Artigo de Yuri Carrazoni en Nós Diario:
“Din que ninguén morre se permanece vivo no recordo, e Engracia Vidal é unha desas persoas. Relixiosa, docente, escritora, teóloga, galeguista, feminista, revolucionaria… son moitos os adxectivos cos que se podería describir a esta cambadesa nada en 1930 e finada esta terza feira, 23 de xaneiro, aos 93 anos de idade. O seu legado perdura intacto na memoria de quen compartiron vivencias con esta muller de firmes conviccións.
Ingresou moi nova no Sagrado Corazón de Praceres, en Pontevedra —onde esta quinta feira será despedida polos seus achegados— e impartiu aulas en diferentes centros da congregación. Engracia Vidal cursou estudos de Historia e diplomouse en Teoloxía, pero a súa aportación á comunidade vai máis aló da escola, pois insistiu en defender a lingua e identidade da Galiza e en abrir a Igrexa católica ás mulleres, como atesoura o feito de ser a primeira autora en lingua galega dun ensaio relixioso —Por unha Igrexa tamén feminina (2000)—, a primeira en ser mestra no Seminario Menor de Belvís (Santiago), ou de participar activamente nos inicios da Marcha Mundial das Mulleres. Foi, ante todo, “unha pioneira”.
“A Igrexa galega é hoxe o que é, en boa parte, grazas a ela, que estivo sempre traballando desde abaixo, apoiando, animando e creando novas iniciativas”, afirma, en conversa con Nós Diario, Marisa Vidal, mestra, teóloga e membro da Asociación de Mulleres Cristiás Galegas Exeria. Para ela, Engracia foi “unha muller moi activa” e de firmes conviccións.
O Concilio Vaticano II, destinado en esencia a abordar a relación da Igrexa co mundo moderno, marcouna profundamente. E xa nos estertores da ditadura franquista comezou a deixar unha forte pegada. “Nos anos 70, as monxas que se puñan ao carón do xente para escoitala, e exporse [como Engracia], estaban moi mal vistas”, apunta Vidal. Mais a ela non lle importaba, pois non había nada que a frease. (…)”
Arquivos da etiqueta: Marisa Vidal Collazo (Marisa de Corme)
Vilalba: conferencia “Achegas feministas no itinerario de Exeria”, por Marisa Vidal Collazo
O Castiñeiriño (Santiago): charla “Letras pola igualdade”, con Claudia Castro e Marisa Vidal Collazo
Compostela: presentación do documental arredor de Eu son Exeria, de Marisa Vidal Collazo
Teo: “Lecturas pola igualdade”, Eu son Exeria, con Marisa Vidal Collazo e Soledad Pite
A Coruña: encontro literario con Marisa Vidal Collazo arredor de Eu son Exeria
Rianxo: actividades do 22 de xullo na Feira do Libro 2022
Corme: presentación de Eu son Exeria, de Marisa Vidal Collazo
Carballo: actividades do 10 de xullo na Praza dos Libros 2022
Marisa Vidal Collazo: “O feminismo ten que entrar en todos os campos, tamén no sentir relixioso”
Entrevista de Ubaldo Cerqueiro a Marisa de Corme en Que pasa na Costa:
“(…) – Que pasa na Costa (QPC): Quen é Exeria?
– Marisa de Corme (MC): Exeria foi unha viaxeira que no ano 382 fixo unha viaxe dende Gallaecia ata Terra Santa. Exeria, para as mulleres imboliza moito, porque é unha muller buscadora, que quere ir ver, non quere que lle contan, e o máis importante, que recolle por escrito o que ve.
Vai cunha viaxe programada, pensada, e ela dedica todo o escrito a un grupo de mulleres amigas, e podemos comprobar que hai unha preparación e un traballo de documentación colectivo, que Exeria vai completando, coas súas referencias bíblicas e outros libros apócrifos que elas xa manexaban en Gallaecia.
Retratarnos tamén a Igrexa do século IV, nun momento de cambios, cando empeza a entrar no mundo do poder. E lendo entre liñas, ves aquelo que Exeria non conta por prudencia pero que se entende.
Quixen coller ese itinerario, e contrastralo con outras mulleres que tamén no século IV fan cousas moi importantes no seo da Igrexa pero que non se coñece.
– QPC: O libro conta ademais coas ilustracións de Sole Pite.
– MC: Si, Sole foi a miña profe no Rosalía de Castro cando empecei, e dende esa estamos na revista “Encrucillada”, unha revista de pensamento cristián, en galego, na que levamos 40 anos, ela ilustrando e eu no comité de redacción.
– QPC: E como se unen o mundo do feminismo e o cristianismo?
– MC: Sempre fun cristiá. Descubrín o feminismo e a descubrín a “Teoloxía feminista”, que se leva facendo dende os anos 80 en Alemaña, EEUU… lendo a teólogas, a historia se nos conta dende a vista dos homes. Na Igrexa pasa como no resto do campos. Como na ciencia, onde pouco a pouco imos sabendo historias importantes de mulleres que foron silenciadas. Hai que ir desemarañando todo e ir descubrindo as mulleres importantes que foron e son importantes na Igrexa. (…)









