“Xa
están na rede. Aquela brava agrupación de escritores costeiros, mozos e non tan novos, mariñeiros, estudantes, funcionarios, traballadores… teñen xa un espazo na internet que convirta en eternas e accesibles as súas creacións, no espazo oficial dentro do Finisterrae, onde xa podemos atopar a publicación dos 4 números publicados do boletín Feros Corvos e o libro comunitario Nós. E todo cando se cumpren 10 anos da publicación dun libro que ficará nas nosas memorias, que recuperamos agora a través da rede. Iremos recuperándoos en QPC boletín a boletín, nome a nome, para lembrar aos Marilar Alexandre, Suso Bahamonde, Pilar Beiro, Concha Blanco, Moncho Bouzas Tobío, Fernando Cabeza Quiles, Sesé Canirot, Ana Canosa Blanco, María Canosa Blanco, Xosé María Casais, David Creus, Estevo Creus, Modesto Fraga, Gus García, Rafa García, Víctor Manuel Gómez Traba, Mónica Góñez, Serxio Iglesias, María Lado, Tomás Lijó, José Luís Louzán, Abel Mendes Bujeiro, Xoán Alberte Moure Insua, Paulina Mouzo, Alexandre Nerium, Helena Pérez García, Marcos Seoane Vázquez, Paco Souto, Miro Villar e Rafa Villar.” Desde Que pasa na Costa, a foto é de Vieiros.
Arquivos da etiqueta: Marilar Aleixandre
Arteixo: inauguración da Libraría Á lus do candil
O
venres 20 de xullo, a partir das 20:00 horas, inaugúrase en Arteixo a libraría Á lus do candil, na rúa Historiador Vedía, 3, baixo, codirixida por Modesto Fraga. No acto estarán presentes os poetas Miro Villar, Lucía Novas, Xosé Henrique Rivadulla Corcón e Marilar Aleixandre, que porán voz a poemas da súa autoría. Asemade, haberá unha actuación musical a cargo da intérprete galega María Xosé Silvar, “Sés”. Os asistentes poderán disfrutar, tamén, coa exposición pictórica do artista Nolo Suárez.
Crónica posterior en Sermos Galiza.
Entrevista a Marilar Aleixandre, nos Premios Xerais 2012
Discurso de Marilar Aleixandre na entrega dos Premios Xerais 2012
“A
escritora Marilar Aleixandre, como mantedora literaria dos Premios Xerais 2012, alertou no seu discurso, O círculo de luz: escrita, conflito e lume, ao papel da lectura e dos libros que iluminan, aqueles que «foron escritos con lume e gardan ascuas entre as súas páxinas», aqueles que «traban en nós, como di Kafka, os que cravan o seu ferrete». Aleixandre defendeu a lectura de «libros que sexan literatura, que teñan lume dentro», sendo xeralmente aquelas obras que «teñen no seu cerne un conflito dentro». A autora de Teoría do caos e de A cabeza de Medusa salientou que «o conflito, a desventura, o infortunio son os vimbios cos que se tecen, non só as novelas chamadas de adultos, senón tamén as xuvenís». «Creo que Rosalía concordaría en que escribir é chamar as cousas polo seu nome e, en moitas ocasións, levar a contraria», engadiu. «As escritoras, os escritores temos por ferramenta a palabra, a palabra xusta, usada como puga de toxo, como ferrete, como machada, como facho que alumea ou incendia. Temos tamén por ferramenta a imaxinación, que nos permite soñar que as causas perdidas serán un día gañadas». Citando a Rosalía de Castro e Castelao, rematou dicindo porque estes autores «imaxinaron ser posible escribirmos en galego, podemos celebrar hoxe estes novos libros. Convócovos a ler libros que arden, a escribir libros que prendan lume».
O texto completo do discurso pode baixarse en pdf aquí.” Vía Xerais.
Finalistas dos Premios Xerais 2012
Os
xurados
dos Premios Xerais de Novela e Merlín de Literatura Infantil 2012, reunidos no Castelo de Soutomaior durante a tarde do 1 de xuño, declararon as obras finalistas.
O xurado da XXVII edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros, formado por Ledicia Costas (escritora e secretaria de GALIX), Anxo Fariña (escritor, ilustrador e gañador do Premio Merlín 2011), Cristina Fernández Ameal (profesora), Silvestre Gómez Xurxo (escritor e mestre), Ánxeles Saco López (profesora) e Helena Pérez Fernández (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, entre as corenta e unha obras participantes, acordou declarar como finalistas as presentadas baixo os lemas Chaeira, Iris Hull e Palabras de auga.
