Vigo: presentación de Un intre no tempo. Poesía reunida 1967-2017, de Xosé Luís Franco Grande

Homenaxe a Florencio Vaamonde Lores en Bergondo, o 19 de outubro

A AELG súmase á Homenaxe a Florencio Vaamonde Lores en Bergondo, que terá lugar o 19 de outubro, no centenario do seu pasamento.

Florencio Vaamonde Lores (Ouces, 1860 – A Coruña, 1925), escritor, tradutor e activista cultural ponte entre o Rexurdimento literario e as Irmandades da Fala.
Cultivou o xénero lírico (Os Calaicos, Mágoas, Follas ao vento), publicou novelas e relatos de costumes (Anxélica, Bestas Bravas), destacou polos seus estudos históricos, ensaísticos, e foi precursor na tradución ao galego dos clásicos grecolatinos (Odas de Anacreonte).
Foi membro fundador da Real Academia Galega, participou na creación de entidades como as Irmandades da Fala e tomou parte en diversos faladoiros literarios como os da Cova Céltica da Coruña, onde compartía espazo con Eduardo Pondal e Manuel Murguía, entre outros.
Aínda que viviu a maior parte da súa vida adulta na Coruña, nunca perdeu o vencello coa súa terra natal: a parroquia de Ouces. Bergondo non só foi o lugar de nacemento, senón tamén o seu berce espiritual, onde se alimentou da cultura popular, da lingua e da memoria histórica que inspiraron a súa traxectoria vital, literaria e galeguista. Hoxe, lembramos a Florencio Vaamonde Lores como un símbolo de identidade de Bergondo e como un elo vivo entre o seu pasado e o seu futuro.

PROGRAMA

Para as persoas que queiran asistir á Misa na memoria de Florencio, o lugar de encontro será a Fragachán de Ouces ás 9:30, onde deixarán os coches para irens camiñando ata a Capela de San Gregorio (tamén haberá un autobús para as persoas que o precisen).

Como chegar á Capela de San Gregorio

– 10:00 Na Capela de San Gregorio: a Misa na honra de Don Florencio Vaamonde Lores.

– 10:30 Desde a Capela de San Gregorio, roteiro literario pola parroquia de Ouces, lugar de nacemento de Don Florencio Vaamonde Lores.
– Aldarete
– Casa Grande dos Vaamonde
– Casa de José Mª Vaamonde Malvido (tío)
– Fonte do Picho,
– Centro Social Antonia Pato Pardo (antiga escola)
– Fonte da Curuxa
– Casa do Río
– Castro de Bergondo e castro de Reboredo
– O Roibal
– Igrexa de San Xoán de Ouces

Descargar o roteiro

– 12:15 Homenaxe, acto institucional e ofrenda floral na igrexa de San Xoán de Ouces.

– 13:00 Na Senra:
– Faladoiro con Isabel Seoane e Teresa Amado, estudosas da obra e do legado de Florencio Vaamonde Lores.
– Actuación musical de Manoele de Felisa.
– Petiscos na honra de Florencio Vaamonde Lores.

A RAG elixe a Ernesto González Seoane académico de número e a Xosé María Gómez Clemente correspondente

Desde a Real Academia Galega:
“Ernesto González Seoane (O Barqueiro, 1962) foi elixido na tarde de onte novo membro de número da Real Academia Galega. A institución decidiu, na sesión plenaria celebrada no pazo de María Pita, que o catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa da Universidade de Santiago de Compostela ocupe a vacante producida polo pasamento de Bernardino Graña. No mesmo encontro elixiuse académico correspondente o profesor de Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo Xosé María Gómez Clemente (Ourense, 1962). (…)”

Vídeo do Simposio Luísa Villalta. Mil son eu tan só, tan soa, que tivo lugar o 21 de novembro na Coruña