A Coruña: Ciclo Poetas di(n)versos, recital de Xavier Seoane e Rosa Alice Branco

O luns 17 de xaneiro, a partir das 20:30 h., na Casa da Cultura Salvador de Madariaga (Rúa Durán Loriga, 10, baixo) da Coruña, e con entrada libre até completar capacidade, prosegue o ciclo Poetas Di(n)versos, dirixido por Yolanda Castaño, e organizado pola Concellaría de Cultura da Coruña, iniciativa que ten como obxectivo centrarse en achegar a poesía ao público en xeral amosando outra forma de disfrutar a poesía dun xeito case escénico, constituindo o único ciclo estable de lecturas poéticas públicas contando con autores/as de dentro e fóra de Galicia, unha oportunidade única de degustar a poesía producida hoxe en castelán, catalán, éuscaro ou portugués na voz dos propios creadores/as. Os protagonistas do recital deste día son:
Xavier Seoane (A Coruña, 1954). Dende 1975 ven desenvolvendo a súa actividade nos terreos da creación literaria, da arte e na animación cultural. Así, organiza conferencias e debates, coordina premios ou participa en cursos literarios. Impulsor de innúmeros proxectos de dinamización cultural no noso país, ten comisariado dende exposicións ata libros colectivos, e desenvolveu tanto proxectos videográficos ou mostras de poesía visual como colaboracións escritas en multitude de publicacións periódicas, catálogos de arte, obras colectivas e antoloxías dentro e fóra de Galicia. Poeta con obra traducida a varios idiomas e tamén conferenciante, ten publicado igualmente libros de aforismos, de ensaio, compilacións de textos, novelas, estudos sobre multitude de artistas galegos, reflexións teórico-críticas sobre arte ou escrita, ou obras dirixidas a público infanto-xuvenil.
Rosa Alice Branco (Aveiro, 1950). Doutora en Filosofía Contemporánea -nas áreas de Filosofía e Psicoloxía da Percepción- pola Universidade Nova de Lisboa. Actualmente ensina Teoría da Percepción na Escola Superior de Artes e Design do Porto (en Matosinhos), mentres dirixe a revista “logovemos” (on line) e fai parte da Unidade de investigación en Design, Media e Cultura (ID+). Ademais diso, ten xestionado publicacións, coloquios e Encontros Internacionais de Poesía. Autora tamén de libros de ensaio, artigos en revistas especializadas e textos traducidos a outras linguas, Rosa Alice Branco participou en encontros e festivais de poesía de todo o mundo e ten libros de poemas publicados no Brasil, Suíza, Luxemburgo, Canadá, Tunicia, Venezuela ou Córcega.

Pódese descargar máis información neste ficheiro en .pdf: Programa Ciclo DinVersos xaneiro 2011.

A Coruña: recital de Olga Novo e Andrés Neuman no Ciclo Poetas di(n)versos

O luns 20 de decembro, a partir das 20:30 h., na Casa da Cultura Salvador de Madariaga (Rúa Durán Loriga, 10, baixo) da Coruña, retoma a súa actividade o ciclo Poetas Di(n)versos, dirixido por Yolanda Castaño, cun recital de Andrés Neuman, poeta arxentino-granadino, tamén autor de contos e microensaios, xa foi sinalado como un dos nomes clave da literatura do s. XXI por mestres como Bolaño, e Olga Novo, autora de culto das últimas xeracións galegas e unha das poéticas máis desacougantes do panorama contemporáneo, o seu traballo como profesora na Universidade da Bretaña Sur fainos escasas as ocasións de escoitar a forza vivencial e o erotismo. Máis información neste arquivo: Programa Ciclo DinVersos Decembro 2010.

A Coruña: recitais do ciclo Poetas di(n)versos

O CartonPostalPoetas_novembro_10-1ciclo Poetas Di(n)versos, dirixido por Yolanda Castaño, do último trimestre do ano comezará o vindeiro luns 20 de decembro coa participación de Andrés Neuman e Olga Novo, retomando as actividades coas que arrancara o ano pasado, e que contaron cun gran éxito de público. O obxectivo desta iniciativa céntrase en achegar a poesía ao público en xeral amosando outra forma de disfrutar a poesía dun xeito case escénico a través do que se busca animar a todo o mundo a achegarse a ela. O recital previsto para o domingo 14 de novembro con Gioconda Belli e Claudio Rodríguez Fer cancélase tras comunicar a poeta nicaraguana a anulación da súa visita á Coruña por motivos persoais.

As datas e autores previstos son:
20 de decembro:
Andrés Neuman. O último Premio Alfaguara de Novela foi e será sempre, ademais, un lúcido poeta que se prodiga en múltiples formas dende o haiku ata o aforismo. Este arxentino-granadino, tamén autor de contos e microensaios, xa foi sinalado como un dos nomes clave da literatura do s. XXI por mestres como Bolaño.
Olga Novo. Autora de culto das últimas xeracións galegas e unha das poéticas máis desacougantes do panorama contemporáneo, o seu traballo como profesora na Universidade da Bretaña Sur fainos escasas as ocasións de escoitar a forza vivencial e o erotismo.

