Desde
o Museo do Pobo Galego:
No pasado decembro dirixímonos a todas as/os socias/os, lembrándolles a importancia do seu compromiso real e da súa participación activa co Museo do Pobo Galego, e comunicándolles a posta en marcha dunha campaña de captación de novas/os socias/os, fixándonos o obxectivo de conseguir, para decembro de 2014 alomenos 500 novos asociados.
A repercusión do lanzamento da campaña foi amplo nos medios de comunicación e motivou un crecente interese de moitas persoas por asociarse ao MPG, que pouco a pouco se vai materializando. A finais de febreiro o número de novos socios acadou a cifra de SETENTA E UN (71) desde o inicio da campaña, o que supón algo máis do 14% do obxectivo que nos fixarámos para todo o ano, o que indica que acadar o noso obxectivo é posible.
Para facer realidade este obxectivo precisamos da súa colaboración e esforzo, polo que lles pedimos se impliquen conseguindo entre os seus familiares, amigos e coñecidos unha nova socia ou un novo socio para o Museo do Pobo Galego.
A inscrición pódese realizar cubrindo esta ficha: Museo do Pobo Galego. Ficha de socio.
Arquivos da etiqueta: Museo do Pobo Galego
Acordos da Asemblea Xeral e Extraordinaria de Socios-as da AELG
A
Asemblea de Socias-os da AELG celebrada o pasado sábado, 8 de febreiro, no Museo do Pobo Galego, aprobou incorporar aos estatutos as modalidades de socio protector-a e socio colaborador-a para entidades e particulares que, sen pertencer de maneira exclusiva ao mundo da escrita, contribúan ao desenvolvemento das actividades e a vida da Asociación. Aprobáronse os informes económico e de actividades de 2013 e 2014. Tamén os nomes das persoas e entidades que na próxima Gala das Letras (que se celebrará en Pontevedra o día 3 de maio) recibírán os Premios “Os Bos e Xenerosos” e “Institucións Culturais”, que terán ambos o teatro como protagonista, así como Premio AELG “Mestras-es da Memoria”. A vixésima homenaxe “O Escritor na súa Terra – Letra E” dedicaráselle ao Xabier P. DoCampo, o 14 de xuño en Ribeiras de Lea.
Premio “Os Bos e Xenerosos”
A Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega quere recoñecer o esforzo e o compromiso da xente do espectáculo para manter vivos os nosos escenarios nun momento en que os recortes afectan de maneira especial ás programacións culturais. Desta maneira, a AELG premiará representantes de todas os ámbitos da escena galega:
- A compañía Sarabela, dirixida por Ánxeles Cuña Bóveda recibirá o premio como agrupación profesional.
- Achádego de Lugo, que cumpre 25 anos neste 2014, será recoñecida polo seu traballo no teatro amador.
- A Asociación de Actores e Actrices de Galicia, en nome de todos e todas os que contribuíron ao desenvolvemento da escena galega.
- A Editorial Laiovento e o proxecto Casahamlet son outros dous proxectos que merecen destaque da AELG.
Premio AELG 2014 “Institucións Culturais”
A AELG valorará tamén o impulso dalgunhas institucións na promoción do teatro e, neste sentido, premiará:
- O proxecto Buxiganga, da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, polo seu labor de difusión e socialización do teatro galego.
- Tamén a área de cultura de Deputación da Coruña, polo premio Rafael Dieste.
- Narón e Tui entran no palmarés da AELG como concellos que dedican un especial destaque ás artes escénicas.
Premio “Mestras-es da Memoria”
Xabier Blanco e Elba Requeijo serán os informantes recoñecidos nesta segunda edición.
O Escritor na súa Terra – Letra E
O escritor Xabier P. DoCampo será este ano o homenaxeado coa letra E de O Escritor na súa Terra e protagonizará, polo tanto, a xornada na que, entre outros actos, plantará unha árbores no seu territorio biográfico. A homenaxe chega este ano á súa vixésima edición.
Alén destes premios, a AELG xa adiantara que o escritor vasco Bernardo Atxaga será, desta volta, o Escritor Galego Universal.
O calendario de actividades a desenvolver no primeiro semestre de 2014 é o seguinte:
- 19 de febreiro: Ofrenda poético-floral a Xosé María Díaz Castro.
- 23-24 de febreiro: Día de Rosalía de Castro.
- 28 de febreiro: Coplas de Entroido.
- 4 de marzo: Homenaxe a Xela Arias.
- 3 de maio: Gala das Letras.
