Tabela dos Libros de xaneiro, por Armando Requeixo

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Como cada mes, velaquí a Tabela dos Libros. Nela figuran seleccionados os volumes que Manuel Rodríguez Alonso, Inmaculada Otero VarelaFrancisco Martínez BouzasMontse Pena Presas e Armando Requeixo estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas. Boas lecturas!»

Berta Dávila: “Confío moi pouco na resignación e, en calquera caso, prefiro a resistencia”

Entrevista de Montse Dopico a Berta Dávila en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): A morte, a consciencia da morte, é punto de partida no libro [O derradeiro libro de Emma Olsen]. Unha muller conta o que gardara porque sabe que vai morrer. Tamén en Raíz da fenda estaba moi presente a morte. Como en Dentro… A focaxe adoita ser, nos teus libros, (tamén neste último), o contraste, a tensión entre o amor e a morte. Por que?
– Berta Dávila (BD): En Raíz da fenda a morte e a enfermidade son os detonadores que levan á voz poética a afrontar finalmente a ausencia do outro, a asumir o oco e a carencia: o loito vivido desde a perspectiva da que fica á expectativa de sandar as feridas máis difíciles. A relación que se establece entre a morte e o desamor no libro é a identificación deste como perda ou carencia, como un proceso de abandono con algunhas concomitancias con respecto ao loito en si. Tratábase de poñer sobre a mesa todas as feridas, todos os abandonos. Creo que a ferida profunda é a clave do libro, facer da literatura unha ferida aberta, exposta sen cobertores, para quen a queira recibir, sen agochos e máscaras que a vistan con retóricas festivas.
A morte de Emma Olsen achega unha visión diferente, xa desde o momento no que se escolle facer unha confrontación en primeira persoa con esa derradeira fronteira, unha fronteira que a personaxe, lúcida sempre, e tamén case sempre desafectada, decide atravesar escribindo sobre algo importante. E, nese sentido, o amor é algo importante, todos os tipos de amor, render contas cos afectos que marcaron unha vida enteira. Dalgunha maneira a relación de débeda e de retirar as máscaras é o que une os dous libros. O proceso de escrita que relata Emma en O derradeiro libro de Emma Olsen ten certas concomitancias co meu propio proceso de escrita de Raíz da fenda, non nun sentido biográfico, como é obvio, pero si como proceso creativo. (…)
– MD: Na túa poesía houbo un intento de depuración do estilo, co paso do tempo. Podería dicirse o mesmo da túa narrativa? Esta é unha obra curtiña na que cada frase está medida.
– BD: Si que o hai, cada vez son máis teimuda e corrixo máis, en ocasións resulta paralizante e pouco útil. Tamén acontece que non é o mesmo o tempo que dedicaba á escrita no caso dos primeiros libros con respecto ao de agora. Iso tamén ten que ver co cambio de concepto do proceso. Aínda así, creo que unha vez que o libro xa está pechado e en mans dos lectores, hai que aprender a querelo como unha marca do tempo vivido, aceptar o que eras cando o escribiches como un sinal dun percorrido. E seguir percorrendo o que sexa. (…)”

“Sobre O derradeiro libro de Emma Olsen“, texto lido por Berta Dávila na entrega do Premio Repsol 2013

Desde o blogue de Berta Dávila, Confabulario novo:
“Emma Olsen naceu da entrevisión dunha fotografía de Anne Sexton fronte a unha máquina de escribir, no verán de 2011, mentres viaxaba nun Ferry. A súa voz impúxose sobre a miña e cando cheguei ao porto de Barcelona tiña un caderno ateigado de notas e dúas certezas. A primeira, que odio irremediablemente os barcos, e talvez por iso esta é unha novela de vías de tren que se cruzan. A segunda, que me quedaba por diante un tempo longo de escrita no que habería de facer a viaxe máis difícil de todas as que emprendín: a procura de quen era Emma Olsen e, en definitiva, de quen era eu a través das súas palabras.
Hai poucos días escoitei falar a unha profesora da Universidade das Azores dun escritor luso, Afonso Cruz, quen afirmou nunha entrevista: “a ficción é a mellor maneira de dicir aquilo que xulgamos verdadeiro”. A ficción, xa que logo, é unha máscara, si, mais tamén unha caixa de segredos, un lugar ao que sempre se lle pode chamar casa e ao que sempre se pode regresar, igual que Emma regresa a Faith, a súa cidade natal, para contar unha historia soterrada durante moito tempo.
Ela explícao así:

