drama da guerra. Atopei as experiencias máis conmovedoras fóra de aquí, na aperta que me deu un mestre iraniano exiliado en Londres, que era o mestre de A lingua das bolboretas, ou nas caras dos espectadores que miraban a proxección desta película nun parque de Buenos Aires. Tiña que ver con eles. Cando un escribe quere chegar do local ao universal. O que une a condición humana é a estrañeza. (…)
– EP: A proposta de reunir cinco libros nun só volume é moi apetecible.
– MR: Pareceume unha proposta que respondía a certa natureza das cousas, a ver unha panorámica do hábitat que un foi creando, a enfrontarse ás propias pegadas, que poden provocar insatisfacción e tamén arrepentimento. (…)
– EP: Non vai escribir máis guións?
– MR: Non digo iso, pero, se o fago,será a partir dunha obra de literatura, como nesta ocasión. Ata que escribín a novela non puiden facer o guión. O meu hábitat é a escrita. Eu son animal solitario á hora de escribir.
– EP: Gústalle traballar en solitario para desenvolver vostede as súas ideas?
– MR: Son un animal solitario á hora de escribir; logo, partillo.”

Manuel Rivas: “Os contos son animais solitarios”

Entrevista de Camilo Franco a Manuel Rivas en La Voz de Galicia:
“- La Voz de Galicia (LVG): Os contos poden ser os mesmos, pero o autor quizais non. ¿Que impresión tivo dos contos ao volver a enfrontarse a eles?
– Manuel Rivas (MR): Hai sempre unha reacción de que o autor mellora cos anos, como esa falsa idea de que o progreso nunca acaba. Pensei de entrada que os primeiros contos serían peores e mesmo pensei que quizais non debía telos escrito. Despois dinme conta que eran eles os que tiñan que falar e non eu, por iso deixei que fosen. Decateime de que os primeiros non eran peores e tamén que no relato algunhas imperfeccións de fábrica non son necesariamente malas. Hai algo nesas imperfeccións que humaniza o conto.
– LVG: Quere dicir que o conto debe ter certa condición poética por riba da narrativa.
– MR: Creo que o conto non debe funcionar só como mecanismo, aínda que os mecanismos existan. Creo que nun conto non se debe ver a caixa de ferramentas. Os contos son animais solitarios e por iso hai que aceptalos, non se deben borrar as súas pegadas porque nos contos hai sempre unha indagación que xustifica a utilidade da literatura.
– LVG: ¿Cal é a indagación que debe facer hoxe a literatura?
– MR: Debe dicir o que non se pode dicir, debe achegarse aos tesouros e aos terrores. Tamén poden contrarrestar esas cifras que se utilizan para meter medo na xente. Creo que a literatura é agora máis útil que nunca contra o discurso único porque as palabras seguen sendo sensibles ao que xente precisa.”

Santiago: presentación de O máis estraño. Contos reunidos, de Manuel Rivas

O mércores 26 de outubro, ás 12:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase O máis estraño. Contos reunidos, de Manuel Rivas, publicado en Xerais. No acto participa, co autor, Manuel Bragado. Crónica posterior en El País.

Manuel Rivas: “O ser humano non ocupa o centro de interese das institucións”

Entrevista a Manuel Rivas en El Ideal Gallego, a través de Xerais:
“(…) – El Ideal Gallego (EIG): Por que se sente tan cómodo na narrativa breve e no conto?
– Manuel Rivas (MR): Eu penso que é un xeito de escribir e non sei se de vivir. Escribir un conto é como manter un misto prendido na man ata que queima os dedos. É un andar intenso no que se entrelazan casualidade e causalidade, como se estivésemos nun ring, nun ring circular. Os surrealistas dicían que no círculo é onde se dan cita os antónimos: a luz e a escuridade, a vida e a morte… Un conto é como un círculo.
– EIG: Poderíase dicir que o Rivas narrador absorbe no Rivas poeta?
– MR: O poeta alimenta no narrador, entendendo que a poesía é manter o sentido das palabras e facer que escintilen. Para min a poesía está máis asociada a un xeito de ver que a unha métrica ou a un formato. Hai poemas sen poesía e hai novelas con moitísima poesía. (…)
– EIG: Como académico, qu pensa do manifesto O xogo das cadeiras contra a discriminación da muller por parte da RAG?
– MR: Penso que a composición da Academia non é xusta e apoio o sentido dese texto. Non o digo aquí porque estea nunha entrevista; alí expresei o mesmo. Na RAG fai falta unha actitude activa, un plan de futuro para romper ese desequilibrio inxusto. Pero eu non a considero unha institución machista, xa que iso implicaría unha actitude activa, ideolóxica a prol da supremacía do macho, unha circunstancia que alí non se dá.
– EIG: Vostede é un escritor que escribe coa alma. É alma o que está a faltar no mundo de hoxe?
– MR: Totalmente. “Alma” é unha palabra que expresa moi ben o que se quere dicir con ela. Cando se di que unha cousa ten alma ou tamén cando se di que algo é desalmado está moi claro o que se transmite… 0 gran problema no mundo actual é que o ser humano non ocupa o centro de interese das institucións. A referencia no ser humano mesmo desaparece da linguaxe. Eu non escoito a ninguén do FMI nin dos bancos centrais, ni de ningún Goberno falar da barra de pan nin do litro de leíte. Todo son magnitudes, cifras irreais que acaban por volver irreal a propia realidade. (…)”