O xurado da XXIX edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 15.000 euros, formado por Xaime da Pena Ceide (avogado), Ernesto Sánchez Pombo (xornalista), María Xosé Porteiro (xornalista), Begoña Rodríguez Outeiro (profesora), Xoán Cruz (profesor) e Fran Alonso (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, entre as trinta e dúas obras participantes, acordou declarar como finalistas as presentadas baixo os lemas Faneca brava, Ketos e Pouso da Arcai.
Ambos os dous xurados determinarán as obras gañadoras, na segunda reunión, a celebrar o sábado 9 de xuño. A festa de fallo dos premios terá lugar no serán dese día na illa de San Simón. No acto literario participarán como mantedora a escritora Marilar Aleixandre e como músico convidado Xurxo Souto.
Santiago: presentación de Outono aquí, de Mario Regueira
O
venres 23 de marzo, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase a novela Outono aquí, de Mario Regueira, publicada en Sotelo Blanco, gañadora do Premio Manuel Lueiro Rei de novela curta no 2011. No acto, acompañando ao autor, participan Marilar Aleixandre e Ánxela Gracián.
IX Curso de Formación Continua: Narrativas xuvenís no século XXI (2000-2010). Tendencias e correntes
A
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega colabora, mediante o patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, coa Universidade de Santiago neste curso de postgrao.
O presente curso ten como finalidade formar e informar o alumnado participante dunha temática, as Literaturas Infantís e Xuvenís dos ámbitos lingüísticos ibéricos, xeralmente excluída dos planos de estudo das licenciaturas, diplomaturas e graos e, con todo, dunha transcendencia fundamental en ámbitos básicos como a formación lectora e a expresión escrita no mundo das Tecnoloxías da Información e Comunicación (TIC). Tenta analizar estas literaturas dende un enfoque comparativo para dar a coñecer que axentes literarios se presentan máis débiles en cada ámbito lingüístico. Nesta edición, o tema específico a tratar é NARRATIVAS XUVENÍS NO SÉCULO XXI (2000-2010). TENDENCIAS E CORRENTES.
– Directora: Blanca-Ana Roig Rechou, da Universidade de Santiago de Compostela.
– Coordinación e Secretaría: Marta Neira Rodríguez, da Universidade de Vigo, e Isabel Soto López, da Universidade de Santiago de Compostela.
– Carga lectiva e número de prazas: 60 horas (2 créditos de libre configuración, non acumulativos) para licenciaturas e diplomaturas. Número de prazas: 125.
– Datas de realización:
* Parte virtual: Do 28 de xuño ao 31 de xullo de 2012.
* Parte presencial: Do 4 ao 7 de setembro de 2012.
– Lugar:
* Parte virtual: Inauguración: 28 xuño de 2012, de 9:00-14:30 e 16:00 a 20:30 h. Facultade de Filoloxía (Campus Norte). Salón de Graos.
* Parte presencial: Biblioteca NovaCaixaGalicia, Rúa Frei Rosendo Salvado, 14-16. 15701. Santiago de Compostela
– Requisitos de acceso: Profesionais do ensino, alumnado das facultades de Ciencias da Educación, da Comunicación, Xornalismo, Audiovisual, Publicidade), Maxisterio, Xeografía e Historia, Humanidades, Filoloxías, Tradución e Interpretación, profesionais de bibliotecas e calquera persoa interesada.
– Matrícula:
* Preinscrición: Ata o 30 de marzo de 2012.
* Formalización: Do 16 de abril ao 15 de xuño de 2012.
– Prezo e prazo de pagamento: 90 euros, nun único prazo para matrícula.
– Información:
* Biblioteca NovaCaixaGalicia. Telf. 981 59 34 67. Correo: bibliofundacion@caixagalicia.es
* Universidade de Vigo. Marta Neira Rodríguez. Correo: marta.neirarodriguez@ceu.es
* Universidade de Santiago. Blanca Roig. Correo: blanca.roig@usc.es ou na páxina do Centro de Posgrao.
* Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG). Correo: oficina@aelg.org
– Organizan:
* Universidade de Santiago de Compostela.
* Departamento de Filoloxía Galega.
* Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG).
– Colaboran:
* Centro Ramón Piñeiro para Investigación en Humanidades (CRPIH).
* Biblioteca NovaCaixaGalicia.
* Edicións Xerais de Galicia.
* Rede temática As Literaturas Infantís e Xuvenís do Marco Ibérico e Iberoamericano.
* Asociacións: ANILIJ e ELOS.
* Centro de Investigación de Procesos e Prácticas Culturais Emerxentes(CIPPCE)-USC.
