Entrevista
de Alberto Ramos a María Xosé Porteiro en Praza:
“(…) – Praza (P): En Sándalo, percorre dous séculos de historia con maiúsculas, mais tamén de historias da historia e historias de construcións familiares. Eses son os fíos, pero a agulla que parece mover o tecido é a emancipación dende todos os prismas posibles: a emancipación da escravitude, a emancipación do imperialismo primeiro e do neoimperialismo despois, a emancipación individual na emigración…
– María Xosé Porteiro (MXP): O libro recolle o que parecen moitas tramas inconexas, pero que están corcosidas por ese fío da emancipación. E alégrome de que se perciba. Ao longo do século XIX, inténtanse poñer en práctica os ideais transformadores da Revolución Francesa. Esa é a clave dos movementos de emancipación das colonias do imperio español, pero tamén das colonias francesas como Haiti que, pouco antes de que se vivise a revolución en Cuba, fixera a súa propia translación da Revolución Francesa que acabou nun baño de sangue, tal e como narra Alejo Carpentier en El reino de este mundo. A verdadeira historia de América Latina comeza nesta etapa e Cuba foi realmente o último dos lugares importantes -importantes pola súa situación xeográfica e de posición no mundo- que vive este proceso no que a sociedade busca liberarse dunha monarquía caduca como foi a de Fernando VII e todas as súas secuelas. E hai un vínculo histórico entre esa realidade e Galicia, non só pola emigración, senón porque en Galicia se viven os tempos do Rexurdimento. Un Rexurdimento que, en demasiadas ocasións, nos queren contar como unha corrente cultural e non como o que era: unha ideoloxía política. E que queres? Con todos estes fíos, xorde Sándalo. (…)
– P: De Sándalo non podemos dicir que sexa unha novela histórica, pero ten moito de historia. E moito de documentación. Como foi o proceso de documentarse para a súa escrita?
– MXP: Como podes imaxinar, nesta etapa que vimos de falar e na que eu quería entender de onde viña, eu mercaba calquera libro que falase de Cuba. Non sei cantos títulos podo ter na casa que falen sobre Cuba, pero son moitísimos. Non todos os estudei con lupa, pero de case todos tirei algún elemento ou algunha historia que eu vivira dalgunha maneira estando alá ou que eu estudara sendo nena. Por exemplo, O grito de Yara, que é o inicio do primeira guerra independentista de Cuba encabezado por Céspedes e que se recolle en Sándalo. Ese é un episodio histórico que eu coñezo polos estudos na escola, do mesmo xeito que acó alguén pode ter moi presente en España pois, non sei, o Descubrimento de América. Tamén me identifico moito con José Martí. Para min, polo que estudei en Cuba, o pensamento de Martí, a súa poesía e a súa figura histórica resúltanme moi familiares. Para mi, é doado falar de Martí e de moitas cousas da historia de Cuba que se reflicten no libro. Pero para esta novela quixen estudar e investigar máis un aspecto concreto: a relación e influencia da masonería nos movementos de independencia. Unha influencia que tiña a súa pegada nos grandes líderes de alá, pero tamén de acó. Esa influencia foi un descubrimento recente e un aliciente importante para escribir Sándalo. Os ideais de liberdade e emancipación, eses dos que falamos ao comezo, aparecían e identificaban entre si aos ilustrados galegos e aos cubanos. Dalgún xeito, conformaban unha irmandade ideoloxizada pola masonería. Aí houbo un labor grande de documentación. (…)”
Arquivos da etiqueta: María Xosé Porteiro
Pontevedra: presentación de Sándalo, de María Xosé Porteiro
Vídeo da presentación en Vigo de Sándalo, de María Xosé Porteiro
Ourense: presentación de Sándalo, de María Xosé Porteiro
Actividades da Semana do Libro de Compostela (SELIC) 2019
Madrid: presentación de Sándalo, de María Xosé Porteiro
Vigo: presentación de Sándalo, de María Xosé Porteiro
Lugo: presentación de Sándalo, de María Xosé Porteiro
Vigo: mesa redonda-coloquio sobre Rosalía de Castro
Compostela: actividades destacadas do 1 de maio na Feira do Libro 2019
O
1 de maio continúa a Feira do Libro de Santiago de Compostela (no Paseo Central da Alameda), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:30 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:
– 12:30 h. Marcos Viso asina na caseta da Libraría Aenea.
– 18:00 h. Concerto-presentación de Paio e o poder da música, con Oviravai, publicado por Galaxia.
– 18:30 h. Marcos Viso asina na caseta da Libraría Aenea.
– 19:00 h. Muller e fotografía en Compostela. Conferencia e proxección de imaxes por Carlos Castelao. Por Alvarellos Editora.
– 19:45 h. Presentación de Sándalo, de María Xosé Porteiro, publicado por Galaxia.
– 20:00 h. Ana Cabaleiro asina na caseta da Libraría Cartabón.
– 20:30 h. Presentación de Hotel para coleccionistas discretos, de Diego Giráldez, publicado por Galaxia. Con Neves Rodríguez e Iria Sobrado.