- 14 de xuño: O Escritor na súa Terra – Letra E.
A AELG homenaxea o teatro galego cos seus premios
Desde
Sermos Galiza:
“Os Premios da AELG deste ano terán ao teatro como protagonista. A Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega quere así recoñecer o esforzo e o compromiso da xente do espectáculo para manter vivos os nosos escenarios nun momento en que os recortes afectan de maneira especial ás programacións culturais. Desta maneira, a AELG premiará, en distintas categorías, a representantes de todas os ámbitos da escena galega. A compañía Sarabela, dirixida por Ánxeles Cuña Bóveda recibirá o premio como agrupación profesional mentres Achádego de Lugo, que cumpre 25 anos neste 2014, será recoñecida polo seu traballo no teatro amador. A todos e todas os que contribuíron ao desenvolvemento da escena galega homenaxearase no premio que a entidade concede á Asociación de Actores e Actrices de Galicia.
A AELG valorará tamén o impulso dalgunhas institucións na promoción do teatro e, neste sentido, premiará ao proxecto Buxiganga, da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, polo seu labor de difusión e socialización do teatro galego. Tamén a área de cultura de Deputación da Coruña, polo premio Rafael Dieste, foi valorada pola asociación profesional literaria. Narón e Tui entran no palmarés da AELG como concellos que dedican un especial destaque ás artes escénicas.
En canto iniciativas privadas, a editorial Laiovento e o proxecto Casahamlet son os dous proxectos que merecen destaque da asociación presidida por Cesáreo Sánchez Iglesias.
O escritor Xabier P. DoCampo será este ano o homenaxeado coa letra E de O Escritor na súa Terra e protagonizará, polo tanto, a xornada na que, entre outros actos, plantará unha árbores no seu territorio biográfico. A homenaxe chega este ano á súa vixésima edición.
Alén destes premios, a AELG xa adiantara que o escritor vasco Bernardo Atxaga será, desta volta, o Escritor Galego Universal.
Ao longo do mes de maio, a AELG dedicará tamén actos de homenaxe ás escritoras Xela Arias e Luísa Villalta, ao se cumpriren dez ano do seu falecemento.
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) celebrou este sábado día 8 de febreiro a súa Asemblea Xeral de Socios/as, no Salón de Actos do compostelán Museo do Pobo Galego. Decidiuse, entre outras cousas, que a Gala das Letras terá lugar o 3 de maio na cidade de Pontevedra. Tamén se aprobou incorporar aos estatutos as modalidades de socio protector e socio colaborador para entidades e particulares que, sen pertencer de maneira exclusiva ao mundo da escrita, contribúan ao desenvolvemento das actividades e a vida da Asociación.”
Santiago: Asemblea Xeral de Socios/as da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega
A
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) celebrará mañá sábado día 8 de febreiro a súa Asemblea Xeral de Socios/as, ás 11:00 en primeira convocatoria e 11:15 en segunda convocatoria, no Salón de Actos do compostelán Museo do Pobo Galego.
Ao final da Asemblea, previsto para as 13:00, e no mesmo salón de actos, o Presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias e a Secretaria xeral, Mercedes Queixas Zas, ofrecerán unha ROLDA DE PRENSA para dar conta de:
– Os pronunciamentos da Asemblea sobre as vindeiras actividades da entidade.
– Os nomes das entidades que recibirán os Premios AELG 2014 Institucións e o Premio Os Bos e Xenerosos 2014, que se entregarán na Gala das Letras que terá lugar o 3 de maio na cidade de Pontevedra.
– O nome do/a Escritor/a na súa Terra – Letra E, homenaxe que este ano chega á súa vixésima edición.
– O programa de actividades do Día de Rosalía de Castro.
Santiago, Museo do Pobo Galego: Prende no Colo, obradoiro didáctico, o xoves 30 de xaneiro
Campaña de captación de socios do Museo do Pobo Galego
Os
socios e socias constitúen a base social do Museo do Pobo Galego sendo a canle de participación dos galegos no museo. Se coas súas cotas a contribución ao mantemento económico é importante non o é menos a súa función de inserir o museo na sociedade galega, dándolle a vez pluralidade, independencia e fortaleza coma institución.
Na actual situación de crise social e económica, onde as institucións culturais son vítimas dos recortes provocados por una visión da cultura como algo secundario, é preciso reforzar o museo como institución de toda a sociedade galega como referente dos elementos de identidade que nos definen como pobo.
