Óscar Horta: “Ninguén precisa respecto por ser especial; precisámolo por sentir e sofrer, por ser susceptíbeis de padecer danos”

Entrevista de Montse Dopico a Óscar Horta en Praza:
“Para quen estea a buscar un libro divulgativo de introdución ao antiespecismo, sen dúbida unha opción é Na defensa dos animais (Axóuxere), do filósofo Óscar Horta. O obxectivo deste ensaio, explica el mesmo nesta entrevista, “non é facer unha contribución filosófica ao debate sobre a consideración dos animais, a diferenza de Animais de estimação e bestas de companhia, de Rebeca Baceiredo, que en cambio si fai unha achega deste tipo. O que busca este é simplemente presentar algunhas ideas e axudar a que a xente reflexione sobre a nosa relación cos animais, para que iso mude a súa situación, no presente e no futuro. Para acadar iso, o libro expón unha serie de argumentos sobre a cuestión do xeito máis claro e simples posíbel”. O autor respondeu por correo electrónico as nosas preguntas sobre esta obra.
– Praza (P): Na defensa dos animais parece un libro feito cunha intención divulgativa: linguaxe sinxela, ton bastante didáctico… O cal se afasta un pouco do que adoita publicar Axóuxere. Como xorde a proposta de escribilo?
– Óscar Horta (OH): O libro está escrito para axudar a difundir a defensa dos animais. Propúxenlle sacarllo a Axóuxere porque levaban xa uns cantos anos a me perguntar se ía publicar calquera cousa sobre o tema, e porque é un proxecto con inquedanzas alén das económicas. É certo que Axóuxere publica moito ensaio doutro estilo, mais tamén é verdade que teñen uns intereses moi diversos, o que se reflicte nunha oferta bastante variada.
– P: A introdución comeza falando de cambio social: agora hai moita máis preocupación polos dereitos dos animais. Por que comezar o libro aclarando isto?
– OH: Aínda hai moita xente que non é consciente mesmo do apoio que na actualidade está a ter a defensa dos animais, e do xeito no que está a medrar -esta miopía sobre o tema vese é particular na clase política-. Dar visibilidade a isto é importante en si mesmo, e tamén da pé a interrogarse polos motivos polos que ten lugar.
– P: Segue o libro introducindo o concepto de especismo: a crenza na superioridade da especie humana sobre as especies de animais non humanos. Con argumentos como a maior intelixencia ou capacidade dos humanos. É difícil que se acepte isto que dis tendo en conta a asunción social dos principios socialdarwinistas (ou máis ben a terxiversación de Darwin), tanto para explicar as relacións entre humanos (culturas melloras que outras) como as relacións entre os animais (especies máis evolucionadas ca outras) e entre os humanos e o resto dos animais. Cales serían os principais argumentos contra estas posicións darwinistas?
– OH: Hai dous tipos de posicións ás que te podes referir. En primeiro lugar están as posicións que, como indicas, examina o libro, que son aquelas que sosteñen que os intereses dos seres humanos contan máis que os dos demais animais. En ocasións isto é deféndido apelando a que os seres humanos teñen unhas capacidades cognitivas máis complexas. Mais hai distintas razóns para rexeitar tal argumento. Por exemplo, de aceitármolo estaremos xustificando que os seres humanos que non posúen ditas capacidades sexan considerados e tratados como o son a día de hoxe os animais non humanos.
Isto é algo que grande parte de nós rexeitaremos, pois entendemos que todos os seres humanos deben ser considerados por igual. Mais se é así, temos que nos opor á idea de que as capacidades cognitivas sexan un motivo para que os intereses de alguén conten máis do que os do resto. E, polo tanto, non poderemos xa apelar a tal idea para discriminar aos animais doutras especies. Para máis, o criterio relevante para que alguén poida padecer un dano polo que lle fagamos non é en si que teña certas capacidades cognitivas, senón que poida sofrer e desfrutar.
Isto é, que sexa sentinte: que poida ter experiencias positivas e negativas. Por iso, ser sentinte debería ser o único relevante tamén á hora de ter alguén en conta. Alén diso, normalmente entendemos que as decisións imparciais son máis xustas. E a consideración por todos os seres sentintes é o que se segue se pensamos imparcialmente. Supón que descoñeceses se vas nacer como humano ou como outro animal. Escollerías un mundo con especismo ou sen especismo? A resposta sinceira é que escollerías o segundo. Se alguén opta por unha posición especista é porque xa sabe de partida que lle favorece un mundo especista. Dese xeito, está a pensar sobre a cuestión de forma parcial.
En definitiva, a pertenza a unha determinada especie é irrelevante á hora de considerar a alguén; o que importa é que sinta e sofra. Por iso é que o especismo, a discriminación daqueles animais que non pertencen a unha certa especie, debería ser rexeitado.
En segundo lugar están esas posicións das que falas na túa pregunta, que son posturas pseudocientíficas ás que creo que talvez sería mellor, en liña co que dis, non chamar darwinistas. Descansan nunha concepción errada da historia biolóxica, conforme á cal o que acontece na historia natural ten calquera clase de relevancia moral. A historia natural non ten propósito; que algo sexa resultado da historia natural non implica que teña que ser positivo ou servir como exemplo para nada. En calquera caso, isto xa nos alonxa da cuestión que aquí importa, que é a de se as capacidades dos seres humanos xustifican que os seus intereses contan máis. (…)”