Manuel Rivas: “O problema da literatura galega é o golpismo lingüístico”

Entrevista a Manuel Rivas en La Opinión:
“- La Opinión (LO): Por que editar agora unha recopilación dos seus contos [O máis estraño]?
– Manuel Rivas (MR): A intención, aínda que hai inéditos, era reunir todos os contos nun mesmo volumen, porque hai algúns que estaban esgotados, outros publicados en coleccións xuvenís -e por estar nese nicho moita xente non os leu-, outros non se atopaban ou estaban espallados… Había esa necesidade de facer unha edición conxunta, revisada e ordeada. É unha revisión lixeira, sempre que te pos a reler existe esa tentación de reescribir pero procurei conterme e tocar o mínimo.
– LO: Hai moitos escritores que din que é máis fácil escribir unha novela de 400 páxinas que un relato breve. Que opina vostede?
– MR: Para min o máis difícil é facer un haiku, un poema breve, e se teño que responder coido que escribir un conto bo é máis difícil que facer unha novela, aínda que non é doado facer ningunha das cousas… Son intensidades diferentes: o conto é como un misto, que o prendes e termas del mesmo ata que che queima os dedos; unha novela é unha mecha longa que vai ardendo na que é máis difícil manter en vilo todo o rato ao lector.
– LO: O libro sae en galego e en castelán. Non lle resulta raro traducirse, tendo en conta que concibe eses contos en galego?
– MR: Eu escribo e teño que oírme en voz alta, como falan os personaxes, para min é importante a sonoridade que ten a lingua e algunhas ironías do galego, pero é unha cuestión de como trasladalo, porque todas as linguas teñen as mesmas capacidades. Parte da diversidade do mundo é poder facer esas transmigracións, iso é unha sorte.
– LO: Teme polo futuro da literatura en galego?
– MR: Os problemas da literatura non son de creación; penso que cada vez é máis plural e hai máis escritores. O problema son os condicionamentos do Goberno autonómico, que realizou unha especie de golpismo lingüístico cando chegou, cando xa había un Plan de Normalización Lingüística consensuado e chegárase a unha situación de equilibrio. Agora todo son atrancos e, sobre todo, o que é un discurso penoso é que un goberno que naceu dunha autonomía histórica -que saíu adiante con esa condición de histórica por ter unha lingua propia-, dea a entender que a súa lingua é inútil, precisamente cando estamos nunha situación idónea para entendernos con todos os países castelánfalantes e cos de lingua portuguesa. (…)

‘Manuel Rivas reúne no libro O máis estraño relatos coñecidos e outros inéditos’

Manuel Rivas reúne en O máis estraño (Xerais), o seu novo libro, unha colección de contos nos que inclúen algúns dos relatos que acadaron identidade fóra dos libros, como A lingua das bolboretas, e outros textos que aínda non viran a luz dos lectores. Rivas presentou onte en Madrid a tradución ao castelán deste mesmo volume (Lo más extraño, publicado por Alfaguara) e presentará o vindeiro mércores en Santiago a súa edición en galego. Segundo o autor, os contos incorporados a esta recompilación de textos non están “reescritos”, pero si que se presentan aos lectores “cunha revisión estilística” para que vaian cos tempos. En calquera caso, Rivas, segundo explica, non quixo volver escribilos. “Tamén resistín a tentación de deixar de lado aqueles que xa non me gustan como cando os escribín”, afirmou o escritor. (…) O escritor, nomeado recentemente doutor honoris causa pola Universidade da Coruña, acaba de regresar de Serbia, onde presentou a versión para ese idioma da súa premiada novela O lapis do carpinteiro, sinalou en Madrid que os relatos “son a sombra dos soños e por iso o último dos relatos que inclúe este novo libro leva ese título”. É un dos tres inéditos que ofrece o volume, xunto co O espertar da criada e O misterio de Uz. (…).” Vía La Voz de Galicia.