Díxome unha vez o señor Montana que a cualidade de todas as grandes historias é que poderían ter ocorrido en calquera parte do mundo. Eu creo que a miña só pertence a Faith e que fóra de Faith ficaría como unha pinga de lixivia no medio do océano. Talvez porque tampouco é unha grande historia. Pero é a miña, a nosa, e aquí fírenos como se a pinga de lixivia caese no medio da pupila, como se atravesase todo o importante de lado a lado. Porque Faith, que está no medio dun círculo xigante, no centro exacto de nada, a cen millas de calquera lugar minimamente interesante, é todo o noso mundo e nada máis nos importa. E aínda que todos desexabamos vivir en Nova York cando eramos novos, ou en calquera outra cidade sempre que non fose Faith, o certo é que no medio de ningunha cousa é posible notar que hai algo que te pertence.

Porque esta é a historia que Emma Olsen nunca se atreveu a contar mais tamén é a historia dunha cidade. E entre a realidade e a ficción, existe unha localidade pequena e apartada en Dakota do Sur, no Medio Oeste norteamericano, que se chama Faith e que vostedes poden procurar nos mapas. En Faith fica abandonada a última estación do ferrocarril construído por Percy Avery Rockefeller a comezos do século XX. A derradeira parada. Semellaba un emprazamento perfecto. Mais a sospeita de que o Faith verdadeiro era un espazo anódino e pouco novelable, sobre o que era incapaz de deixar de inventar sen cruzar a liña do real, foi cubrindo paseniño todo o narrado, limitándome coma se estivese necesariamente atada a unha cadea curta e pesada. Que absurdo. Se a literatura é iso: contar o que non está pero podería estar, imaxinar para liberarse das cadeas, cambiar a verdade coa única condición de a facer verosímil. É, en todo caso, un pacto de ficción. Unha cuestión de fe.

Por iso estou segura de que todos os habitantes literarios que poboan a cidade deste libro sentirán o lugar que inventei para eles como o único posible para contar a historia de Emma e Clarisa, personaxes que transitan as marxes e os límites da amizade, a devoción, o amor e a chantaxe, as fronteiras da propia identidade e un desexo de fuxir auténtico, o de quen non sabe que é exactamente iso do que se fuxe e aínda non descubriu os por qués fundamentais. A historia de como se derruba unha relación entre dúas persoas que se queren demasiado, e de como a inminencia da morte serve para revelar o que máis nos importa.
Outra vez Emma Olsen cóntao moito mellor ca min:

Naquel ano derradeiro que pasamos xuntas, xa non comprendía nada de como era Clarissa e comezaron a renxer as estruturas da nosa historia común. Como ocorre cos castelos de naipes, despois de retirar a primeira carta dos alicerces da estrutura, foron caendo o resto, até que onde un día houbera un edificio non quedou máis que un fato de lastras sobre a mesa que nin sequera proxectaban sombra. Sei que é unha metáfora eslamiada, mais non se me ocorre outra. Clarissa semellaba un artefacto delicado e imprevisible e eu só podía desexar que non rebentase con todo ao seu paso, que a bomba non me estalase a min nas mans.

 Por iso non sei como falar dos derradeiros meses que pasei con ela, nin como contar o que me resta por contar, e temo que ninguén entenda verdadeiramentea a necesidade do meu relato, que o consideren un delirio da que vai morrer e non quere. Talvez levarían razón nisto último. Hoxe mireime no espello e vin un cadáver movendo as mans. Non debería dicilo, porque é un comentario morboso, mais iso é o que vin. En boa medida estou aquí para evitar mover o meu cadáver en actos públicos de recoñecemento que, con certeza, serían celebrados na miña honra se algúns colegas coñecesen o avanzado da enfermidade. O espello bástame para contemplarme así. Ademais, ese tipo de homenaxes cobren todo dunha pátina de grandeza que anticipa as exequias que virán. Con frecuencia, negan a morte de xeito absurdo entre aplausos festivos. E se a escrita fose tamén un xeito de negación, de resistencia, prefíroa a calquera outra cousa.

Eu, como Emma, tamén prefiro a escrita a calquera outra cousa. As palabras salváronnos ás dúas de ficar pechadas para sempre en Faith. A Emma a a min, enfrentadas unha á outra.
E agora que ela é de tinta e papel e que xa non estamos soas e perdidas nun barco no medio do mar, senón nas mans de todos vostedes, só me resta dar as grazas a todos os que fixeron iso posible.”

