“A escritora Iolanda Zúñiga impartirá o luns 26 de novembro unha conferencia no Instituto Cervantes de São Paulo, Brasil, sobre a súa novela Periferia. A actividade, promovida polo Consello da Cultura Galega, devolve a escritora ao escenario do que partiu a novela, que foi gañadora do Premio Xerais en 2010. Periferia foi considerada pola crítica unha das novelas máis innovadoras da literatura galega dos últimos tempos. (…)”. Desde Xerais.
Arquivos da etiqueta: Periferia
Coñécense os gañadores dos Premios da Crítica Galicia 2011
No Hotel Os Escudos de Vigo deuse a coñecer no serán do sábado 22 de outubro o ditame da trixésimo cuarta edición dos Premios da Crítica Galicia na súas modalidades de Creación Literaria, Investigación, Música, Iniciativas Culturais, Artes Plásticas e Visuais e Artes Escénicas e Audiovisuais. Baixo o lema Eis o canto eterno dunha terra, recollido dun verso de Lois Pereiro, xuntáronse catrocentas persoas representativas dos diversos ámbitos da política, da sociedade e da actividade cultural do país, entre as que se atopaban Abel Caballero, alcalde de Vigo; Roberto Varela, conselleiro de Cultura e Turismo; Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega; Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da Real Academia Galega; Anxo Lorenzo Suárez, secretario xeral de Política Lingüística; Francisco López Rodríguez, director xeral do Libro, Arquivo e Bibliotecas; Lucía Molares, delegada da Xunta en Vigo; Xosé Manuel Figueroa, vicepresidente da Deputación de Pontevedra; Delfín Fernández, subdelegado do Goberno en Pontevedra; Pachi Vázquez, secretario xeral do PSdeG-PSOE; Carmela Silva, concelleira de Urbanismo do concello de Vigo; Santiago Domínguez Olveira, voceiro do BNG no concello de Vigo; Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG; Luís González Tosar, presidente do PEN Club e Francisco Castro, presidente de GALIX, entre outros. Bieito Ledo, presidente da Fundación Premios da Crítica Galicia, abriu o acto, conducido por Comba Campoy, saudando aos asistentes e lembrando que ao longo de máis de tres décadas os Premios da Crítica Galicia baseáronse no galeguismo integrador, “que nós os da Fundación recentemente anovada, renovada e ampliada concibimos como FORTITER IN RE SUABITER IN MODO, man forte con luva de seda, sen confundir a luva coa man, que seguiremos ofrecendo por Galicia, sempre”.
Estremas, de Ana Romaní, Premio de Creación Literaria. O xurado da modalidade de Creación Literaria, formado por Suso de Toro, Manuel Forcadela, Isabel Soto López, María Xesús Nogueira, Carme Fernández Pérez-Sanjulián, Eulalia Agrelo Costas e María López Sández, que actuou como secretaría, acordou outorgar o premio a Estremas, o poemario de Ana Romaní, publicado pola editorial Galaxia. Así mesmo, fai constar unha mención como finalistas a O pintor do sombreiro de malvas, de Marcos Calveiro e Periferia de Iolanda Zúñiga.
Jorge Mira, Premio de Investigación. O xurado da modalidade de Investigación, formado por María Xosé Agra Romero, Senén Barro Amenedo Miguel Barros Puente, Domingo Docampo Amoedo, Uxío Labarta Fernández, Isabel Mociño e Blanca-Ana Roig Rechou, que actuou como secretaria, acordou outorgar por maioría a Jorge Mira por liderar un traballo titulado A importancia da similitude interlingüística e o bilingüismo equilibrado cando dúas linguas compiten, realizado cos seus colegas Luís Seoane e Juan Nieto, publicado en inglés nunha das revistas máis prestixiosas, e seleccionado polo ArXiv Physics Blog que acolle diariamente a mellor idea de entre todos os traballos publicados no Physics Arxiv un dos principais colectores de artigos científicos do mundo.
