Artigo de Daniel Salgado en Sermos Galiza:
“En Se calhar não é o tempo o que importa, a poeta Eli Ríos (Londres, 1976) afonda na investigación formal que iniciara en Culpable (Xerais, 2017). O poema estala e incorpora todo tipo de materiais, os ritmos desfigúranse, hai onirismo e ataques frontais ás escravitudes da vida cotiá. É, ademais, un dos últimos títulos de Urutau, recente e activa editora galego brasileira cuxa sección na Galiza dirixe Wladimir Vaz.
O proxecto naceu en São Paulo nun período de crise xeral do país. “E nos períodos de crise é ás veces cando poden xurdir cousas novas”, relata Vaz a Sermos Galiza. Un poeta, un editor e un deseñador -o propio Vaz- foron os impulsores iniciais. Mais o traslado deste último a Ourense en 2015 mudouno todo. Descubriu a literatura galega e Urutau, cuxo nome refire un paxaro nocturno e tropical, converteuse en trinacional: Brasil, Galiza, Portugal.
“Na poesía galega chamoume a atención o mesmo que me chama a atención na portuguesa ou na brasileira”, resume, “aquilo que eu non teño, o que sinto que é diferente de min. Ao cabo, é como un movemento de antropofaxia cultural”. O eco da célebre vangarda brasileira, que chamaba a engulipar tendencias diversas e influencias externas para elaborar discurso propio, serve a Vaz como ferramenta de asimilación do novo.
“É un modo de ollar o mar, un modo de ollar a terra”, esténdese ao respecto, “por exemplo, a figura da avoa está moi presente na poesía galega”. Que, ademais, o abraia coas “moi diferentes estéticas” activas na actualidade. Sen saír da Urutau, o clasicismo rilkeano de Marcus Daniel Cabada (Pontevedra, 1995) en Metafísica da ausencia (2019) e o aire confesional de Silvia Penas (Vigo, 1980) en Fronteira Paraíso (2019) comparten catálogo.
“Existen múltiples voces nun territorio tan pequeno…, resulta incríbel”, engade, antes de anunciar entre as vindeiras publicacións un libro de sonetos elexíacos do coruñés Óscar García e o terceiro volume da contundente triloxía política da portuguesa Judite Canha Fernandes. Os dous primeiros tituláronse a fúria da loiça da china (2018) e o mais difícil do capitalismo é encontrar o sítio onde pôr as bombas (2017). Urutau leva colocado nas librarías case 200 libros. Entre os galegos, obra de Arancha Nogueira, Rebeca Baceiredo, Moncho Iglesias, Patricia Meira, Gaspar Domínguez, Noa Moreira.
Con Vaz traballa agora desde o Brasil un dos fundadores, Tiago Fabris. Os volumes publicados na Galiza chegan a Portugal e comezan a facelo á outra beira do Atlántico. “Aínda estamos pensando como distribuír poesía galega no Brasil, onde teño a sensación de que a poesía galega non é moi coñecida. Queremos preparar unha colectánea antolóxica do que publicamos en Urutau entre 2018 e 2019”, avanza, “e expoñer como de vasta é a literatura galega, da lírica medieval ao debate feminista contemporáneo”.”
Arquivos da etiqueta: Óscar García
Cambre: entrega de premios do Concurso Adopta un animal de conto
Serra de Outes: curso de verán Bicentenario de Francisco Añón, do 19 ao 22 de xullo
* Xoves 19 de xullo:
– 19:00 h. Inauguración da exposición sobre Francisco Añón. Na Casa da Cultura de A Serra. Con Xoán X. Mariño, comisario do Ano de Añón e Carlos L. Crespo, alcalde de Outes.
– 19:30 h. Presentación da páxina web adicada a Añón con Xoán X. Mariño, presidente da ACC Terra de Outes e Domingos Campos, membro do consello de redacción.
– 20:00 h. Conferencia: Bicentenario de Añón, ocasión para reivindicar ao poeta. Por Henrique Monteagudo.
* Venres 20 de xullo:
– 10:00 h. Travesía marítima pola ría Muros-Noia. A bordo do balandro Joaquín Vieta (ver nota abaixo).
– 16:30 h. Conferencia: A ría do Poeta Añón. Por Manuel G. Sendón.
– 17:30 h. Conferencia: Clasicismo e romanticismo na obra de Añón, por Ramón Blanco.
– 19:00 h. Presentación do documental Francisco Añón. O poeta na súa terra. Por Óscar García e Juan Silva, autores do mesmo.
– 19:30 h. Interpretación de O himno a Galicia, polo grupo coral da AV Sueiro.
* Sábado 21 de xullo:
– 11:00 h. Roteiro literario Polas terras de Añón, coa guía de Santi Nieto.
– 16:30 h. Conferencia: A literatura galega na época de Añón, por Xabier Castro.
– 17:30 h. Conferencia: O levantamento de 1846 e o nacemento de Galeguismo, por Manuel do Río.
– 19:00 h. Performance poética de Serafín Fernández.
* Domingo 22 de xullo:
– 12:00 h. Conto-conferencia O mundo poético de F. Añón, con Quico Cadaval.
– 13:00 h. Ofrenda floral diante do monumento de Añón. Con Xoán X. Mariño, comisario do Ano de Añón e Carlos L. Crespo, alcalde de Outes.
– 13:30 h. Clausura coa actuación do grupo de gaitas do Concello de Outes.
Matrícula: Gratuíta e por orde de inscrición na Casa da Cultura de Outes. Avenida de San Campio, s/n. Tfno. e Fax: 981-850950 E-mail: terradeoutes@gmail.com.
Coordinador: Xoán X. Mariño. Tfno. 634416574.
Nota: Esta travesía marítima é opcional. Os participantes no curso que desexen asistir a ela deben abonar 6 euros e posto que a capacidade máxima do buque é de 20 persoas, estas prazas serán ocupadas por orde de inscrición.