Desde a Fundación Rosalía (foto da Fundación):
“A Fundación Rosalía de Castro convocou esta mañá a diversas entidades culturais e educativas relacionadas co Día de Rosalía para acordaren que as celebracións deste aniversario pasen a ter lugar desde este 2022 o día 23 de febreiro e non o 24 como acontecía ata agora, logo do recente descubrimento por parte da investigadora Sagrario Abelleira que corrixiu a data de nacemento da autora.
Acudiron á convocatoria da Fundación Rosalía na Casa-Museo representantes de entidades relacionadas co Día de Rosalía, como o presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez; Xosé Lastra, presidente de Nova Escola Galega; Dores Silveira, da Asociación Socio-Pedagóxica Galega [de forma virtual] ou Olimpio Xiráldez e Erea Estévez Campos, da Asociación de Gaiteir@s Galeg@s. Tamén participaron representantes institucionais, como Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; Lorena Couso, concelleira de Cultura de Padrón; ou Mercedes Rosón, concelleira de Cultura de Santiago [de forma virtual]. Asemade, asistiu á xuntanza Sagrario Abelleira, investigadora que realizou o achado documental que demostra, entre outros feitos relevantes, que Rosalía de Castro naceu o día 23 de febreiro.
A Deputación da Coruña, cuxo deputado de Cultura, Xurxo Couto, non puido asistir por cuestións de axenda, manifestou o seu apoio á decisión tomada.
O Día de Rosalía converteuse nos últimos anos nunha das datas máis importantes do calendario cultural galego. Comezou sendo unha data celebrada e reivindicada pola AELG para logo conseguir unha presenza destacada no mundo escolar. Posteriormente chegaría a súa extensión a outros sectores máis amplos da sociedade e, ao mesmo tempo, a confirmación institucional. “
Arquivos da etiqueta: Olimpio Xiráldez
Actos conxuntos da Fundación Rosalía de Castro, a Real Academia Galega e a Asociación de Gaiteiros de Galicia, no Día de Rosalía
Desde a Fundación Rosalía de Castro:
“O presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira; o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín; o vicerreitor de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo, Xosé Henrique Costas, e o representante da Asociación de Gaiteiros Galegos, Olimpio Xiráldez, presentaron os primeiros actos dun ano dedicado a celebrar o 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos.
O primeiro día sinalado deste ano é o 24 de febreiro (Día de Rosalía e 176 aniversario do seu nacemento), cando celebraremos con varios actos o nacemento da poeta. En primeiro lugar, haberá unha Alborada para Rosalía para o que estamos a facer un chamamento a todos os gaiteiros e gaiteiras de Galicia para que nesa mañá dean unha alborada de gloria en honra á poeta padronesa en todas as vilas e cidades do país. Ao remate, lerán un manifesto. Trátase dunha iniciativa conxunta coa Asociación de Gaiteiros Galegos. Os gaiteiros que queiran participar poden anotarse na web da Fundación.
Ademais, ás 10:00 da mañá faremos unha ofrenda oral ao pé do monumento que lembra onde naceu a escritora (Praza de Vigo, Santiago de Compostela). E a continuación realizaremos un acto na Casa de Rosalía en Padrón onde personalidades culturais, sociais e políticas de toda Galicia interveñen e recitan na honra da escritora. Alí presentaranse ademais os actos conmemorativos do 150 aniversario de Cantares gallegos. E contaremos coa actuación musical de Uxía e Sérgio Tannus. (…)”