Programa parte virtual:
1. As Literaturas Infantís e Xuvenís no marco ibérico. Bibliografía básica.
2. Narrativas xuvenís no século XXI (2000-2010). Tendencias e correntes.
2.1. Estudos teóricos.
2.2. Selección de obras para o mediador.
2.3. Comentarios de narrativas xuvenís.
3. Ferramentas de comunicación: foros, charlas e correo electrónico co alumnado e profesorado.
4. AVALIACIÓN a partir dun comentario sobre o material proporcionado (entregarase ao recoller o material do curso presencial).
Programa parte presencial:
Martes 4 de setembro:
– 09:00-10:00 h. Recollida de material.
– 10:00-11:00 h. Inauguración: Directora do curso e Director da Biblioteca NovaCaixaGalicia.
– 11:00-12:00 h. Informe sobre docencia e investigación 2011-2012 na LIX a partir dos Informes de Literatura (CRPIH): Carmen Ferreira Boo e Mar Fernández Vázquez (AELG/USC).
– 12:00-12:30 h. Pausa.
– 12:30-14:30 h. Os inicios da Literatura Xuvenil: Xosé Neira Vilas. Conversa con Blanca-Ana Roig (AELG/USC).
– 16:00-18:00 h. A ficción científica: Ramón Caride e Anxo Fariña. Conversa con Isabel Mociño (AELG/USC).
– 18:00-18:30 h. Pausa.
– 18:30-20:30 h. Misterio e humor: Santiago Jaureguizar e Pepe Carballude. Conversa con Eulalia Agrelo (AELG/USC).
Mércores 5 de setembro
– 09:00-10:30 h. A tradución das narrativas xuvenís ao galego. Pilar Bendoiro (USC).
– 10:30-12:00 h. Técnicas tradutolóxicas nas narrativas xuvenís. Lourdes Lorenzo (UVigo).
– 12:00-12:30 h. Pausa.
– 12:30-14:30 h. Novela histórica e Guerra Civil: An Alfaya e Francisco Castro. Conversa con Marta Neira (AELG/UVigo.CEU).
– 16:00-18:30 h. Novas formas literarias: Rosa Aneiros e Marcos Calveiro. Conversa con Vanessa Ferreira da Silva (USC).
– 18:30-19:00 h. Pausa.
– 19:00-20:30 h. A construción literaria nas obras de Marilar Aleixandre e António Mota. Conversa con Ana Margarida Ramos (Universidade de Aveiro).
Xoves 6 de setembro
– 09:00-11:30 h. A ilustración destinada ao público xuvenil no proxecto de El Patito Editorial. Fausto Isorna e Gemma Sesar (El Patito Editorial).
– 11:30-12:00 h. Pausa.
– 12:00-14:30 h. A fotografía como ilustración para as narrativas xuvenís. José Mª Mesías (UdC).
– 16:00-17:45 h. Informes dos investigadores da Rede sobre a LX nos ámbitos castelán, catalán, galego, portugués, vasco e no ámbito iberoamericano. Conversa con Isabel Soto (AELG/USC) e Blanca-Ana Roig (AELG/USC).
– 17:45-18:15 h. Os novos portais da Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes de autores de LIX: Agustín Fernández Paz (Galicia) e Ema Wolf (Arxentina). Ramón Llorens (Universitat d’Alacant).
– 18:15-18:30 h. Pausa.
– 18:30-20:30 h. Obradoiro de creación literaria. AELG.
Venres 7 de setembro
– 09:00-11:00 h. Contos do demo. Espectáculo de narración oral. Inacio.
– 11:00-12:00 h. Presentación do libro A narrativa xuvenil a debate (2000-2011). Manuel Bragado, Blanca-Ana Roig e Alexia Dotras.
– 12:00-12:30 h. Pausa.
– 12:30-13:30 h. Clausura.
– 13:30-14:30 h. Entrega de certificados de participación. Reitor ou representación, Director do Departamento de Filoloxía Galega, Presidente da AELG, Directora do curso.
Rosalía, máis viva que nunca
Reportaxe
de Camilo Franco en La Voz de Galicia:
“(…) Os actos centrais das homenaxes á escritora terán lugar en Santiago con dos puntos de atención. O acto convocado pola Fundación Rosalía de Castro realizarase na capela do Hostal dos Reis Católicos, espazo que no ano de nacemento da poeta, 1837, era un hospital. Nese mesmo espazo, segundo as biografías, foi bautizada Rosalía de Castro e este é o motivo de que a conmemoración principal saia por primeira vez da sede da fundación en Padrón. Unha circunstancia que disgustou á veciñanza da vila por máis que a presidenta da fundación, a tamén escritora Helena Villar Janeiro, sinalou que era unha decisión relacionada co carácter especial da celebración.