Rebeca Baceiredo: “Recoñecer que ese outro ao que estamos usando e danando sofre é algo que non todo o mundo está disposto a asumir”

Entrevista de Montse Dopico a Rebeca Baceiredo en Praza:
“(…) – Praza (P): Animais de estimação e bestas de companhia é, xunto con Na defensa dos animais (Axóuxere), de Óscar Horta, do pouco que pode lerse en galego (refírome a libros) relacionado co antiespecismo. Como xorde, en concreto, o teu libro?
– Rebeca Baceiredo (RB): Teresa Moure estaba dirixindo unha colección de ensaios de divulgación para a editora Através e propúxome escribir sobre antiespecismo. Díxome que debía facelo con toda liberdade e sen empregar citas, é dicir, sen facer proliferar as referencias bibliográficas que dan un aspecto máis academicista ao texto. Quizais eu xa lle falara de Otto, penso que sabía que son vexetariana dende adolescente e supoño que percibía unha certa sensibilidade e apertura cara as outras especies (e cara outros paradigmas), non sei. Ao final o libro non se publicou na colección de divulgación.
– P: Comeza o libro repasando a historia da dominación dos animais. Neste capítulo, relacionas a orixe da “civilización” coa domesticación dos animais, coa violencia que isto implica. De que xeito, tal como explicas, os animais pasan a ser considerados obxectos?
– RB: A domesticación de animais forma parte dun proceso polo que o ser humano intenta estabilizar as súas fontes de enerxía, refírome tanto á alimentación como ao emprego doutras especies –e da propia- como instrumento de produción. Precisamente, para asegurar a produción e incrementar a produtividade dos recursos, modifícanse eses seres, de maneira que están sendo considerados instrumentos, non fins en si mesmos, senón cunha finalidade externa, que é un mellor uso, un mellor aproveitamento da vida humana.
Ora ben, este proceso é parello ao inicio do exercicio da violencia sobre outros grupos sociais, ou polo menos unha sorte de violencia que empeza a tipificarse como fonte xurídica de determinadas realidades como a propiedade, por exemplo: así, os saqueos nunha confrontación bélica son lexítimos na antigüidade e tamén hoxe en día. Eses saqueos incluían, non só ‘res’, obxectos, bens móbiles e inmóbiles, senón tamén outros seres humanos, de distinto xénero e idades e para distintas funcións. En calquera caso, todo iso mostra estatus, é dicir, a capacidade de manter un nivel de vida que sitúa a algúns por riba dos demais e para o que, precisamente, usan aos demais.
Esas primeiras formas de civilización, que manteñen aínda formas matriliñais –pero que mudarán cara formas patriarcais porque o control da produción implica o control da reprodución-, comezan a asentar e a oficializar os seus modos culturais nas forzas reactivas, de adaptación, de loita. Cando nomeamos esas civilizacións non pensamos en algo que se opoña ao salvaxe, como considerará a Ilustración, senón que se vinculan ao Estado e a unha determinada relación coa natureza, pois asegurar o mantemento das necesidades nunha máquina social que só crece implica unha alta necesidade de produción e polo tanto de dominio, de extracción.
Esta combinación xera a distinción entre seres que son considerados fins en si mesmos e seres que son medios, instrumentos. Esta distinción ás veces é conxuntural -ser prisioneiro de guerra, por exemplo, ou adquirir demasiada débeda-, e vai devindo esencial, é dicir, comezan a producirse relatos, discursos, que lexitiman e estabilizan eses estados subalternos. O clásico “dominarás a Terra” dispón toda unha pirámide ontolóxica que sustenta unha pirámide social. (…)”

