Crear en 2012 (I)

Desde Cultura Galega:
“É certo. Esta ano houbo crise por todas partes e, como non, nas industrias culturais. No entanto, non a todo o mundo lle afecta do mesmo xeito, e se no caso das letras estamos a vivir fondas mudanzas como, por exemplo, a práctica desaparición de espazos para a crítica literaria, semella que a música está no seu esplendor creativo, e que a banda deseñada continúa unha marcha firme e continua. Falamos destes ámbitos cos nosos especialistas.
“Penso que unha das cousas máis importantes que pasaron este ano foi a desaparición de plataformas específicas para a crítica literaria, como Luces, explica Dolores Vilavedra, crítica literaria e profesora de Filoloxía na Universidade de Santiago. A desaparición de medios de comunicación de ámbito galego está a deixar este importante elemento do noso sistema literario sen espazos de expresión. “Paréceme unha auténtica traxedia, e que a xente aínda non se parou a pensar o que realmente significa isto. Hai lugares na rede pero non existe un espazo xeralista no que tropezas crítica mentres les o xornal ou escoitas a radio. Son fundamentais e cada vez quedan menos, está o Faro da Cultura, a Radio Galega e pouco máis”. A falar de boas novas, a profesora destaca “O Premio Nacional ao Mellor Labor Editorial para Kalandraka, que ten un grande mérito aínda que pasou algo desapercibido”. Este ano viuse tamén “o diálogo entre cine e literatura, que é un camiño de futuro. Temos dous exemplos como foi a edición de Pá negre traducido e con CD e mais a versión cinematográfica de Todo é silencio, de Manuel Rivas”.
A creación literaria
A nivel de creación apunta “un síntoma para min preocupante no que supón de involución no percorrido histórico da literatura galega que é o retorno da novela de tese, con obras como Atl, En vías de extinción e Como en Alxeria. Semella que en tempos de crise hai unha tentación de ofrecer respostas sólidas e compactas, e iso no terreo ideolóxico pode levar ao populismo e a nivel literario leva á tentación de mandar mensaxes claras e contundentes a tentar salvar o mundo desde a literatura”. En relación con isto, aínda que separado, Vilavedra sinala “a novela feminista de Begoña Caamaño, que se presenta nitidamente como unha escritora feminista. Podería ser novela de tese pero ten unha calidade literaria e unha frescura que marca unha distancia, afástase da ortodoxia e acada uns produtos para todos os públicos”. Canda a isto “biografías como a de Celso Emilio e de Murguía amosan a boa saúde deste xénero, que ten un longo camiño por percorrer. Está a medrar xa nos últimos anos e ten receptividade no público”. E despois “resulta paradoxal a aparición dunha nova colección de poesía, nun panorama de afundimento deste xénero”, como é o caso da recuperación por parte de Faktoría K da colección Tambo. (…)”.

Entrevista a Ramón Nicolás sobre Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro

Entrevista a Ramón Nicolás en La Región, desde o seu blogue, Caderno da crítica:
“(…) – La Región (LR): Que foi o máis sorprendente que atopou no estudo [Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro]?
– Ramón Nicolás (RN): A época de mozo en Celanova porque a actividade política de compromiso coas Mocidades Galeguistas é fascinante. De feito, o grupo de Celanova converteuse na bandeira de toda Galicia daquela asociación xuvenil, e incluso con Pepe Velo dirixiu a propia Federación de Mocidades Galeguistas dende un posicionamento político galeguista, nacionalista e de esquerdas. No plano persoal, descubríuseme un personaxe moi afable, que sabía escoitar, cos seus evidentes momentos de arrouto pero cun carácter moi popular. Gustáballe gozar coa vida no posible, aínda que tamén é evidente que lle deu moitos golpes. (…)
– LR: Neste sentido, cre que se desvirtuou a figura do poeta?
– RN: Ó meu parecer, sufriu certo encaixe na faceta de carácter social ou reivindicativo, unha terminoloxía á que Celso Emilio lle fuxía moito. Aínda hoxe, é o escritor galego que máis musicacións de poemas ten e foi esa popularización a que puido causar un encasillamento ó meu xuízo falso porque tamén é un poeta sentimental, amoroso, intimista e, sobre todo, cun aguillón crítico extraordinario sen parangón na literatura do seu tempo e mesmo na actual. Isto é tamén froito dos moitos imitadores que viñeron despois e que agotaron o modelo. (…)”.

Santiago: Homenaxe a Celso Emilio Ferreiro

O mércores 12 de decembro, ás 20:30 horas, no Restaurante Rúa de Santiago de Compostela (Rúa de San Pedro, 24), terá lugar un acto de homenaxe ao poeta Celso Emilio Ferreiro no que se combinará unha mesa redonda sobre o autor cun recital de poesía e actuacións musicais. A homenaxe Lembrando a Celso Emilio Ferreiro comezará coa intervención do crítico Ramón Nicolás e de Aser Álvarez. Acto seguido, a mesa redonda daralle paso ao recital. Xiana Arias, Xabier Xil Xardón e Luz Fandiño, entre outros, recitarán poemas do escritor celanovés nun acto aberto ao público no que cada asistente, se quere, ten a posibilidade de recitar ao seu xeito a Celso Emilio. Finalmente, o tributo rematará coa intervención de O Leo, quen actuará para poñerlle o broche final a este acto.