Arquivos da etiqueta: Rosalía de Castro
Burela: Que bela te deu Deus!, concerto sobre textos de Rosalía de Castro
Concurso escolar de recitado de poesía de Rosalía Rosalía sempre viva, organizado pola Fundación Manuel María
1. OBXECTIVO
Este
concurso ten como finalidade a potenciación da expresión oral e a creatividade do alumnado a través do coñecemento e recitado da obra de Rosalía de Castro, para celebrarmos así o aniversario da nosa escritora máis universal.
2. PERSOAS DESTINATARIAS
O Concurso ten carácter individual e vai destinado a todo o alumnado galego de calquera nivel do ensino non universitario. No caso do alumnado de infantil e primeiro ciclo de primaria tamén poderá participar en grupo.
3. CATEGORÍAS
Estabelécense as seguintes categorías:
1. Educación infantil e 1º e 2º de primaria.
2. Cursos 3º, 4º, 5º e 6º de primaria.
3. Educación secundaria.
4. Bacharelato.
4. FASES
Contémplanse dúas fases:
— Fase de centros:
a) Será organizada por cada centro aténdose unicamente ás bases e condicións que cada un deles estabelecer.
b) Cada centro seleccionará un máximo de dous/dúas alumnos/as por categoría para a súa participación na segunda fase. Na categoría de infantil e primeiro ciclo poderase seleccionar un grupo (toda a clase ou parte dela), sempre que na segunda fase recitaren un único poema en acto único.
— Fase final:
a) Nesta fase participarán aqueles/as alumnos/as que foren seleccionados na primeira fase.
b) Consistirá no recitado dunha única poesía escollida libremente entre a obra en galego de Rosalía de Castro.
c) Valorarase a autenticidade e naturalidade do recitado, ton, timbre, ritmo, pausas, dicción, inflexión da voz e expresividade. Tamén se valorará a súa memorización e o seu nivel de dificultade.
5. PRAZOS
1. Os centros participantes deberán facer a súa preinscrición antes do día 22 de xaneiro de 2015. Pódeno facer por correo electrónico en fundacion@manuelmaria.com. A Fundación confirmará ao centro a recepción da solicitude.
2. En función do número de preinscritos, a Fundación comunicará aos centros o número de alumnos/as que poden participar na fase final en cada unha das categorías.
3. Os centros deberán comunicar á organización antes do 10 de febreiro o nome dos/das alumnos/as que participan en cada categoría e o poema que recitarán.
5. FASE FINAL
a) A fase final celebrarase na Casa Museo Manuel María (Outeiro de Rei – Lugo) o sábado día 21 de febreiro e incluirase dentro dun conxunto de actividades sobre Rosalía (audiovisuais, exposición…) coincidindo co aniversario da escritora.
b) O concurso consistirá no recitado dun único poema por cada participante escollido libremente entre a obra en galego de Rosalía de Castro.
6.- O XURADO
a) O xurado estará composto por tres persoas alleas aos centros participantes con experiencia nestas actividades, e actuará como secretario/a unha persoa representante da Fundación Manuel María de Estudos Galegos.
b) O xurado emitirá o ditame o mesmo día da celebración do concurso.
7. PREMIOS
a) Os premios na primeira fase, caso de os haber, serán determinados e patrocinados por cada centro.
b) Na segunda fase concederanse catro premios individuais, un por cada categoría, consistentes nunha tablet e diploma.
c) Tamén se concede un premio, consistente nun lote de libros, para aquel centro que tiver máis participantes na fase final. No caso de empate primará o que recibir máis galardóns.
d) O xurado poderá conceder Mencións Honoríficas a aquelas persoas participantes que considerar oportuno, recibindo nese caso os/as galardoados/as un pequeno lote de libros.
e) Todos e todas as concursantes da fase final recibirán un Diploma acreditativo de teren participado no Concurso.
8. OUTROS REQUISITOS PARA PARTICIPAR NA FASE FINAL
a) Cada persoa participante deberá enviar a autorización dos pais/nais ou titores/as legais para a filmación da proba e posterior divulgación.
b) O acompañamento do alumnado participante e a súa custodia na fase final corre por cargo das súas familias ou dos seus titores/as legais.
A participación no concurso leva consigo a aceptación das bases.”
