Pontedeume: Vila do Libro 2024

Rosalía Fernández Rial: “Todas escribimos desde o inconsciente”

Entrevista de Ana G. Liste a Rosalía Fernández Rial en Praza:
“(…) – Praza (P): Por que é unha illa este poemario?
– Rosalía Fernández Rial (RFR): Pois como di Yolanda Castaño no prólogo “todo libro é unha illa”, que é algo que me fascina. Iso no plano metaliterario, no plano da creación é unha illa porque di Bonet que a illa é moi sedutora porque a podemos ver completa, podemos concibila na súa totalidade. E iso teno en común co corpo, un corpo é unha illa e ambos coinciden na orografía e nesas lindes. A min seducíame moito esa idea da plenitude e desa fuxida cara a un lugar que non está vinculado por ningún istmo á terra. Cercadas polo mar, para min viaxar ás illas sempre ten algo de poético.
– P: Sentícheste como unha illa mentres escribías estes poemas?
– RFR: Si, estaba explorando eses límites corporais e mentais. É moi contraditorio, pero síntome moi vinculada ás outras persoas, tanto que ás veces me resulta moi difícil entenderme como individuo fóra da sociedade. Aínda que é necesario autocoñecerse e saber que existen eses límites. Resulta paradoxal, pero na miña etapa de madurez volvín exploralos e pareceume enriquecedor xogar con esta idea. O libro vai dirixido a un ti e logo remata coa tribo, co colectivo, porque esta illa está habitada por todas. Di Chantal Maillard que toda viaxe exterior é unha viaxe interior, gustábame moito pensar na metáfora do eu e do nós; atraíame esa autoexploración do eu para chegar mellor ás demais.
– P: Xogas con esa idea de que saber poñer límites, en ocasións, incluso é bo.
– RFR: Efectivamente. A iso me refiro coa exploración desde a madurez desa linde, que ao final é fantástico abrir e fusionar e convidar; pero tamén o outro. Habitar ese paradoxo paréceme moi humano, ao final vivimos na contradición constante e non hai nada máis coherente que admitir a contradición da existencia. Ademais, esta contradición é moi rica filosoficamente falando.
– P: E non che parece unha contradición á que chegamos habitualmente as mulleres? Que, ao final, somos as que temos que poñer eses límites; ou as que aínda estamos aprendendo a poñelos…
– RFR: Non teño a menor dúbida. De feito, esa construción da que eu falo só se entende desde aí, desde a construción da muller. A illa tamén é unha muller, é unha exploración feminina desde o feminismo, por tratar de explicalo dalgunha forma. Penso que todas as persoas, especialmente da nosa xeración pero das anteriores doutro xeito, tivemos unha evolución máis rápida ou máis esixente de construción desas lindes e dese transvase –outra vez na contradición– do que é ser muller. O que non é, o que non era e o que pode ser. Esa linde trans que é tan importante na nosa era para a construción de todas. Penso que mover os marcos na construción do que é ser muller enriquécenos a todas. (…)”

Carballo: Praza dos Libros PLIC 2024

Vigo: actividades do 2 de xullo da Feira do Libro 2024