Antía Yáñez: “Non ten que vir ninguén salvarme, porque o que realmente me pode salvar é aprender a loitar eu as miñas batallas”

Entrevista de Montse Dopico a Antía Yáñez en Praza:
“Iolanda e a súa filla habitan un mundo hostil. Cruel, desigual, devorado por un poder que tenta amputar os afectos e converter os humanos en súbditos sempre dispostos á submisión. Mais hai algo que á cúpula que o domina todo –comandada por unha muller, nunha sociedade fondamente patriarcal- se lle escapa. Un xeito de rebeldía que, non sendo nun principio colectiva, permite albiscar a fin da alienación. Disto –entre outras cousas- vai a nova novela de Antía Yáñez, Be Water. Que é un dos títulos cos que está a darse a coñecer a nova editora Cuarto de Inverno. Falamos con Antía, e máis abaixo poderedes ler tamén unha entrevista con Andrea Jamardo, a creadora –xunto con David Cortizo- de Cuarto de Inverno. (…)
– Praza (P): A novela describe unha sociedade moi desigual en canto a relacións de poder entre clases sociais, ademais de fondamente patriarcal. E poñer o acento, ademais de na desigualdade de clase, na desigualdade de xénero, é quizais unha das achegas das autoras que optan pola novela distópica (xa o fixera Margaret Atwood, por exemplo). Quixeches que fose así, ou simplemente quixeches reflectir a realidade que ves?
– Antía Yáñez (AY): Eu son unha feminista-optimista. É certo que o patriarcado está a nos atacar moi forte hoxe en día, pero é que o século XXI vai supoñer -xa o está a supoñer- un cambio moi grande para a sociedade en todo o que ten que ver co papel da muller e as novas masculinidades. Cando vou polas escolas e institutos e escoito as novas xeracións, énchome de esperanza.
Pola contra, o que non vexo é que as diferenzas entre clases sociais diminúan; máis ben ao contrario. Cada vez sóannos máis palabras coma “aporofobia”, medo e rexeitamento á pobreza, e os ataques dos partidos da extrema dereita van sempre dirixidos a este sector da poboación. Pensei en como podería ser un mundo no que o “sálvese quen poida” fose moito máis extremo do que o é hoxe en día. O capitalismo responde en gran medida (se non é a súa natureza mesma) a estra premisa, e eu en Be Water quería explorar un futuro no que as cousas que estou a ver xa hoxe en día estivesen ao límite. (…)
– P: Canto á maneira en que está contada a historia, é unha estrutura bastante lineal, con algún flashback (como cando se conta a historia de Aquiles), cunha linguaxe directa e sinxela e con capítulos curtos. Tampouco é unha novela moi longa. Pensabas nun público xuvenil cando a escribiches? Como quixeches que resultase ao lector/a o estilo?
– AY: Nunca penso no público ao que dirixir a novela agás para unha cousa: o vocabulario. Se vai ser para rapaces menores de 12 ou 13, coido moito este aspecto, ou polo menos inténtoo. Explicar o mundo dos adultos e das adultas ás crianzas é un exercicio que require moito enxeño, e creo que cando alguén critica a LIX considerándoa “arte menor” é porque non pode ou non sabe conectar coa rapazada e por iso a menospreza.
Eu escribín Be Water sabendo que podía poñer, en canto a vocabulario, o que quixese (palabras malsoantes, castelanismos, anglicismos, expresións subidas de ton…) porque os seus potenciais lectores ían estar por enriba dos 13, pero non pensei en nada máis. No relativo á linguaxe sinxela, coido que sempre escribo así. Dá igual a quen vaia dirixido o libro porque é o meu estilo. De nena sempre odiei a adxectivación e as frases longas, así que agora que creo os meus mundos fágoos como a min me gustaría ler as novelas. (…)
Falamos con Andrea Jamardo sobre este novo proxecto editorial.
– P: David Cortizo e ti traballabades en Urco e nun momento decidides crear a vosa propia editorial. Por que? Cal é voso obxectivo?
– Andrea Jamardo (AJ): Decidimos crear Cuarto de Inverno para ter a liberdade de publicar os libros que a nós nos gustan sen dar explicacións, sendo libres de facer e desfacer ao noso xeito. O noso obxectivo é poder vivir da edición e desfrutar de cada un dos procesos que rodean o mundo do libro.
– P: Non é doado diferenciarse nun sistema editorial coma o galego, cun lectorado tan pequeno. Que distinguirá a vosa liña editorial da de outras editoras pequenas coma a vosa?
– AJ: Estamos aínda a construír a nosa personalidade como editorial pero os nosos libros teñen que falar por David e por min, publicaremos o que a nós nos guste e o que nós como lectores teriamos nos andeis das nosas casas.
Como dis, o sistema editorial galego é complexo, as persoas lectoras que escollen libros publicado no noso idioma é pequeno, mais intentamos sermos positivas en todo o que facemos, poñerlle ilusión e cremos na nosa capacidade de traballo. Do contrario, non iniciariamos este proxecto e, se en Galiza só un 4% da poboación lectora le libros en galego, temos que pensar que hai 96% que aínda pode facelo. A por eles! (…)”