Este reforzamento do Museo do Pobo Galego só pode vir dunha maior implicación na sociedade galega a través dos socios e socias, polo que canto maior sexa o seu número e a súa participación na vida do museo, máis se conseguirá un museo forte, independente e plural, un museo máis noso.
Para dar pasos neste obxectivo, os representantes de socios e socias co apoio da Xunta Rectora do Museo do Pobo Galego (MPG), consideramos necesario facer unha campaña de captación de novos socios e socias, nos que os que xa o son participen activamente.
Pódese obter máis información no apartado de Socios da páxina web e neste arquivo: Campaña socios Museo do Pobo Galego 2013.
A inscrición pódese realizar cubrindo esta ficha: Museo do Pobo Galego. Ficha de socio.
Compostela: Titiriteiros, no Café da memoria do Museo do Pobo Galego
O xoves 26 de setembro, ás 18:00 horas, no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, dentro de Café da memoria, cita que periodicamente organiza o Museo para partillar memorias arredor dunha cunca de café, coa colaboración da Asociación Morreu o Demo para a recuperación do títere tradicional galego, contarán as súas vivencias como artistas ambulantes Alfonso Silvent (fillo de José Silvent, creador de Barriga Verde), e Juan Silvent (fillo de Santiago Silvent, tamén titiriteiro). Manuel Lourenzo, autor e dramaturgo, e grande coñecedor da tradición teatral galega, dará unha visión máis contextual do que era andar co teatro polos camiños.
Santiago: proxección do documental Alexandre Bóveda. A fazaña da liberdade
Aurora Marco gaña o Premio Luís Tilve de Investigación e Divulgación Histórica
“O
venres 26 de outubro a Fundación Luís Tilve fará entrega dos galardóns anuais que levan o seu nome, na que xa é a sétima edición. O acto de entrega terá lugar no Auditorio Municipal de Vigo a partir das 19:30 horas, e contará cos membros do Xurado, composto por: Fernando González Laxe, José Antonio Gómez Gómez, Salvador Fernández Moreda, Álvaro Ansias Bacelar, Carmen Avendaño Otero, Ana Romero Masiá, Tareixa Navaza González, Mª Xosé Rodriguez Galdo e Roxelio Pérez Poza; os cales acordaron que os premiados deste ano foran os seguintes:
– O premio Traballo Digno desta edición é outorgado a Xavier Fortes López.
– O premio Acción Solidaria outórgase ó Proxecto Bubisher.
– O premio Defensa do Medio Ambiente e dos Bens Comúns, recaeu no Museo do Pobo Galego.
– O premio Investigación e Divulgación Histórica, recalou na historiadora Aurora Marco López, polo seu traballo de investigación sobre As mulleres na guerrilla antifranquista galega, que recolle a traxectoria destas mulleres, do monte e da chaira, que colaboraron coa Federación de Guerrillas León-Galicia nas décadas dos 50 e 60, recuperando os seus nomes para facelas visibles a nosa historia. Este traballo deu lugar tamén a un documental titulado Silenciadas, realizado por Pablo Ces.”
Desde a Fundación Luís Tilve.
Santiago: nova edición de Os Bos e Xenerosos, dedicada a Francisco Carballo, o 3 de marzo
O
sábado 3 de marzo, ás 12:00 horas, no salón de actos do Museo do Pobo Galego, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, coa colaboración de CEDRO, celebra, a novena edición da súa homenaxe Os Bos e Xenerosos, que supón un acto de estudo e recoñecemento dunha figura ou colectivo que, pola súa dilatada actividade de intervención social, contribuíse á difusión da nosa cultura.
O profesor, bebendo nas fontes documentais propias, emprendeu un camiño de investigación histórica e de renovación metodolóxica que dignificou a historiografía galega, filla do saber científico. Este labor fructificou, non só nas distintas publicacións dedicadas á historia de Galicia e a protagonistas da mesma (Alexandre Bóveda, Sarmiento), tamén na eclosión dun grupo de historiadores ao redor da editorial A Nosa Terra.
Caracterízano a humanidade, a humildade e a honestidade persoal; tamén a fidelidade aos proxectos que defende e o compromiso social. Isto fai del un referente sólido e explica a súa actividade constante e vital en campos tan variados. Así, ao pouco de establecerse definitivamente en Galicia, comprometeuse na dinamización cultural (na Asociación Cultural de Vigo) e no imprescindible pulo a medios de comunicación propios, figurando entre os fundadores e sustentadores do semanario A Nosa Terra.


