A Coruña: XX Memorial de Teatro Ibán Toxeiro

cartaz_iban_2016A Asociación Cultural Alexandre Bóveda, ao chegar o seu Memorial Ibán Toxeiro á súa XX edición, pretende celebralo dun xeito diferente, aínda que complementario a anteriores ocasións. Sempre, o noso Memorial quixo unir a actrices e actores amadores e profesionais nun mesmo escenario, nunha clara homenaxe a un actor que formou parte activa de ambos mundos. Mais esta vez, é a pretensión dos directores da gala, Xoán Carlos Mejuto e Lino Braxe, realizar unha fusión do oficio actoral, tanto amador como profesional, non presentando obras en compartimentos estanco diferenciados, senón abordando a estrea da obra de Álvaro Cunqueiro Romeo e Xulieta, famosos namorados, peza na que participarán actores e actrices profesionais e amadores sen distinción. O grupo de teatro da ACAB, Teatro Valacar e a coral Breogán da ONCE, xunto con actores como Xosé Bonome, Manuela Varela, Pedro Picos, Sabela Hermida, Xosé Vilarelle e outros profesionais da escena, serán os encargados de levar adiante este desafío. Asemade, Teatro Proscrito realizará un fragmento do Edipo de Manuel María.

A Coruña: estrea de Romano, obra de Lino Braxe, representada por Espello Cóncavo, o venres 17 e sábado 18

O venres 17 e o sábado 18 de xaneiro, ás 20:30 horas, no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, a Compañía de teatro Espello Cóncavo estrea a obra Romano, escrita por Lino Braxe. Interveñen os actores Miguel Pernas, Xosé Vilarelle e Manuela Varela, contando nesta estrea coa colaboración de Antonio Simón, Laura Sarasola, Sabela Amado e Felipe Cotelo. A música en directo corre a cargo da trompista Alma Sarasola e a mezzosoprano Rita Gasalla.