O mércores 25 de abril, ás 20:00 horas, no Salón de Actos da Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11), terá lugar o acto de clausura dos V Encontros Cidade da Coruña, baixo o título As artes e a literatura, organizados pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, en colaboración coa Concellaría de Cultura do Concello da Coruña, cunha mesa redonda sobre A Literatura e a Música, onde participan Paulino Pereiro e Margarita Viso Soto, presentados por Mercedes Queixas.
Arquivos da etiqueta: Paulino Pereiro
V Encontros Cidade da Coruña: As artes e a literatura
Chegan os V Encontros Cidade da Coruña, baixo o título As artes e a literatura, que se desenvolverán no Salón de Actos da Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11) os mércores 11, 18 e 25 de abril, ás 20:00 horas, organizados pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
No desenvolvemento creativo de toda cultura sempre estiveron presentes as máis diversas formas de colaboración entre a artes e a literatura.
É intención desde a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) facer unha aproximación a esta relación que, da man da literatura galega, as artes plásticas o cinema, a música, tiveron e teñen na cultura galega dentro dun mesmo contexto sociocultural como resposta a unha mesma realidade nun mesmo período temporal.
Ao longo de tres mesas redondas, compartidas por escritores, cineastas, deseñadores e compositores, falaremos da súa relación, das formas de comunicación ou de influencia entre elas e dos froitos que finalmente resultan destas formas de colaboración ou de tan só ter compartido un mesmo tempo histórico.
O programa é o seguinte:
– 11 de abril. Mesa inaugural: A arte e a literatura. Con Miguelanxo Prado e Xavier Seoane.
– 18 de abril. A literatura e o cinema. Con Carlos Amil e Margarita Ledo.
– 25 de abril. A literatura e a música. Con Paulino Pereiro e Margarita Viso Soto.