Arquivos da etiqueta: María Rosario Regueira Cereijo
Rosario Regueira: “Coñezo bastante xente, mais non coñezo ningunha muller que non sufrira unha agresión”
Entrevista de Laura Veiga a Rosario Regueira en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Por que quería retratar a realidade das aldeas [en Retrato de ida e volta]?
– Rosario Regueira (RR): A min cónstame que houbo moitísima xente que levou mal o confinamento e, a partir de aí, xurdiulles a idea de volver ás aldeas, porque lles parecía unha contorna máis amábel. Víano case como unha necesidade, mais cando algunhas desas persoas chegaron, déronse de conta de que non era aquilo tan bucólico que imaxinaban. Había natureza si, mais non estaba ben coidada; as infraestruturas, cando non escasean, son inexistentes; a falta de servizos dificulta a supervivencia… Por exemplo, se non hai un sistema de saneamento e traída de auga, tes que pagalo do teu peto e iso encarece moitísimo a vida.
Claro que temos que recuperar as aldeas, mais hai que pólas a producir. Cómpre dotar o medio rural de servizos e que a xente que volva á aldea sexa para traballar nela. Isto tamén liga de maneira transversal coas problemáticas que se dan, como o illamento.
Antes, a xente maior tiña unha cobertura da familia e da veciñanza, mais agora, co despoboamento, iso estase perdendo. E tamén quería retratar que as aldeas teñen moita violencia dentro de si, moitas lousas e silencio. E esa é basicamente a idea da novela: temos a Vitoria, unha muller que fuxiu da aldea cara á cidade para escapar das violencias que sufría, e a Lucía, a súa neta, que volve da cidade cara á aldea escapando do confinamento e da presión que lle supoñía esa vida.
– ND: Por que cre que as aldeas están tan idealizadas?
– RR: As aldeas existiron sempre coas súas problemáticas e vantaxes, mais entendo que non é o mesmo pasar un confinamento de 60 metros cadrados no barrio de Vite en Santiago que pasalo nunha casa de aldea na que podes saír á horta e facer unha vida máis ou menos normal. Claro que houbo problemas como que a panadeira ou o peixeiro deixaron de vir, mais aínda así é completamente distinto. De feito, creo que nese momento tamén comezaron a venderse máis os pisos que tiñan terraza ou balcón, porque os seres humanos temos esa necesidade de saír fóra.
Eu tamén son de aldea e quixen criar as miñas fillas nela, mais ao final volveuse imposíbel porque hai unha serie de deficiencias que impiden facer unha vida razoábel. Temos que desmitificar a aldea, e hai que falar tamén da necesidade de repoboala, pero sendo conscientes de que é unha forma de vida, nin mellor nin peor. Non se trata de idealizala, mais tampouco de esquecela nin borrala. Temos que recuperala. (…)”