Lectura e cancións sobre poemas serán o eixo central das celebracións. En primeiro lugar, no acto do Hostal, que se iniciará ás sete da tarde, pero tamén haberá lecturas e poemas no acto que se fará de xeito expandido por toda Galicia, organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, e que terá como centro dos actos o Panteón de Galegos Ilustres. Nese espazo, a homenaxe de carácter participativo comezará arredor das seis da tarde. A lectura estendida realizarase nas principais cidades galegas e tamén en boa parte das vilas.
Un pouco máis lonxe, terá lugar outra homenaxe que tamén está relacionada coas primeiras horas de vida da escritora. Está convocada polos veciños de Conxo, ás oito menos cuarto, na Praza de Vigo, cunha ofrenda floral e un recital de Marilar Aleixandre e Anxo Angueira. O acto terá lugar no monolito que lembra a casa desa localidade na que naceu a escritora tal día coma hoxe. (…)”
Na morte de Isaac
Ás
13:00 horas do día 6 de xaneiro, na capela ardente instalada no Museo do Pobo Galego, as escritoras e escritores Marilar Aleixandre, Eduardo Estévez, Cesáreo Sánchez, Teresa Moure, Carlos Negro e Antía Otero fixeron unha lectura de poemas queridos para Isaac Díaz Pardo. Ademais, o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez, dirixiu as seguintes palabras:
“Querida familia de Isaac, queridos Camilo e Xosé, querida Mimina, querido Isaac:
Vimos as escritoras e os escritores galegos a che entregar hoxe o humilde froito da nosa palabra.
Co corazón mancado vimos a che agradecer tanta vida a nós entregada.
Sempre tiveches as portas da túa casa comunal aberta aos máis novos, sempre foi o noso fogar. Era o tempo no que o silencio arrasaba coma corisco a terra nosa. E ti construías os alicerces do tempo futuro. E fixéchesnos partícipes da encomenda de Castelao de reconstruír o fogar desfeito, de sementar de novo os eidos ermos de silencio.
E acompañámoste no teu traballo colectivo ao que entregaches a túa obra persoal, vital e iluminadora. Para a nosa terra eran anos de escuridade de xisto e desasosego e desmemoria. Traías na palma da mao a palabra fértil, habitada pola ferida memoria dos nosos exiliados, de Castelao, de Lorenzo Varela e de todos os homildados que dicía Luís Seoane.
Eles e ti, rumor de auga nutricia, entraña errante da nosa terra, extenuada de tanto se desangrar dos seus fillos.
Fuches para nós: o amigo entrañado, o irmao maior, o pai na idea que teceu nesta terra o territorio dos soños e da nosa dignidade, para que nesta terra puidésemos tecer a nosa fraterna andaina.
Editaches os nosos libros, cando aínda aprendíamos torpemente o ser do oficio de poeta, de escritor.
Para o albor vas Isaac, para o tempo da clara luz que beberon os teus ollos grandes e solprendidos de rapaz novo na flor da idade sempre.
Para a luz sen tristeza lévasnos da mao túa que pintou e tallou no barro a alma desta terra, sen ti tan orfa.
Neste tempo de tanta miseria vástenos para ser presente e memoria colectiva, futuro.
Na túa obra que é barco co vento da historia no velame, lévasnos.
Hoxe que estás no Pórtico da Gloria da terra nosa, Isaac orgullámonos dos teus froitos para que a terra nosa siga a ser a Terra dos Nosos Soños. Para que siga a ser a Terra Prometida, a Terra dos Bos e Xenerosos.
Nela acollémonos para sempre á túa sombra protectora para que nos guíe e así non nos ofrecer polos camiños do futuro da patria nosa, nin permitir que nos trabuquen o destino, como pobo que vén atravesando os séculos coma inmorrente río de luz”.
Santiago de Compostela, a 6 de xaneiro de 2012
Museo do Pobo Galego“
Ao pé de Isaac Díaz Pardo
Ampla
reportaxe en El País (Galicia) sobre Isaac Díaz Pardo:
“Como na célebre admonición de O home que disparou a Liberty Valance, cando o feito muda en lenda, hai quen escolle imprimir a lenda. Mais nas idas e vidas, nos contubernios e nos debates, no labor cotián e nas ideas excepcionais, que orixinaron a refundación de Sargadelos, resulta difícil separar a fariña do farelo. As discusións durísimas e os enfados entre os inseparábeis Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane quedaron documentados nun volcánico volume de cartas, publicado por Do Castro en 2004, en que o combate dialéctico e a fidelidade a unha utopía funcionan como motor. Mais unha vida de proxectos en común non colle en ningún papel. Tampouco o relato de como era o día a día ao carón de Díaz Pardo, ese que viviron os seus colaboradores máis achegados durante anos. (…)”.
No mesmo medio, tamén se recollen aportacións sobre a súa figura de Manuel Rivas, Marilar Aleixandre, Pepe Barro ou Xurxo Borrazás.