Miriam Ferradáns: “En Agosto quixen tensar as palabras, a escrita e a min mesma ata o límite”

Entrevista de Montse Dopico a Miriam Ferradáns en Praza:
“A dor da perda situábase no centro de Nomes de fume, o anterior poemario de Miriam Ferradáns. E volve facelo na súa nova obra publicada, a plaquette Agosto (Apiario). Unha pequena alfaia feita a dúas mans: o deseño de Mauro Trastoy e os versos de Miriam Ferradáns. Nada sobra, nin falta, neste monllo de poemas feitos coa palabra xusta. Mais, se en Nomes de fume había unha imposición social que tentaba obrigar a esquecer a ausencia –ata o punto de non mencionar a persoa que xa non estaba– en Agosto a dor faise carne. Corpo ferido. Flor murcha. Angustia, desorientación e silencio. Ata a aceptación da morte. E a volta, malia todo, da beleza.
– Praza (P): A obra é unha plaquette feita con Mauro Trastoy (o deseño é del). Foi proposta de Apiario o formato e o deseñador?
– Miriam Ferradáns (MF): Foi unha proposta de Apiario. Ata o último momento non coñecín o deseño, si ao deseñador, pero vin a plaquette pouco antes que os lectores. Gustoume moito, síntome moi identificada con el. É fantástico sentir que te entenderon tan ben.
– P: O libro nace da perda dun ser querido: unha amiga. Tamén Nomes de fume nacera da perda. En Nomes de fume a memoria da persoa que xa non estaba ía perdendo cor, debilitándose. En Agosto hai flores que van marchitando. Que son as flores en Agosto? Que teñen que ver coas fases da dor da perda?
– MF: As flores, por un lado, xeran na voz poética a reflexión sobre a morte, obrígana a lembrar, violéntana. Neste aspecto establécese unha comparación entre unha flor cortada e un cadáver, as fases polas que pasan ata ser po. Por outro lado acompáñana na decadencia, prodúcese unha mímese entre a flor e a voz poética, as fases do abandono son compartidas, a perda de vigor, a alegría. (…)”

