“Chegou a “novísima” poesía galega?”, por Montse Dopico

Artigo de Montse Dopico en Praza:
“”Chegan os Neos”. Baixo este suxestivo titular, o xornalista e escritor Antón Lopo propoñía, nunha reportaxe publicada cara finais do ano 2015 no suplemento Faro da Cultura do Faro de Vigo, unha escolma posible de voces dos “novos creadores poéticos” galegos. Non moito tempo despois, a revista Luzes recollía nas páxinas de República unha análise máis demorada do mesmo autor sobre este tema, acompañada dunha pequena antoloxía que xuntaba versos de Xabier Xil Xardón, Oriana Méndez, Berta Dávila, Gonzalo Hermo, Xesús Castro, Ismael Ramos, Lara Dopazo, Fran Cortegoso e Alicia Fernández.
Aquel intento de identificar algunhas tendencias de fondo na maré da creación poética última deu lugar a diversos debates, mais serviu tamén como substrato do volume 13. Antoloxía da poesía galega próxima, coordinado pola profesora María Xesús Nogueira e publicado por Chan da Pólvora, o proxecto editorial ligado á libraría compostelá homónima do que Antón Lopo é cofundador. A selección de nomes desta antoloxía revela, por outra banda, algunhas coincidencias coa outra obra semellante, No seu despregar, que tirou do prelo no 2016 a editora Apiario.
No limiar de No seu despregar, as creadoras de Apiario, Dores Tembrás e Antía Otero, dan conta da dificultade para consensuar unha definición do “novo” na literatura. “A que nos referimos con esta cualidade?”, apuntan. “Trátase dunha condición temporal, cronolóxica? Son *s poetas *s nov*s ou os textos? Que proclama esa novidade? Existe? Podemos nomeala?”, reflexionan. En 13. Antoloxía da poesía galega próxima, María Xesús Nogueira admite que “a xuventude poética foi un elemento mitificado na literatura” e subliña, ademais, as “tensións e polémicas” que, de xeito cíclico, desata a “novidade” ou, polo menos, as tentativas de visibilizala como potencial de contestación dos paradigmas que a precederon.
No caso da literatura galega, -engade Nogueira-, a cuestión das “novas voces poéticas” mesturouse co debate sobre o axeitado da periodización das últimas promocións poéticas en base a criterios xeracionais e biolóxicos. Deste xeito, propostas como “empregar o problemático termo xeración no sentido sociolóxico-cultural formulado por Karl Mannheim”, -formulada polo profesor Arturo Casas-, ou identificar “a tensión entre unha tendencia apolínea a unha dionisíaca”, -achegada pola crítica Iris Cochón-, non puideron vencer, segundo Nogueira, “unhas inercias cronolóxicas que tampouco semellaron atopar, aínda a estas alturas, ferramentas para cartografar a poesía que seguiu á dos noventa”. (…)”

O vello e o minotauro, de Xesús Castro Yáñez, gaña o primeiro premio de relato breve Nélida Piñón

Desde Pontevedra Viva, Diario Cultural da Radio Galega e Criticalia, de Armando Requeixo:
“Xesús Castro Yáñez converteuse no gañador da primeira edición do Certame de Relato Breve Nélida Piñón, organizado grazas á colaboración conxunta entre Concello de Cotobade, Consellería de Cultura e Educación e Deputación de Pontevedra.
A súa obra, O vello e o Minotauro, conquistou ao xurado composto por Fina Casalderrey, Carmen Villarino e Armando Requeixo, cuxo fallo de mediados de marzo se deu a coñecer este martes nunha rolda de prensa.
En total presentáronse 180 orixinais e, tras unha longa deliberación, o xurado decidiu outorgar o galardón a Castro Yáñez, se ben tamén recomendou publicar outros dous relatos. O vello e o Minotauro é a reescrita do mito clásico que vencella a Teseo, a voz protagonista, con Ariadna e o Minotauro. A atmosfera que recrea o relato vese impregnada dun forte simbolismo e un tecido conceptual e alegórico que consegue deseñar unha arquitectura na que predomina a harmonía, a contención e a dosificación na intriga. (…)”

Cuestionario Proust: Celia Parra

DesdeCelia Parra o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Celia Parra:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– A creatividade e a ilusión.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A bondade, a intelixencia e o entusiasmo.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que camiñemos xuntas.
4.– A súa principal eiva?
– A inseguridade e a indecisión.
5.– A súa ocupación favorita?
– O cine.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Vivir traballando no que me apaixona, rodeada das persoas ás que quero.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Non sabería dicir.
8.– Que lle gustaría ser?
– De nena quería ser inventora. Así, en xeral.
9.– En que país desexaría vivir?
– En Galicia, se a nosa lingua e cultura estiveran onde teñen que estar.
10.– A súa cor favorita?
– O violeta.
11.– A flor que máis lle gusta?
– Todas as que desprenden olor.
12.– O paxaro que prefire?
– Paporrubio.
13.– A súa devoción na prosa?
– Cortázar, Kundera, Suso de Toro.
14.– E na poesía?
– Moitas: Rosalía de Castro, Manuel Antonio, Pilar Pallarés, Yolanda Castaño, Estíbaliz Espinosa, Antía Otero, Berta Dávila, María Lado, Andrea Porto, Andrea Nunes, Olalla Cociña, Xesús Castro, Cristina Ferreiro, Cristina Peri Rossi…
15.– Un libro?
– Só un?, imposible.
16.– Un heroe de ficción?
– O inspector Gagdet.
17.– Unha heroína?
– Momo, a fantástica nena creada por Michael Ende.
18.– A súa música favorita?
– De novo, moitas: podo pasar de Chopin a Guadi Galego, estancarme no jazz, empezar con Sés e rematar en Kusturica, estar moi de Ataque Escampe ou moi de bossanova. Depende do momento e do ánimo.
19.– Na pintura?
– Klimt, Hopper.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Todas as mulleres que loitan polos nosos dereitos.
21.– O seu nome favorito?
– Mariña.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A envexa.
23.– O que máis odia?
– A prepotencia e o machismo.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Franco. Entre outros moitos.
25.– Un feito militar que admire?
– A Revolución dos Caraveis.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– A ubicuidade.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Sen dor.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– A tranquilidade, a efervescencia e o estrés. E así sucesivamente.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os que nacen da inocencia.
30.– Un lema na súa vida?
– Pasiño a pasiño faise o camiño.”