Francisco Fernández Davila gaña o IX Premio Agustín Fernández Paz de Vilalba

Desde El Progreso:
“O enxeñeiro e escritor natural de Panxón (Nigrán) Francisco Fernández Davila converteuse no gañador da novena edición do Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola igualdade, convocado polo Instituto de Estudos Chairegos (Iescha), o Concello de Vilalba e Edicións Xerais e dotado con 3.000 euros e a publicación da obra.
O traballo galardoado, presentado baixo o lema O Muro, ofrece unha historia que afonda nos segredos familiares, na incomunicación entre pai e filla, na dificultade de xestionar as emocións e de perseguir os soños, así como do fútbol máis alá do deporte.
O fallo “por unanimidade” do xurado, composto por Manuel Bragado, Isabel Soto e Eva María Mejuto, deuse a coñecer ao final do acto de entrega á propia Mejuto do galardón como gañadora da oitava edición pola súa obra Queco e Kika.
“É un libro fresco, moi divertido, que fomenta a diversidade na familia cuns cans narradores dos desafíos da convivencia”, tal e como explicou Fran Alonso, director de Xerais, na súa intervención, a través dun vídeo.
Manuel Bragado pola súa parte calificouna como “unha preciosa fábula de animais”, valorada pola súa capacidade para “poñer en valor aos animais de compañía na unidade familiar”.
“Non vos imaxinades o emocionante e reconfortante que é estar aquí, poñendo o meu nome a carón do de Agustín”, acertou a dicir Eva Mejuto tras recibir un premio que “vai axudar a construír un imaxinario no que todas as familias sexan válidas”.
A escritora defendeu ademais o sistema editorial e literario galego, “conformado por moitas persoas”, e lamentou que só o 8% dos libros que se venden en Galicia son en galego, antes de poñer en valor a figura de Agustín Fernández Paz pola súa “xenerosidade e humildade”. “A seguir lendo a Agustín, que é necesario cada día”, concluíu.
No acto, celebrado no auditorio, tamén se destacou o feito de que o pleno municipal aprobara por unanimidade poñer o nome do escritor vilalbés á biblioteca municipal.
“Estamos á espera de que rematen as obras para que máis de 4.000 libros que levan anos esperando o sitio que lles corresponde pasen a ser catalogados e colocados en andeis para disfrute de todo o mundo”, dixo a presidenta do Iescha, Marisa Barreiro.
A alcaldesa, Marta Rouco, afirmou que se trata dun “xesto de gratitude e xustiza, que une o nome de Agustín coa súa xente, a súa vila e a súa paixón polos libros”. Destacou, ademais, que “ano a ano, este premio renova o compromiso de Vilalba coa cultura e a igualdade”.
No acto, presentado por Carmen Hermida, tamén actuaron a A. C. Andrade, alumnas do IES Basanta Silva, o Minicoro de Esmuvi e a Escola Municipal de Teatro.”

Vilalba: acto de entrega do VIII Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade a Eva Mejuto

Patricia Torrado Queiruga gaña o LI Certame Literario do Concello de Vilalba coa obra Nakba

Desde Culturalia GZ:
“A obra da sonense Patricia Torrado Queiruga, que recibirá 7.000 euros e verá publicada a súa creación, foi a elixida polo xurado integrado por figuras de prestixio cultural e académico.

O xurado do LI Certame Literario do Concello de Vilalba vén de facer público o seu ditame, proclamando como gañadora a obra Nakba, presentada baixo o lema “Coma quen lambe a ferida”, e cuxa autoría correspondeu á escritora e poeta Patricia Torrado Queiruga.
O certame, o máis antigo de Galicia e tamén un dos de mellor dotación económica, está recoñecido como unha das grandes citas da creación literaria no país. A gañadora desta edición recibirá un premio de 7.000 euros, ao que se suma a publicación da obra.
O xurado estivo composto por figuras de referencia do ámbito cultural e académico galego: Darío Villanueva, membro da Real Academia Española; Ramón Villares, catedrático de Historia; Xulio Xiz, xornalista; Fidel Fernán, director do Grupo de Radio Principal; Luz Airado, avogada e poeta; e Andrea Fernández Maneiro, poeta e gañadora da edición anterior.
A alcaldesa Marta Rouco destacou “a importancia de manter vivo un certame que forma parte da identidade cultural de Vilalba e que é, ademais, un referente en toda Galicia polo seu prestixio e pola súa aposta decidida pola creación literaria”. Engadiu que “detrás destas cinco décadas de historia hai un compromiso claro co talento, a cultura e a palabra escrita”.
Pola súa parte, a concelleira de Cultura Mónica González puxo en valor a calidade da obra gañadora e da propia convocatoria: “o Certame Literario de Vilalba demostra ano tras ano a súa capacidade de atraer voces potentes e diversas do panorama literario galego. Este premio non só promove a creación, senón que tamén proxecta o nome de Vilalba”.”

Vilalba: acto de entrega do premio Agustín Fernández Paz a Andrea Barreira

Vilalba: acto de entrega do VI Premio Agustín Fernández Paz a Pablo Nogueira

Mondoñedo: homenaxe a Andrea López Chao