Regina Touceda: “Hai que seguir aprendendo a medrar, dunha maneira tan ferinte como na adolescencia”

Entrevista de Montse Dopico a Regina Touceda en Praza:
“A transición da infancia ao comezo da madurez. A aceptación da incerteza como parte da vida. A rebelión, tamén, contra a inseguridade, contra a dor. E as feridas que o corpo vai gardando. Son algunhas das claves de Deriva, o poemario co que Regina Touceda vén de gañar o Premio Pérez Parallé. A autora respondeu as nosas preguntas por correo electrónico.
– Praza (P): Por que o título de deriva? Parece representar algo como unha viaxe á deriva, sen rumbo.
– Regina Touceda (RT): Si, considero o libro como unha especie de viaxe a través do pouco que levo de vida e como todo ao final volve ao punto de partida aínda que queiras escapar del.
– P: Dixeches que era como unha viaxe introspectiva, dividida en varias partes. Por que esa estrutura en partes? Que é cada unha?
– RT: A primeira parte fala sobre a infancia e a adolescencia, do que supón medrar cun nó na gorxa. Penso que moita xente da miña xeración se pode identificar con iso; fomos nenos, pero non moito, e non como os de antes. Medramos nunha etapa transitoria no que o mundo mudaba demasiado rápido pero non a nosa contorna, polo menos nun primeiro momento.
A seguinte etapa corresponde a unha leve madurez. O feito de irse, de voar. De crer que nas cousas sinxelas que a idade adulta (ou pseudo adulta) como o amor o feito de convivir contigo mesmo pode ser doado, e non é así. Hai que seguir aprendendo a medrar, dunha maneira tan ferinte como na adolescencia.
Por último, está a memoria. Coller todos os anacos do teu pasado e presente e querer darlle un sentido, buscar os porqués, sobre todo os das situacións máis ferintes, que ao fin e ao cabo son as que máis nos marcan. (…)”

Arantza Portabales: “Quixen facer unha homenaxe explícita a esas novelas de Agatha Christie que tanto me fascinaron cando era nena”