Inglaterra: os BBC Singers cantarán un poema de Rosalía de Castro
O
xoves 15 de xaneiro, os BBC Singers han cantar en galego, durante un concerto adicado á música iberoamericana. Será unha peza do compositor británico Daniel Saleeb da que a letra está tomada do refrán e da primeira sección do poema ‘As de cantar’ de Cantares gallegos de Rosalía de Castro. Han cantar a letra en galego (segundo a edición definitiva de 1872) e na tradución inglesa de Erín Moure (segundo a edición inglesa de Small Stations Press-Xunta de Galicia).
O concerto hase emitir na Radio 3 británica, e pódese escoitar en directo a partir das 19:30 hora local (20:30 hora en Galicia) ata as 22:00 h., ou en diferido durante unha semana despois da data do concerto, nesta ligazón.
Cuestionario Proust: Francisco Fernández del Riego
Desde
o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Francisco Fernández del Riego, que reproduce a entrevista (realizada en 1985) contida en Oficio de escribir (Edicións do Castro, 1990), co permiso do seu autor, Luís Rei Núñez:
“– Principal trazo do seu carácter?
– A teimosía.
– ¿A cualidade que prefire nun home?
– A ética.
– ¿A cualidade que prefire nunha muller?
– A beleza e o talento.
– ¿O que máis aprecia nos seus amigos?
– A entrega amistosa.
– ¿O seu principal defecto?
– A manía da puntualidade, porque me excedo.
– ¿A súa ocupación favorita?
– O traballo en xeral.
– ¿O soño de ventura?
– Unha Galicia rica e potente no mundo material e no da cultura.
– ¿Cal sería a súa maior desgracia?
– Que o meu país se perdese e que os meus amigos se alonxasen de min.
– ¿Que quixera ser?
– O que son.
– ¿En que país desexaría vivir?
– En Galicia.
– ¿A color que prefire?
-O branco e o vermello.
– ¿A flor que prefire?
– A rosa e o alhelí.
– ¿O paxaro que prefire?
– O xílgaro.
– ¿Os seus autores favoritos en prosa?
– Os novelistas do XIX: Balzac, Stendhal, Dostoievski, Dickens…
– ¿Os seus poetas preferidos?
– Hölderlin, Rilke e Rosalía.
– ¿Os seus heroes de ficción?
– Lanzarote do Lago.
– ¿As súas heroínas favoritas de ficción?
– Eloísa.
– ¿Os seus compositores preferidos?
– Rimsky-Korsakov e Beethoven.
– ¿Os seus pintores predilectos?
– Rembrandt, Van Gogh e Goya.
– ¿Os seus heroes da vida real?
– … Non se me ocorren.
– ¿As súas heroínas históricas?
– … Tampouco teño ningunha na mente.
– ¿Os seus nomes favoritos?
– Amistade. Amor.
– ¿Que detesta máis que nada?
– A mentira, a hipocresía, a falta de honestidade.
– ¿Que caracteres históricos desprecia máis?
– Os dictatoriais de tódolos tipos.
– ¿Que feito militar admirou máis?
– Son pouco afeizoado a destacar feitos militares.
– ¿Que reforma admira máis?
– …
– ¿Que dons naturais quixer ter?
– Talento e vontade.
– ¿Cómo lle gustaría morrer?
– Sen sentilo.
– ¿Estado presente do seu espírito?
– De optimismo.
– ¿Feitos que lle inspiran máis indulxencia?
– ….
– ¿O seu lema?
– Traballar.”
Cuestionario Proust: Uxío Novoneyra
Desde
o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Uxío Novoneyra, que reproduce a entrevista contida en Oficio de escribir (Edicións do Castro, 1990), co permiso do seu autor, Luís Rei Núñez:
“– Principal trazo do seu carácter?
– Son bastante contraditorio.
– ¿A cualidade que prefire nun home?
– O coñecemento, a experiencia vital.
– ¿A cualidade que prefire nunha muller?
– A beleza.
-¿O que máis aprecia nos seus amigos?
– A amistade.
– ¿O seu principal defecto?
– O ser esporádico.
– ¿A súa ocupación favorita?
– A contemplación e o soño.
– ¿O soño de ventura?
– Son moitas cousas vagas que, aínda sendo escuras, sei que son posibles porque son firmes. Por exemplo, o soño de que a liberdade e a xusticia son posibles, e de que son posibles xuntas.
– ¿Cal sería a súa maior desgracia?
– As peores desgracias son as físicas. Nun mesmo, na muller e nos fillos.
– ¿Que quixera ser?
– Non quixera ser outra cousa có que son, con plena plenitude.
– ¿En que país desexaría vivir?
– Case sempre vivín onde nacín, e agora quixera volver alí.