Pontevedra: actos literarios destacados do Culturgal 2013 para o sábado 30 de novembro (ás 18:00 horas, presenza da AELG)

A Feira das Industrias Culturais, Culturgal 2013, prosegue este sábado 30 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra, con horarios de 11:00 a 21:00 h. Deixamos aquí o programa: Culturgal 2013, dentro dos que destacamos os seguintes actos literarios para este segundo día:

Sábado, 30 de novembro
– 13:00 h. Presentación do libro-disco CoraSons (Kalandraka). Ás 20:00 h. terá lugar unha presentación ao vivo con varios dos seus autores.
– 13:30 h. Presentación do libro Contos no nicho (Urco Editora). Contará coa presenza de varios dos autores deste libro de relatos de terror.
– 16:30 h. Presentación do libro colectivo O Crânio de Castelao, de varios autores, e do poemario de Teresa Moure Eu violei o lobo feroz (Através Editora).
– 17:30 h. Presentación de O raposo e a mestra, de Manuel Rivas. No acto, o autor estará acmpañado por Cé Orquestra Pantasma.
– 17:45 h. Presentación de Novas de poesía. 17 poetas (Fundación Uxío Novoneyra).
– 18:00 h. Ferramentas on line para profesionais. Presentación do Portal das Palabras e da potencialidade informativa e didáctica da web da AELG. Dirixido a docentes, xornalistas e público interesado, no Salón de Actos do Pazo da Cultura. Por parte da AELG interveñen Cesáreo Sánchez e Mercedes Queixas.
– 18:15 h. Presentación da revista mensual Luzes, coa participación dalgúns dos seus promotores e colaboradores: Manuel Rivas, Xosé Manuel Pereiro, Iago Martínez, Belén Regueira, María Yáñez e Tati Mancebo.
– 19:00 h. Conversa con Berta Dávila, ao redor de O derradeiro libro de Emma Olsen, Premio Repsol Narrativa breve (Editorial Galaxia). Conduce a presentación a xornalista Teresa Cuíñas.
– 19:30 h. Conversa con Antón Riveiro Coello ao redor do libro Acordes naúfragos (Editorial Galaxia). Conduce a presentación a xornalista Teresa Cuíñas.
– 19:45 h. Concerto-presentación de O meu marabilloso sombreiro, de Suevia Sobral e Akiko Ishihara, publicado por Edicións do Cumio.
– 20:00 h. Conversa con Pedro Feijoo ao redor do libro A memoria da choiva (Xerais). Conduce a xornalista Teresa Cuíñas.
– 20:30 h. Conversa con Diego Ameixeiras ao redor do libro Matarte lentamente (Xerais). Conduce a xornalista Teresa Cuíñas.

Berta Dávila: “Amólame que me pregunten por que escribo en galego. Xa sabemos que significa esa pregunta”

Entrevista de Alberto Ramos a Berta Dávila en Praza:
“(…) – Praza (P): Porque foi até Dakota para contarlles aos seus lectores esta historia [O derradeiro libro de Emma Olsen]?
– Berta Dávila (BD): Foi unha localización que estivo alí case dende o comezo. A idea de localizar a historia nos EUA xurdiu ao tempo que as personaxes de Emma e de Clarisa, que son as dúas protagonistas da novela. De feito, xa xurdiran nese contexto, non poderían existir noutro contexto. O que si fixen foi buscar un lugar concreto na xeografía estadounidense para situar a historia. E decanteime polo Medio Oeste, porque é un lugar en principio anódino, onde existen moitas cidades de poucos habitantes e onde nunca ocorre nada. Ao final, apareceu Faith, un lugar en que sucederon unha morea de circunstancias extraordinarias e, malia todo, rematou coma unha desas vilas anódinas. Circunstancias extraordinarias como a descuberta de Sue, o tiranosauro rex máis grande do mundo, ou como que o nome da cidade é resultado de que o Ferrocarril de Rockefeller remataba en Faith, e a súa filla se chamaba Faith. Todos eses feitos fixéronme pensar que era un lugar para novelar. Decidín acoller na novela todas estas singularidades, pero tamén saír das marxes do Faith real e crear un de ficción para xogar cos estereotipos. (…)
– P: Escolleu a lingua?
– BD: A lingua vennos dada, pero nunha situación de conflito como a que temos nós, tamén é unha elección. No meu caso, foron as dúas cousas. Veume dada por unha banda, pero tamén a escollín. Polo menos, escollín non abandonala. Eu son galega, vivo aquí e escribo en galego… Creo que é o normal. Máis que a pregunta de que nova es, amólame moito máis a pregunta de por que escribo en galego. E por que? Porque xa sabemos que significa esa pregunta. (…)
– P: Polo que sei, anda mergullada nun proxecto de investigación ao redor da Literatura Infantoxuvenil (LIX).
– BD: É un ámbito moi interesante para investigar. Creo que é unha das mellores literaturas que se fan no mundo e chegan a todo tipo de lector, porque eu non creo na literatura como xeito de illarnos do mundo, senón de conectarnos. Ademais, está vinculada ao ensino.
– P: Cre que se subestima a LIX?
– BD: Non é que o crea, é que moitas veces se subestima. Só hai que ver a atención crítica e mediática que se lle dá a unha obra de adultos e a outra de LIX. E tendo unha literatura infantil e xuvenil potente, interesante e moi rica como a que temos… Houbo unha época que parecía que estaba mal vista… Vaia, mal vista tampouco, que non é un vicio escuro… Pero si parecía unha lectura de segunda, sobre todo en determinados ámbitos académicos. Parecía que se lías a Fernández Paz, non podías ler a Proust. A min, Fernández Paz paréceme alta literatura. (…)”