Entrevista de Montse Dopico a Arantza Portabales en Praza:
“(…) – Praza (P): O título, Beleza Vermella, refírese a unha obsesión transmitida, nunha familia, de xeración en xeración, dunhas mulleres a outras. Relacionada co conflito entre a vida e a arte, co medo a non ter abondo talento… Como xorde a idea desa familia e que quixeches retratar a través dela?
– Arantza Portabales (AP): A idea nace da imaxe da nena asasinada nunha poza de sangue que inmediatamente asociei á obra da escultura marinense Celeste Garrido. Nese intre souben que o arte estaría vencellado a esta historia. Esa era a idea inicial, pero o certo é que todo ese mundo subterráneo que latexa no fondo da novela, e que tan ben describes, non foi buscado. Si que quería poñer o mundo da arte como o escenario que envolvese a historia. E ao final todo xurdiu de xeito natural.
O conflito entre a vida e arte obsesióname, na medida en que eu tamén o vivo na miña vida diaria. Por outra banda, supoño que a novela axudoume a amosar ese síndrome do farsante que todos en máis ou menos medida agochamos. Eu son unha persoa tremendamente perfeccionista en todas as facetas da miña vida, o que me fai vivir coa tensión de non estar sempre á altura das expectativas. Supoño que trasladei iso aos meus personaxes. Pero xa che digo que non foi buscado.
– P: O núcleo da historia, en realidade, son dúas irmás xemelgas. A súa relación de “amorodio”, como din elas mesmas. O máximo amor e a máxima conexión (e dependencia), mais tamén o medo a ser peor ca outra. Ao ler, pensaba que podía ter un fondo de historia de competitividade entre mulleres, ese tópico patriarcal. Que quixeches apuntar a través delas?
– AP: Realmente parecíame moi atractivo que dúas persoas moi idénticas por fóra fosen completamente distintas por dentro, nas súas aptitudes e nas súas actitudes. Non o formulei coma unha rivalidade. De feito, para unha das dúas a relación é de admiración e dependencia. Ao final unha representa o mundo pragmático, real e cotiá que nos asolaga. A outra representa o mundo dos soños, da utopía, da creación artística sen baixar e poñer os pés no chan. Son o yin e o yang. Dúas pezas que encaixan perfectamente para compoñer un todo. Un Sancho e un Quixote. Un mundo real e un mundo ideal.
Lía fai xirar todo o seu conflito sobre esa decisión. Constantemente volve a ese aeroporto onde tomou unha decisión que non só cambiou a súa vida senón a dos demais membros da súa familia. E séntese responsable. Tamén é certo que non se arrepinte. A súa arte demándalle egoísmo, e coido que fai un exercicio de honestidade brutal. Non é unha muller de medias tintas. Toma unha decisión e non se arrepinte. E é certo que estas actitudes non se entenden na sociedade. No momento en que alguén se aparta das normas establecidas chega o xuízo social. Lía está por riba diso e revélase.
– P: Mais é unha historia chea de conexións entre os personaxes. E unha desas conexións é a perda dun fillo/a. Varias veces sae a idea de que para iso non hai nin nome. Que ten este libro de reflexión sobre iso?
– AP: Sempre digo que a maternidade aprendeume o significado real da palabra medo. Se tiña que amosar un crime e a dor dos que o rodean, o peor escenario posible parecíame o dunha filla morta. O asasinato é un acto antinatural. A morte dun fillo tamén. As dúas cousas xunguidas parecíame que sublimaban o horror. (…)”

Premios da Crítica Galicia 2019

Xerardo AgraFoxo: “A xente séntese agradecida por viaxar ao seu país para interesarme polas súas vidas”