– ¿A color que prefire?
– A do outono da faia.
– ¿A flor que prefire?
– A rosa. E se non sería a primachorro, que é a margarida.
– ¿O paxaro que prefire?
– A anduriña.
– ¿Os seus autores favoritos en prosa?
– Dostoievski, Shakespeare, que lin en prosa.
– ¿Os seus poetas preferidos?
– ¡Teño tantos! Por exemplo, gústame Vakmiki, se é que el é o autor de Ramayana. E en Europa, Hölderlin, Shelley. Tamén Vallejo e Pondal, e Rosalía.
– ¿Os seus heroes de ficción?
– Case non teño.
– ¿As súas heroínas favoritas de ficción?
– Tampouco as teño.
– ¿Os seus compositores preferidos?
– Teño unha pobrísima cultura musical, como os da miña época; pero noto que algúns como Bach me entran. Sobre todo gústame a música popular e antiga, porque me fatiga a composición excesiva. Gústame moito o motivo musical puro, o que desencadea a sinfonía, pero xa a sinfonía me volve tolo.
– ¿Os seus pintores predilectos?
– Os primitivos, os impresionistas. E a pintura moderna.
– ¿Os seus heroes da vida real?
– Non sei se existen eses heroes, non me conmoven. Moitas veces conmóveme esa persoa humildiña que che está pedindo permiso para seguir vivindo. Eso si me parece heroico: que poidan seguir vivindo así.
– ¿As súas heroínas históricas?
– Dígoche o mesmo.
– ¿Os seus nomes favoritos?
– O nome que máis me gusta é loaira. E flaira.
– ¿Que detesta máis que nada?
– O poder.
– ¿Que caracteres históricos desprecia máis?
– O exercicio brutal do poder, que é o que fai que a historia non se apoie nos soños facedeiros.
– ¿Que feito militar admirou máis?
– A loita do pobo de Vietnam.
– ¿Que reforma admira máis?
– Un pode falar de reformas a través da historia; pero eu resístome a falar do que non vivín, e non vin nin vivín ningunha.
– ¿Que dons naturais quixer ter?
– Quixera ter máis constancia.
– ¿Como lle gustaría morrer?
– Antes soñaba con morrer moi novo, porque me parecía bonito. Agora, como non me gustaría morrer, non o pensei, como tampouco pensei no suicidio.
– ¿Estado presente do seu espírito?
– Aínda teño de cando en vez algunhas loairas de esperanza que pasan.
– ¿Feitos que lle inspiran máis indulxencia?
– Calquera feito dun home arrinconado. Cando un home está contra a parede, calquera cousa que me faga, teño para el unha indulxencia total.
– ¿O seu lema?
– Non teño ningún.”
Compostela: recital Dez anos de poesía sen fronteiras na Fundación Eugenio Granell
O
mércores 26 de novembro, ás 19:00 horas, no Museo Fundación Eugenio Granell (Praza do Toural, s/n) de Santiago de Compostela, a A. C. para o Desenvolvemento sen Fronteiras organiza o recital Dez anos de poesía sen fronteiras na Fundación Eugenio Granell, baixo a dirección de María Montaña, cunha selección de textos de Cervantes, Lope de Vega, Quevedo, Unamuno, García Lorca, Miguel Hernández, Rosalía, Cunqueiro, Celso Emilio Ferreiro, Uxío Novoneyra e Manuel María, entre outros.
A Coruña: Paseos pola Coruña Literaria, con Xavier Seoane, o 15 de novembro
Os
Paseos pola Coruña Literaria, iniciativa da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega co apoio e colaboración da Concellaría de Cultura do Concello da Coruña, consistirán nuns paseos pola Coruña da man das escritoras e escritores que escribiron obras ambientadas na cidade.
A inscrición pódese realizar xa na Conserxaría do Centro Ágora ou chamando ao 981 189 888. Hai un total de 30 prazas por paseo, para maiores de 16 anos.
O terceiro paseo terá lugar o sábado 15 de novembro, de 12:00 a 13:30 horas:
– Xavier Seoane – 15 de novembro.
Paseo pola Coruña literaria coa Rosalía que viviu na Coruña, coa familia. En plena Cidade Vella. Se intentamos traspasar o veo do tempo, coa imaxinación, podemos vela (ou soñala), transitar co seu espírito aberto e, alerta, pola rúa do Príncipe, a Praza da Fariña, o Parrote, o Xardín de San Carlos…




