Desde a Xunta de Galicia:
“(…) Manuel Lourenzo, coa obra Suite Artabria, é o gañador do XXIII Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, o máis lonxevo do seu ámbito en Galicia e un dos referentes do alento á dramaturxia escrita en galego. A concesión deste galardón, que o dramaturgo do Valadouro recibe por segunda vez, desvelouse canda a do IX Manuel María de literatura dramática infantil, que foi para Carlos Labraña por O valo, e o XII Barriga Verde de textos para teatro de monicreques, que na modalidade para adultos recaeu en Roi Vidal Ponte por Marcha fúnebre para un monicreque, e na infantil, en Inacio Vilariño por Os golfiños e o xigante, quen xa foi distinguido con este premio en dúas ocasións anteriores. (…)
Os nomes dos catro gañadores, decididos por maioría de votos, foron comunicados polo xornalista e crítico teatral Camilo Franco, en representación dun xurado que estivo presidido por Anxo Abuín e do que tamén formaron parte como vogais Santiago Cortegoso, Inma López Silva, Tito Asorey e María Torres. Ademais do conselleiro de Cultura e Educación, interviñeron neste acto o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o director da Agadic, Jacobo Sutil, e os propios galardoados, cuxas obras foron seleccionadas entre un total de 72 textos recibidos: 38 para o Álvaro Cunqueiro, 11 para o Manuel María, 8 para a modalidade de teatro para adultos do Barriga Verde e outros 15 para a de teatro para rapaces deste último premio. No caso de Roi Vidal Ponte, que non puido acudir por motivos familiares, recolleu o galardón, no seu nome, Miguel Mosqueira Fociños.
Os catro recoñecementos comparten como obxectivo incentivar a escrita teatral en Galicia, así como impulsar a súa posta en valor e proxección social. Neste sentido, ademais dunha dotación económica de 6.000 euros para cada premio e modalidade, as bases contemplan a posibilidade de que as obras gañadoras sexan publicadas dentro das coleccións de literatura dramática que a Agadic mantén en colaboración con varias editoriais galegas. (…)
Máis información aquí.”
Arquivos da etiqueta: Román Rodríguez
Casa de Rosalía (A Matanza, Padrón): recepción oficial do Arquivo Ramón Baltar Feijóo e Ernesto Baltar Santaló
Inma López Silva recibe o premio de Creación Literaria da Fundación Ínsua dos Poetas
Desde Galicia Confidencial:
“A escritora Inma López Silva recibiu este sábado o premio de Creación Literaria da Fundación Ínsua dos Poetas pola súa “creatividade acorde ás correntes máis avanzadas da vangarda na escritura”, a súa “fidelidade á lingua propia de Galicia” e a súa “defensa do medio e da liberdade de expresión”.
“Con estes principios Inma López Silva demostrou un compromiso permanente e constante, ao que debemos engadir o seu traballo e voz crítica e clara, como muller, para contribuír a unha maior presenza das escritoras galegas nas institucións e en todos os segmentos da nosa sociedade”, sinala a acta da concesión destes galardóns.
Así mesmo, a Fundación, presidida por Luís González Tosar, premiou na categoría de ‘Promoción da cultura galega no exterior’ á Irmandade Galega de Venezuela polo seu “importantísimo labor no ámbito social, cultural e benéfico entre a comunidade galega de Caracas, que recoñece esta institución como un referente de galeguidade”.
Pola súa banda, o Centro de Estudos Chamoso Lamas recibiu o premio ‘Ínsua dous Poetas’ á ‘Conservación do patrimonio e do medio’; mentres que as adegas Cachín da Abeleda, A Teixeira, na Ribeira Saca ourensá foron premiadas pola súa ‘Acción económica a favor da cultura’.
Ademais, o xornalista e animador cultural Xan Fernández Pinal foi distinguido no apartado de ‘Emprego da lingua e promoción da cultura propias nos medios de comunicación’. Sigue lendo
A Coruña: presentación de Antón Villar Ponte e as Irmandades da Fala
O acto comezará ás 19:00 horas no Museo de Belas Artes da Coruña e contará coa participación do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; do presidente e do secretario da Asociación da Prensa da Coruña, Manuel González e Cristóbal Atienza, respectivamente; e do xornalista Manuel Rodríguez Rodri García.
Centos de persoas despiden Neira Vilas
Desde Sermos Galiza:
“A igrexa de Gres, en Vila de Cruces, ficou pequena para acoller na tarde do sábado o funeral do escritor Xosé Neira Vilas, que finou a pasada sexta feira aos 87 anos de idade.
O féretro do autor de Memorias dun neno labrego foi recibido con sentidos aplausos na tarde do sábado no exterior da igrexa de Gres, onde comezaba a soar o Himno nacional. O crego que oficiou o funeral destacou de Neira Vilas o seu “corazón cheo de xenerosidade”. “Quería que os nenos e nenas como Balbino tivesen unha vida digna”. “Imos seguir convivindo con el porque a súa pegada é moi forte”, engadiu o párroco, quen subliñou que o escritor sempre foi fiel ás súas raíces, “nunca estivo tranquilo até que regresou”.