Entrevista de Montse Dopico a Xerardo AgraFoxo en Praza (foto: cedida):
“Xerardo Agrafoxo iniciou no 2016 cunha obra sobre Cuba unha serie de libros de viaxes, publicada por Galaxia, que continuou o ano pasado con Un país sen fronteiras, sobre Senegal, e que este ano dará ao prelo O lugar onde morrer, sobre o Brasil. O autor, coñecido polos seus ensaios sobre Historia ou por novelas coma O violinista de Malá Strana ou A maleta de Victoria Kent, viaxa só, sen teléfono, sen rumbo prefixado, evitando as comodidades para turistas e tentando aprender o que poida sobre cada país, nunhas poucas semanas, falando coa xente que vai atopando. Nesta entrevista cóntanos das súas experiencias e reflexións en Cuba, Senegal e o Brasil.
– Praza (P): Son xa tres libros de viaxes: Cuba, Senegal e Brasil. Como xorde esta serie? Foi unha proposta túa a Galaxia?
– Xerardo AgraFoxo (XA): Foi una idea da miña alma viaxeira, despois de xubilarme como profesor de instituto. Pero conto sempre co apoio intelectual de Galaxia e co compromiso incondicional de Carlos Lema.
– P: Viaxas sen teléfono, ti só, sen rumbo prefixado, usando o mesmo tipo de transporte que utiliza a poboación local e durmindo en pequenas pousadas ou en casas particulares. En varias conversas recollidas nos libros dis que non es un “turista”. En realidade, hai moitos turistas que din que eles son viaxeiros. Cales son, para ti, as diferenzas?
– XA: A diferenza principal é que eu vou sen ruta definida. E, sobre todo, sen présas. Disposto a perderme en calquera lugar.. O meu lema é o de R. L. Stevenson: “O importante é partir”.
– P: Nótase nos libros que te documentas sobre os países que visitas. Ao final, é un traballo bastante semellante ao dun xornalista. De feito, os libros atópanse entre a crónica xornalista e a literatura. Cal é o teu obxectivo, ao respecto?
– XA: Un ano antes de partir reúno crónicas xornalísticas sobre o país. Fago un caderno duns 300-500 mil caracteres que levo comigo. Para saber que lugares son os máis interesantes, dende un punto de vista histórico-cultural, consigo a Guía Verde Michelín, que sempre me resulta imprescindible. Despois leo os autores máis referentes. E algúns libros de historia. Na viaxe ao Brasil lin ao redor de 50 e consultei outros 50, aproximadamente.
– P: Tomas notas das conversas coa xente. Respectas o anonimato cando cómpre. Como traballas despois ese material? Porque dá a impresión de que vas escribindo a medida que vas avanzando na viaxe, e que retornas con boa parte do traballo feito.
– XA: Escribo moito durante a viaxe, todos os días. Tomo notas na mesma entrevista cos cidadáns. Nunca tiven problemas. Agora, cando lles digo que poden comprobar que aparezo no Google, a conversa é máis fluída. A xente séntese moi agradecida por viaxar ao seu país para interesarme polas súas vidas. (…)”

Manrique Fernández: “Fállanos algo fundamental: a irmandade. A sociedade actual é terriblemente individualista e, en moitos aspectos, esmagadora”

Entrevista de Montse Dopico a Manrique Fernández en Praza:
“Tras Tres feridas e Crónicas de Embora, Manrique Fernández vén de publicar o seu terceiro libro de narrativa, Os anxos indecisos (Galaxia). Un monllo de relatos unidos, segundo conta o seu autor, pola indagación sobre o peso que, na vida, teñen as decisións: as que tomamos, e as que toman por nós. Falamos con el desta e das súas anteriores obras.
– Praza (P): Os anxos indecisos é, coma o teu primeiro libro de narrativa publicado, Crónicas de Embora, un libro de relatos. É unha escolma de relatos que escribiras desde Crónicas de Embora? Ou xurdiu xa como un proxecto de libro?
– Manrique Fernández (MF): Cando escribo un libro de relatos gústame concibilo como unha unidade independente: prefiro iso a facer un recompilatorio de cousas que foron quedando fóra doutros proxectos. Os contos de Crónicas de Embora tiñan en común un tempo e un espazo, e tamén un estilo máis próximo á literatura popular; Os anxos indecisos nace arredor da idea da forza que teñen sobre as nosas vidas as decisións, tanto as que tomamos nós como as que toman outros e que acaban por afectarnos.
Ás veces, son pequenas decisións que cremos intranscendentes e rematan por ter unha influencia enorme; outras, padecemos as consecuencias de decisións que toman outros; ou vémonos empurrados a tomar determinadas decisións… No fondo, escribo para indagar; e nese sentido Os anxos indecisos é un traballo de indagación sobre ese tema.
– P: Os anxos indecisos é, porén, moi distinto de Crónicas de Embora, que estaba máis relacionado coa tradición dos contos e lendas populares -como comentabas agora- coa escrita de clásicos do xénero coma Fole… Quixeches, dalgunha maneira, afastarte deste primeiro libro?
– MF: Non é que buscase afastarme de nada, pero as ideas sobre as que se alicercan ambos traballos son moi diferentes. En Crónicas de Embora buscaba precisamente iso, facer un texto ao estilo clásico, ao xeito da literatura que se facía aquí a mediados de século, máis entroncada coa tradición e a oralidade. Os anxos indecisos é moito máis contemporáneo, tanto nos temas que trata coma no seu enfoque. Creo que un acaba por escribir aquilo que lle gustaría ler, e eu sempre fun moi ecléctico nas miñas lecturas.
Quizais sexa por iso que trato de ofrecer cousas novas e non encaixarme en ningún estilo concreto; prefiro sentirme libre para facer o que me apeteza en cada momento. Se botas unha ollada cara a atrás, antes deste libro de relatos publiquei unha obra de teatro para nenos; antes, unha novela; antes, outro libro de relatos moi diferente a este; tamén teño unha biografía, un libro de conversas, outro de poemas narrativos… Como podes comprobar, traballos moi diferentes. (…)”

