Ignacio Vidal Portabales gaña o XXVI Premio Manuel Lueiro Rey coa obra Lara e Sabela

Desde o Concello do Grove:
“O xurado nomeado polo Concello do Grove xuntouse na tarde do martes 18 de decembro para ditaminar a obra gañadora da XXVI edición do Premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta.
Despois de deliberar, o xurado, composto por Armando Requeixo, Mario Requeira, Ánxela Gracián, Henrique Dacostagañador da pasada edición– e Manuel Bragado -en representación da Edicións Xerais de Galicia-, decidiu declarar gañadora da presente edición a obra titulada Lara e Sabela, presentada baixo o lema “Aloia”.
Logo de se abrir a plica da obra premiada, o seu autor resultou ser Ignacio Vidal Portabales, doutor en Dereito, profesor de dereito mercantil na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela e escritor.
Esta vixésimo sexta edición foi a que maior participación acadou ata o momento, cun total de vinte orixinais presentados; alén diso, o xurado quixo destacar o considerable incremento na calidade das obras participantes.
O Premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta é un certame literario convocado polo Concello do Grove desde 1992 co obxecto de promover a vida e a obra do escritor e xornalista que lle dá nome, veciño desta vila desde a súa máis tenra infancia, axudando asemade á promoción da literatura galega e dos seus autores.”

Henrique Dacosta gaña o XXV Premio de novela curta Manuel Lueiro Rey

Desde o Diario de Arousa:
“O ferrolán Henrique Dacosta López gaño a XXV edición do prestixioso premio Manuel Lueiro Rey, que convoca o Concello do Grove. Baixo o título Illas a Sotavento e o lema “A mare usque ad mare” (de mar a mar), Dacosta presentouse ao certame, decidindo o xurado proclamar como gañadora esta obra. (…)
A deliberación tivo lugar o 9 de decembro. O xurado estivo composto por Manuel Bragado, Armando Requeixo, Ánxela Gracián, Mario Regueira e o gañador da edición anterior, Diego Alfonsín. A decisión tomouse por maioría do xurado. (…)”

Diego Alfonsín, Premio Lueiro Rey de Novela Curta con Non o saben as estrelas

Desde Xerais:
“O escritor Diego Alfonsín Rivero (Tui, 1980) resultou vencedor este luns do Premio Lueiro Rey de Novela Curta que concede o Concello do Grove coa novela Non o saben as estrelas, unha obra que, a xuízo do xurado, destaca pola súa «orixinalidade do seu traballo, polo seu carácter innovador e a súa capacidade para envolver o lector na historia que narra, así como pola redacción e a súa trama». O galardón, dotado con tres mil euros, recoñece a primeira obra literaria en galego de Diego Alfonsín, profesor de Lingua e Literatura española no IES Guadarrama, en Madrid, que xa recibira o Premio de Novela Miguel de Unamuno 2015 pola súa obra Lenta demolición. O xurado do Premio Lueiro Rey de Novela estaba conformado por Manuel Quintáns Suárez como presidente, Ánxela Gracián, Mario Regueira, Lionel Rexes, Manuel Bragado e Armando Requeixo.
A novela gañadora, Non o saben as estrelas, de Diego Alfonsín, será publicada por Xerais na colección Narrativa en 2018.”

O lucense Lionel Rexes faise co último Lueiro Rey de novela

Desde Fervenzas Literarias:
“O lucense Lionel Rexes é o novo gañador do Premio de Novela Curta Manuel Lueiro Rey, que organiza o concello do Grove e que nesta edición chega ao número vinte e tres.
A raíña das velutinas, título da obra gañadora, é unha historia ambientada en Mondoñedo. O xurado valorou o seu brillante labor de documentación e a grande amenidade das historias que entrecruza na trama principal.
O xurado do certame estivo composto por Ánxela Gracián, Antonio Piñeiro, Manuel Quintáns, Mario Regueira e Armando Requeixo, baixo a coordinación da técnica de Cultura Marina Aguín e a concelleira de Cultura e Turismo Emma Torres. (…)”

O ribeirense Antonio Piñeiro Fernández gaña o Premio Lueiro Rey 2015

Desdecartel_e_bases_lueiro_2015_Páxina_1 Todogrove:
“Nado en Ribeira, Manuel Antonio Piñeiro Fernández, é profesor, editor e escritor. A súa obra O Noiro foi a gañadora do XXII Premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta, organizado polo Concello do Grove.
O xurado, reunido na tarde do sábado 24 de outubro no Concello, formado por Manuel Quintás, Francisco Martínez Bouzas, Armando Requeixo e Ánxela Gracián, todos eles especialistas en literatura que estiveron acompañados polo gañador do pasado ano, Antonio Pichel Beleiro, encargouse de valorar os quince traballos presentados e escoller o gañador do ano 2015.
O premio de novela curta Manuel Lueiro Rey é convocado polo Concello do Grove dende o ano 1992. A súa finalidade última e promover e recoñecer a vida e a obra do escritor e xornalista Manuel Lueiro Rey e permite “manter ao Grove na vangarda literaria galega”. O galardón está dotado con 3.000 euros e a obra gañadora é publicada por Sotelo Blanco Edicións.”