Manuel Portas: “O amor segue a ser o nó central do que escribo”

EntrevistaManuel Portas a Manuel Portas en Galaxia:
“Onte ao mediodía coñecíase a identidade do gañador do Premio Manuel García Barros que auspicia o Concello da Estrada e que publica a Editorial Galaxia. Manuel Portas, coa súa novela titulada Lourenço Xograr facíase merecente do premio deste ano. Polo outono, a súa obra será publicada na nosa editorial na colección Literaria.
Co gallo do galardón mantivemos unha apresurada (había dez minutos que recibira a chamada do xurado) conversa con el sobre algúns detalles do premio e da novela.
– Galaxia (G): Empezamos con un tópico: que sentiches cando te chamaron do xurado para comunicarche que gañaras o premio?
– Manuel Portas (MP): Ao principio, certo mosqueo, para que negalo, porque vou con certa frecuencia á Estrada e pensei que a chamada era para me comunicar unha multa desas que che poñen co radar. Despois, cando falei co Concelleiro de Cultura –por principio, encargado dunha parcela diferente a das sancións de tráfico– e con Carlos Lema e aínda tamén con Xoán Blanco Valdés, o mosqueo tornouse en ledicia. Que vou dicir, que é un pracer un premio coma este, que vén da man dun xurado tan cualificado como o que valorou nesta edición o García Barros.
– G: Estamos diante dunha novela histórica. Adoita decirse que as novelas deste xénero sirven, tamén, para explicar o noso presente. É o caso da túa?
– MP: Da historia sempre se aprende, obviamente. Mediado o século XIII, no momento álxido da nosa lírica medieval, hai momentos, encrucilladas, que marcaron o noso futuro como país, como nación. A crise política en Portugal, o posicionamento e a deriva da nobreza galega, submisa co poder monárquico, cedendo independencia en favor das coroas orientais, León primeiro, Castela despois, a guerra contra os mouros e a crise económica conseguinte, o poder sinuoso de Roma, as aspiracións de Afonso X ao Sacro Imperio Romano… Todo acabou marcando a deriva do noso país.
Mais por riba de todo, tentei fotografar ao fondo o mundo da escrita, o dos ambientes cortesáns en que se compuña esa literatura, onde política e estética, onde estratos sociais e valor artístico se mesturaban. Aí é onde se engrandece a figura dun simple xograr, Lourenço, que aspirou toda a vida a ser recoñecido como trobador, enfrontándose ao clasismo que lle impedía brillar pola súa valía artística. A primeira vez que souben de Lourenço foi na miña etapa de estudante. Sempre me fascinou a súa perseverancia, a súa ousadía. “Assaz é meu amigo trobador!”, comeza unha cantiga del, nunha autogabanza descarada, nun poema en que a súa amiga louva os méritos literarios que lle negaban ao seu namorado. Lourenço é sensacional, e o tempo en que vive, fascinante.
– G: Sintes que hai diferenzas entre esta novela premiada e o resto da túa obra?
– MP: Creo que o amor segue a ser o nó central do que escribo. O amor á muller, neste caso desde a idealizada óptica platónica da lírica medieval; o amor ás persoas, a ese ser colectivo, o amor ao país, sublime quitaesencia requintada do pobo real. Non é nada orixinal e, xa que logo, pola mesma razón, son moi atrevido. Mais hai outros compoñentes. A xeopolítica, as relacións con Portugal, as grandezas e as miserias do mundo cultural… Vexo na historia un constante remoer no que aínda vivimos inmersos. No que se refire á técnica narrativa, manterei a prudencia respectuosa pola opinión dos e das especialistas e, sobre todo, pola dese receptor anónimo que, a fin de contas, é para quen escribo.”

A Estrada: entrega do Premio Manuel García Barros a Alberto Ramos

OAlberto Ramos venres 12 de decembro, ás 20:00 horas, no Teatro Principal da Estrada, terá lugar a entrega do Premio Manuel García Barros de Novela a Alberto Ramos, pola súa obra Máscaras rotas de Sebastian Nell, publicada por Galaxia.

Alberto Ramos gaña o Premio García Barros con Máscaras rotas para Sebastian Nell

Desde Sermos Galiza e Praza:
“O xornalista e escritor compostelán Alberto Ramos gañou a XXVI edición do premio de novela Manuel García Barros (Ken Keirades) coa súa obra Máscaras rotas para Sebastian Nell. O xurado destaca a “gran orixinalidade estutural da obra e a densidade humana humana que resulta da caracterización do seu protagonista”, un actor inglés nas súas últimas horas.
Os membros do xurado destacan, ademais, a capacidade para aunar diferentes estilos que conxugan o narrativo co xñenero da entrevista. Un relato no que o protagonista lembra as luces e sombras da súa vida, amosando “todo un mundo de miserias persoais e profesionais, de envexas e de iras que trazan un retrato intenso e non sempre agradecido do difícil universo do teatro e do espectaculo”.
A súa obra Máscaras rotas para Sebastian Nell impúxose a outros 32 traballos que se presentaran a concurso. Como galardón, o autor recibirá 9.000 euros en metálico e verá publicada a obra nos vindeiros meses coa Editorial Galaxia. Malia a súa xuventude, anteriormente publicou Dor Pantasma (2006); Con acuse de recibo (2010); e Todos os días (2013). (…)
Ese cóctel de cinema e xornalismo constrúe “un diálogo narrativo” entre Sebastian Nell e a xornalista que o entrevista, unha “narración dialogada” que constrúe os personaxes e a súa vida e tamén realiza “un percorrido pola historia das últimas décadas”, explica o autor. Os bombardeos de Londres na II Guerra Mundial, a beatlemania dos anos 60 ou a vida de Hollywood salfiren un libro no que tamén sobresae o thatcherismo do seu protagonista. Sebastian Nell, “ademais dun elitista é un homófobo, un machista” e un tipo “soberbio, petulante e desagradable en xeral”. Pero asume a praxe política da primeira ministra británica “dun xeito pragmático, aínda que lle quede moi á esquerda porque el é moito máis ultraliberal”, detalla Ramos.
Para o escritor a “importancia” de abordar esa época recae en que “moito do que hoxe vivimos” vén dese “laboratorio inglés”. “Foise coando por Europa durante as últimas décadas” e iso, precisamente, “é o que pensa Sebastian Nell”, que ve a Thatcher como a muller que “marca a política de Europa para varias décadas”. O protagonista “pode ser moi odiable” pero tamén acabar, dalgún xeito, por “caerlle ben” a uns lectores que, afirma o escritor, “superan calquera desafío” e por iso non cre que presentar unha novela con este formato “sexa un risco”. “É un libro máis que poderá gustar máis ou menos”, subliña ante un público que “supera os riscos mellor que calquera escritor”. O resultado, este outono nas librarías.”