Xoán C. Rodríguez: “Como temos moito que perder, non facemos nada. E o Estado sábeo e explótao”

Entrevista de Montse Dopico a Xoán C. Rodríguez en Praza (foto: cedida):
“(…) – Praza (P): Hai unha continuidade, ou polo menos moitas conexións, entre Occidencia, Sectores de fogo e Cristal líquido, e sobre todo entre os dous primeiros. Escribiches o primeiro e a partir del foron xurdindo os outros dous? Ou máis ben son textos que fuches escribindo e que despois decidiches publicar separadamente?
– Xoán C. Rodríguez (XCR): Si que hai unha continuidade. Occidencia é o universo ficcional, desenvólvese en Sectores de fogo e remata con Iris cumprindo condena de prisión en Cristal líquido. Pero cada libro foi escrito dun xeito independente, iso si, tecendo conexións entre eles. Sinto a sensación de estar escribindo sempre o mesmo libro, representando sempre o universo que me fascina. Acabo de rematar O’Encantiño<, que tamén fun publicando en sectoresdefogo.com, e tamén podería enlazar con estes tres… (…)
– P: Occidencia tiña partes moi narrativas: historias que continúan ao longo de varios textos separados entre si, coma a do mariñeiro, e partes máis poéticas. Sectores de Fogo é máis narrativo, e contén textos máis longos ca por exemplo Cristal líquido, que voltan ser máis poéticos. Non é que sexa moi importante porque mesturar xéneros é moi normal mais, houbo algún motivo especial para esa mudanza de formato entre os tres libros?
– XCR: Occidencia ten como base a historia do mariñeiro coxo salpicada de poemas que son cartas dirixidas á Merla. Pero pode suceder que nun mesmo texto narrativo ou poético haxa partes doutro xénero. Mesmo do xénero dramático. Sempre escribo con hibridación de xéneros, penso que o dos xéneros está obsoleto. Nos tres libros hai textos narrativos moi poéticos e á inversa. Mais a miña tendencia natural é a escribir cun toque do que se entende por poesía, teña forma de texto en prosa ou en verso. Non sei, talvez me negue a ser poeta escribindo en prosa.
– P: Falando das fotografías, a túa é unha poesía moi creadora de imaxes, e seguramente moi ligada a momentos concretos, a sensacións… Como é o teu proceso de escrita, nese sentido? (Se cadra en Sectores de Fogo houbo máis intervención posterior nos textos xurdidos en certos momentos ca nos outros dous).
– XCR: Si que é moi debedora de imaxes e sensacións. Escribo como escenas de películas, todo é un proceso moi visual. O proceso de escrita é un flash que me vén e que logo escribo. É unha visión. En Sectores de fogo o que houbo foi máis intensidade nas sensacións e nas vivencias. Está aquí latente a cuestión do autobiográfico, que inmediatamente se converte en ficción e xa nunca recupera a súa veracidade. Son dos que necesita para escribir que algo lle pase ou lle doa. E despois de filtrar e repousar todo ese material é cando escribo. Quizais por iso a miña escrita ten sido lenta. (…)”