Son de Seu, Premio de Música. O xurado da modalidade de Música, formado por Joám Trilho, Victor Carou, Ramón Castromil, Uxía Senlle, Xurxo Souto Eiroa, Berta Fresco e Antón Pulido, que actuou como secretario, acordou por unanimidade outorgar o premio á orquestra folk Son de Seu, como un proxecto pioneiro e singular que a partir da música tradicional e popular galega creou un novo modelo de interpretación en formato orquestral que xa se converteu nun referente inspirador noutros países europeos.
Proxecto Terra, Premio de Iniciativas Culturais. O xurado da modalidade de Iniciativas Culturais, formado por Natalia Balseiro, Chelo Loureiro Vilarello, Manuel Gago, Manuel P. Rúa, Alfonso Blanco Torrado, Daniel Salgado e Marcos Lorenzo, que actuou como secretario, outorgar o premio ao Proxecto Terra iniciativa impulsada polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, apoiada pola Xunta de Galicia, polo seu labor exemplar na formación das xeracións máis novas de galegos e galegas en aspectos tan sensibles para o noso país como a cultura territorial, urbanística e arquitectónica, e polo impulso dunha reflexión crítica sobre o estado dos nosos recursos patrimoniais e paisaxísticos.
Ángela de la Cruz, Premio de Artes Plásticas e Visuais. O xurado da modalidade de Artes Plásticas e Visuais, formado por Enrique Acuña, Antón Castro, Mercedes Rozas, Manuel Vilariño, Alfonso Penela, Jaime Asensi e Antón Sobral, que actuou como secretario, acordou outorgar o premio a Ángela de la Cruz pola súa actitude renovadora e de risco na súa linguaxe deconstrutiva coa que rompe os límites, tal como puxo de manifesto cos seus traballos e propostas de 2010.
Citizen, de Chévere, Premio de Artes Escénicas e Audiovisuais. O xurado da modalidade de Artes Escénicas e Audiovisuais, formado Manolo González, Euloxio Ruibal, Nerea de Valenzuela, Cristina Domínguez Dapena, Camilo Franco, Miguel Castelo e Comba Campoy García, que actuou como secretaria, outorgar o premio por maioría outorgar o premio ao espectáculo Citizen da compañía de Teatro Chévere pola orixinalidade da súa linguaxe dramatúrxica e da posta en escena, xurdidas dun proceso creativo pouco convencional que emprega como materia prima a historia de Galicia das útimas décadas. O resultado é un espectáculo potente que acada unha forte conexión co público ratificada ao longo das súas numerosas representacións na recentemente desaparecida Sala Nasa. O xurado quere tamén chamar a atencíón sobre a dificutade de escoller entre obras de dúas linguaxes moi distintas como son a escénica e a audiovisual que teñen ademais mecanismos de produción, creación e distribución completamente diferentes. Esta dificultade foi aínda maior nun ano especialmente vizoso no número e calidade de producións.
Vigo, 22 de outubro de 2011
Reseñado nos seguintes medios: Cultura Galega, AGE, Fervenzas Literarias, La Voz de Galicia, La Opinión, Atlántico Diario, Galicia Hoxe, El Correo Gallego, El País, ABC, Certo, Galicia Confidencial e Que pasa na Costa, Galaxia, Baía Edicións, e nos blogs Brétemas (Manuel Bragado) e Ferradura en tránsito (Xosé Manuel Eyré).
Pontevedra: presentación de Periferia, de Iolanda Zúñiga, e apertura de blog sobre a obra
O xoves 28 de outubro, ás 20:00 h., na sede da Fundación Caixa Galicia (no Edificio Café Moderno) de Pontevedra, preséntase Periferia, de Iolanda Zúñiga, a novela gañadora do Premio Xerais 2010. No acto acompañarán á autora Antón Sobral e Manuel Bragado. En relación con esta obra, a autora ven de abrir un blog, Planeta Periferia, onde vai incorporando anotacións e comentarios sobre a súa propia novela e o proceso de creación, así como da banda sonora que acompaña ao texto.