Berta Dávila faise co premio Repsol cunha novela sobre a experiencia da vida e a literatura

Desde Sermos Galiza e Xunta:
“(…) O nome da escritora Berta Dávila volve a ser noticia ao ser a gañadora do premio de Narrativa Breve Repsol, convocado conxuntamente pola Xunta de Galicia e a Fundación Repsol coa colaboración da Editorial Galaxia, a Real Academia Galega e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, con O derradeiro libro de Emma Olsen que en breve publicará Galaxia.
Unha escritora que volve a súa vila natal, situada a trescentos quilómetros da poboación habitada máis próxima, é a protagonista do relato de Berta Dávila de quen tamén Galaxia publicará na súa colección Costa Oeste en breve a novela Quen matou a Covadonga Balboa?.
A piques de cumprir os corenta anos e cunha enfermidade terminal que aproxima a morte, Emma Olsen regresa ao lugar no que naceu para contar unha historia que nunca se tiña atrevido a desvelar. “A novela está escrita en primeira persoa e foi, nese sentido un reto porque precisaba que esa voz se sostivese” explica Dávila. A literatura trénzase coa vida nunha novela que ofrece unha reflexión sobre o proceso creativo e o espazo que acada na biografía da protagonista. “Deseñei a traxectoria literaria de autora a través das súas novelas e argumentos conectando os acontecementos literarios e biográficos. Nese derradeiro libro reflexiona sobre a escrita, e experiencia da vida e a literatura e como se enlazan entre si. Olsen é unha vila a trescentos quilómetros de distancia da próxima poboación habitada. Nin Enma é galega nin atoparíamos no país un lugar con esas características. A escritora Olsen é americana e a vila sitúase na planície de Dakota, un espazo que existe en realidade e que a escritora recreou na súa novela. (…)
Con Raíz da fenda Berta Dávila esgotou a primeira edición en só un mes. “O que percibín nas persoas que se dirixiron a min é que se viron reflectidas en ocasións. Este acontecemento é moi emocionante para quen escribe, saber que hai persoas que se senten conmovidas por algunha parte do libro porque lles axuda a sandar as súas fendas” sinalaba a escritora arredor do éxito do poemario nunha entrevista publicada no semanario Sermos Galiza.
Defendía que o libro mudara, en certa medida, a súa maneira de afrontar a escrita. “Que trate temas importantes para min como perdas ou ausencias fixo que desbotase máscaras, trampas ou artificios que usaba para escribir. Tratei de escribir este libro quitando en lugar de poñendo, limpando o que sobraba, o que estaba de máis, esas ferramentas da que se bota man polo seu efecto e non pola súa pertinencia. Estimaba que tiña que facer un texto honesto, directo e limpo. Ese escribir non coma quen lanza unha pedra senón coma quen a lima é o intento que fixen e nese sentido supón unha grande mudanza” dicía e esa pegada apréciase, segundo comenta, tamén na nova novela que, ao ser un relato breve “esixe maior coidado co texto”.”