17 de xaneiro:
Rosa Alice Branco. Unha das poetas portuguesas máis importantes de hoxe, a súa obra ten participado en multitude de antoloxías e festivais poéticos de todo o mundo. Profesora de Estética e Teoría da percepción, a súa radical sensibilidade ponse de manifesto nos seus 8 poemarios entre os que consta o Premio Espiral Maior do pasado ano.
Xavier Seoane. Nado e residente na nosa cidade, o dono dunha das poéticas máis rigorosas e fondas da Xeración dos 80 é tamén un fino e sagaz crítico literario e de arte. Profesor de Lingua e Literatura, ten tamén unha traxectoria como fndamentado xestor e dinamizador cultural.

O dia 20 María Lado e Kirmen Uribe no Poetas Di(n)versos da Coruña

PDinVersos_6_kuribeUn paso máis do ciclo de recitais poéticos dirixido pola poeta Yolanda Castaño e organizado pola Concellaría de Cultura do Concello da Coruña coa participación o dia 20 de abril dos escritores Kirmen Uribe e María Lado. O acto comezará ás 20:30 na Casa da Cultura Salvador de Madariaga (rúa Durán Loriga, 10).
Kirmen Uribe “naceu nunha familia vencellada á pesca. Licenciouse en Filoloxía Vasca en Vitoria e cursou estudos de postgrao de Literatura Comparada en Trento (Italia). O seu primeiro premio literario importante recoglleuno en 1995 cando estaba a cumprir condena por ser insumiso e negarse a ir ao servizo militar obrigatorio. O 14 de outubro de 2009 concédenlle o Premio Nacional de Narrativa 2009 pola súa obra Bilbao-New York-Bilbao.” (Wikipedia)
PDinVersos_6_mlado«A maría lado parírona alá por 1979 nun coche da velvet underground nalgún lugar da nada que une a nada do cee que figura oficialmente como lugar de nacemento e santiago de compostela, a gran nada no centro da nada.
Pero ela non podía con ese baldeiro e medrou enchéndoo de pegadas. ten publicados tres libros con textos deses que non chegan ao final da liña: a primeira visión (letras de cal, 1997), casa atlántica casa cabaret (xerais, 2002) e berlín (concello de santiago-El correo gallego-aelg, 2005). […]» (AELG)

A Coruña: José Luís Peixoto e Miguel Anxo Fernán-Vello no ciclo Poetas di(n)versos

peixotomiguelanxo

Continúa o ciclo de recitais poéticos dirixido pola poeta Yolanda Castaño e organizado pola Concellaría de Cultura do Concello da Coruña coa participación mañá martes 23 de febreiro dos escritores José Luís Peixoto e Miguel Anxo Fernán Vello. O acto comezará ás 20:30 na Casa da Cultura Salvador de Madariaga (rúa Durán Loriga, 10).

José Luís Peixoto é unha das principais revelacións literarias da última década en Portugal, cunha proxección extraordinaria que o levou a ser traducido xa a vinte idiomas e a acadar un gran recoñecemento tanto no seu propio país coma no estranxeiro. Literariamente polifacético e ambicioso, Peixoto é todo un ídolo das letras portuguesas actuais que chegou a vender quince mil exemplares dun dos seus poemarios.

Miguel Anxo Fernán Vello non precisa presentación no noso país. Dende os oitenta até a actualidade a obra poética de quen tamén é o meirande editor de poesía en galego foise convertendo nunha das máis sólidas e prolíficas do noso panorama. Finalista do Nacional e gañador do Premio da Crítica Española en varias ocasións, Miguel Anxo é un dos autores galegos máis respectados fóra de Galicia.

Descargar dossier en PDF (311 KB)

Apúntate ao recital no evento en Facebook.

A Coruña: Luz Pozo e Luís García Montero no ciclo Poetas di(n)versos

LuzMontero

O ciclo de recitais poéticos dirixido pola poeta Yolanda Castaño e organizado pola Concellaría de Cultura do Concello da Coruña chega este próximo martes 15 á segunda das súas citas mensuais. Se as lecturas sempre reúnen a un/ha poeta galego/a xunta outro/a de fóra de Galicia, nesta ocasión será a grande dama da poesía galega, Luz Pozo Garza, quen faga parella con Luis García Montero, un dos nomes máis recoñecidos e recoñecibles da poesía española actual.

Ao remate dos actos, os autores poden asinar os seus libros para todos aqueles lectores que llo soliciten, quen tamén poden adquirir alí mesmo os títulos que lles falten. Antes, entre as 18h e as 19h de cada unha das xornadas do ciclo, no hall do Hotel NH Atlántico habilitarase un espazo e un tempo que os poetas convidados podan dedicar á prensa interesada.

Descargar folleto informativo en PDF