Participou no acto unha nutrida representación do mundo da política e da cultura. Entre moitas outras persoas atopábanse o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence; a deputada do BNG e candidata de Nós, Candidatura Galega, Carme Adán; o ex alcalde de Boimorto e candidato de Nós, Xosé Luís Rivas “Mini”; o alcalde de Lalín, Rafa Cuíña; o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane; o escritor e candidato de En Marea, Miguel Anxo Fernán Vello; o actor Cándido Pazó ou o editor Víctor Freixanes.”
A Coruña: entrega do Premio Repsol a Marcos Calveiro
O martes 17 de novembro, ás 20:30 horas, na sede da Fundación Paideia Galiza (Praza de María Pita, 17), na Coruña, Marcos Calveiro recibirá o Premio Repsol de Narrativa Breve outorgado á súa novela Fontán, publicada por Galaxia. No acto, xunto ao autor, participan Román Rodríguez González, Ignacio Egea Kraul, Víctor F. Freixanes e Loreto Silvoso. Ao final haberá un recital a cargo dos membros do Coro Novo da Orquestra Sinfónica de Galicia.
A VII Festa da Palabra reivindica a figura do galeguista e xornalista Francisco Luís Bernárdez
Desde Galicia Hoxe:
“A VII Festa da Palabra, que se celebrou este sábado na Insua dos Poetas, na Esgueva (Madarnás, O Carballiño), reivindicou a figura do xornalista, poeta, diplomático e galeguista Francisco Luís Bernárdez (Bos Aires 1900-1978). A súa vida e obra recóllese nun libro no que varios autores rescatan do esquecemento a este ilustre galeguista, e como afirmou o poeta e presidente do Pen Galicia, Luís González Tosar, coordinador da publicación, “é de necesidade manter viva a lembranza de quen fixo tanto pola nosa lingua e pola nosa cultura”.
O volume que recolle a traxectoria vital e profesional de Bernárdez é unha edición que conta co apoio da Deputación de Ourense, da Xunta e do Pen Galicia. Tosar foi precisamente o encargado de abrir o acto nesta xornada festiva para a palabra na nosa lingua. Con el estaba o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; o presidente da Academia Arxentina das Letras, José Luís Moure; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o vicepresidente do Parlamento, Miguel Santalices, xunto a persoeiros dos ámbitos institucional, social e cultural de Galicia.
Na clausura do acto Manuel Baltar afirmou que a palabra “é compromiso e progreso” e defendeu a Ourensanía, “un horizonte amplo e plural, o noso xeito de percorrer o mundo, como a definiu o propio Tosar: “Sólida mestura de astucia pándiga e de íntima e fonda reflexión dos que máis sabemos dos camiños do mundo, porque os percorremos case todos, a pé e detrás da roda”. Baltar, quen agradeceu a todos os que achegan “ilusión e vitalidade a este territorio único e singular, comprometidos coa cultura e coa lingua propias de Galicia”, reafirmou que somos ourensáns, “coñecedores do bo e do ruín, sufridos, narrativos e agudos”.
O presidente do goberno provincial dixo coincidir co que Risco –e tamén Bernárdez- expresaba en 1917 na revista neosófica “La Centuria”, onde escribiru: “Ourense está moito máis preto de Nova York que de Madrid”, “Aínda que isto no sexa certo en canto a distancias, explicou Manuel Baltar, si é verdade desde unha perspectiva cultural, na que cómpre ter en conta o papel da Ourensanía, porque os ourensáns, moi amantes do noso, que non entendemos de fronteiras nin de dogmas, preferimos ser máis ben rebeldes e inadaptados. Gústanos sorprender. E como me dixo nunha ocasión Ogando Vázquez a modo de consello: “Hai que rebelarse de voz”. Rematou afirmando o presidente da Deputación que hoxe, “na festa das festas”, “as palabras son compromiso, porque poden que as leve o vento, máis ditas quedas”. (…)
A Esgueva, Madarnás, O Carballiño: Auga, árbore e poesía na Insua dos Poetas
Lalín: presentación das actas do curso da UNED Da Galicia de Balbino á Galicia de hoxe
O martes 13 de decembro, ás 20:30 horas, na Sala de Prensa do Concello de Lalín (Praza do Concello, 1), preséntanse as Actas do curso da UNED Da Galicia de Balbino á Galicia de hoxe, publicadas pola Deputación de Pontevedra. No acto participan Rafael Louzán, José Crespo, e os coordinadores do libro: Dolores Vilavedra, Luis Fernández, Román Rodríguez e Xosé Antonio Aldrey.