Pontevedra: actos literarios no Culturgal para o venres 2 de decembro

A Feira das Industrias Culturais, Culturgal 2011, comeza este venres 2 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra, con horarios de 11:00 a 14:30 h. e de 16:30 a 21:30 h., e con entrada libre até completar capacidade. Deixamos aquí o programa: Culturgal 2011, dentro dos que destacamos os seguintes actos literarios para este día:

Venres 2:
13:30 h. A Compañía Traspediante presenta o espectáculo de animación e danza Baleadas, baseado no libro de Estevo Creus, Balea2.
16:30 h. Xan Eguía: A lenda de Cuaima e Mohan.
18:00 h. Café con: Xulia Alonso.
19:00 h. Conversa de Ana Romaní con Antonio Piñeiro. No Salón.
19:30 h. Conversa de Ana Romaní co Colectivo Polaqia (Brais Rodríguez e Sergio Covelo). No Salón.
19:30 h. Presentación de A caza do ghazafello, de Denís López Horro, Marcos Payno e Valentín Torrado Blanco, libro musical publicado en Xerais. No Cuarto dos Nenos.
20:00 h. Conversa entre Ana Romaní e Xulia Alonso. No Salón.
20:30 h. Das Kapital. Poesía e vangarda, expresión máxima dos adentros. No Patio.
21:00 h. Federico Cocho: Guerra civil. O que pasou en Galicia e en España, publicado en Xerais. No Salón.
– A partir das 21:00 h. Poetas da Hostia. Vendo a miña alma, poxa de poeta. No Pequeno Karma. Coa participación de Ledicia Costas, Lucía Aldao, Daniel Landesa, Mig Seoane, María Lado e María Longa.

Tui: recital poético de novas tendencias

O venres 18 de novembro, a partir das 22:30 horas, en La Fabriquería – Espacio Creativo de Tui, terá lugar un recital de tres grupos que experimentan con novas formas de transmitir a poesía; María Lado e Lucía Aldao, Ledicia Costas e Daniel Landesa coa colaboración de Nuria como bailarina e, de novo neste espazo, Maus Vizinhos (Nolim González e David) presentando novas pezas da súa Poesia eletrônica.

Elvira Riveiro gaña o Certame de poesía erótica Illas Sisargas con carnia haikai

“O pasado sábado día 12, ás 22:30 h. na Casa de Turismo Rural Casa Arpón deuse a coñecer a obra gañadora da sexta edición do Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas, convocado polo Concello de Malpica e a Asociación Cultural Caldeirón. A obra gañadora foi carnia haikai, da escritora pontevedresa Elvira Riveiro Tobío. O galardón, entregado polo Alcalde de Malpica, Eduardo J. Parga Veiga, e a Concelleira de Educación e Cultura, Noelia Freijeiro Novo, está dotado con 1.000 euros, que aporta o Concello de Malpica, a publicación da obra, que realiza a A. C. Caldeirón, e unha noite na Casa de Turismo Rural Casa Arpón, por cortesía deste establecemento. A continuación da comunicación do fallo, procedeuse á presentación da publicación da obra gañadora do certame do ano pasado, a obra Amantes da escritora María Lado. O escritor e membro da directiva da A. C. Caldeirón, Paco Souto, deu unha pequena introdución do libro de María Lado quen, a continuación, recitou varios poemas da súa obra”. Vía Concello de Malpica. Tamén reseñado en La Voz de Galicia. Aquí pode consultarse a resolución do xurado.

Bases do XX Certame Literario A Pipa de Becerreá

A Asociación Cultural A Pipa de Becerreá convoca o XX Certame Literario A Pipa, coas seguintes bases:

1. Temática. O tema é libre.
2. Tres categorías.
2.A.- CATEGORÍA INFANTIL (Dos 8 ós 14 anos)
2.B.- CATEGORÍA XUVENIL (Dos 14 ós 18 anos)
2.C.- CATEGORÍA Revista A PIPA para maiores de 18 anos.
3. Dúas modalidades.
3. A.- POESÍA (máximo 50 versos)
3. B.- RELATO, NARRACIÓN OU CONTO breves (máximo 5 folios Din A4, dobre espazo entre as liñas, letra Times New Roman tamaño 12, marxes entre 2 e 3 cm.)
4. Os premios.
Para cadansúa CATEGORÍA establécense 1º e 2º Premio de Poesía, e tamén 1º e 2º Premio de Relato, mailos ACCÉSITS que o Xurado considere necesarios.
Cada premio consiste nunha estatuíña de cerámica de Sargadelos con placa inscrita, un lote de libros, e o correspondente título acreditativo. A Asociación Cultural A PIPA non descarta que os traballos premiados poidan ser editados nun futuro.
5. Presentación e Prazo.
5. A.- Cada participante poderá presentar un ou máis traballos, en LINGUA GALEGA.
5. B.- Os traballos presentaranse anónimos, sinalando neles a CATEGORÍA e MODALIDADE na que participan, e achegando nun sobre pechado a identidade, o enderezo e o número de teléfono do/a autor/a.
5. C.- O prazo de admisión rematará o 22 de decembro de 2011.
5. D.- Os traballos poden entregarse, ou enviarse ó seguinte enderezo: Certame Literario A PIPA. Rúa Ancares, 57. – 27640 Becerreá (Lugo).
6. O Xurado. O Fallo.
O Xurado estará composto pola Xunta Directiva da Asociación Cultural A PIPA de Becerreá, que tamén poderá convidar a algún profesional do mundo do Ensino, da Literatura e das Artes. O fallo farase público a través dos medios de comunicación, e tamén se transmitirá persoalmente ós/ás gañadores/as.
7. Cerimonia de Entrega de Premios.
A Cerimonia de Entrega de Premios terá lugar na Casa de Cultura de Becerreá o mércores 28 de decembro ás 21:00 h. no marco da XX Noite poética A Pipa 2011, con María Lado e Lucía Aldao.”

Fene: recital poético Os libros de Caldeirón, con Eduardo Estévez, María Lado e Lino Braxe

O venres 11 de novembro, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Fene, continúa a xeira de recitais poéticos de Os libros de Caldeirón, coa participación de Eduardo Estévez, María Lado e Lino Braxe.

A Coruña: Tour de Lecturas do Oeste

O martes 8 de novembro, en Normal (Paseo de Ronda, 47) da Coruña, terá lugar, dentro das IV Xornadas sobre Normalización da Lingua e a Cultura no Ámbito da Educación, o Tour de Lecturas do Oeste, con entrada libre até completar capacidade. O programa é o seguinte:
16:30 h. Mesa redonda Xestionando a lectura pública [BoasPrácticas], con Catuxa Seoane, Marcos Lorenzo, Cristina Novoa e Albino Alonso, moderados por Héctor Pose.
18:15 h. Mesa redonda Iniciativas empresariais ao redor do libro, con Iria Sobrino (Estaleiro editora), Begoña Varela (Libraría Nova Colón), Manel Cráneo (Demo Editorial) e Antón Lado (2.0 Editora), moderados por Héctor Pose.
19:30 h. Lois Pereiro segundo Marcos Calveiro. Presenta: Neves Arza.
20:30 h. Espectáculo poético-musical con María Lado e Lucía Aldao, presentadas por Eva Espido.

Lalín: recital poético Os libros de Caldeirón, con María Lado, Eli Ríos e Alberte Momán

O venres 28 de outubro, ás 21:00 horas, en Barriga Verde (Rúa Matemático Rodríguez, 9) de Lalín, prosegue a xeira de recitais poéticos de Os libros de Caldeirón, coa participación de Eli Ríos, Alberte Momán e María Lado.

Malpica: Cea das Letras, coa presentación de Amantes, de María Lado e As crebas, de Miro Villar, o 12 de novembro

O sábado 12 de novembro, ás 22:00 horas, na casa de turismo rural Casa Arpón (A Pontella, Malpica), terá lugar a Cea das Letras, na que se fallará o VI Certame de poesía erótica Illas Sisargas, e presentar o libro gañador da V edición, Amantes, de María Lado. O prezo da cea é de 25 euros, e é preciso anotarse previamente chamando ao número 675-607127. Os asistentes serán agasallados cun exemplar do libro.
Previamente, no salón de actos da Confraría de Malpica (Praza Anselmo Vilar Amigo, s/n.), ás 20:00 horas, preséntase o libro As crebas, de Miro Villar, publicado en Espiral Maior.

Moaña: tertulia poética sobre casa atlántica, casa cabaret, con María Lado

O venres 14 de outubro, a partires das 21:00 horas, na Lonxa Literaria (Centro Sociocultural Daniel Castelao, Quintela s/n.) de Moaña, terá lugar unha tertulia poética sobre o libro casa atlántica, casa cabaret, de María Lado, publicado en Xerais, coa presenza da autora.