A Coruña: actividades destacadas na Feira do Libro 2018 para o 1 de agosto

O 1 de agosto comeza a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

11:00 h. Acto de inauguración. Presentación e lectura do pregón a cargo de Xavier Senín.
18:00 h. Antía Yáñez asina exemplares de Senlleiras, publicado por Galaxia.
18:00 h. Charla ilustrada: Os libros recuperados de María Victoria Moreno. Coa participación de Susana Sánchez Arins, Eli Ríos e Xavier Senín, e ilustracións en directo a cargo de Lara Torres e Lidia Cao.
19:00 h. Presentación de O exército de fume, de Manuel Gago, publicado por Xerais, en conversa con Manuel Bragado.
19:00 h. Presentación de Caderno de lúas, de María Canosa e Dani Padrón, publicado por Editorial Bululú.
19:00 h. Manuel Miragaia asina Galeguia na caseta da Libraría Pedreira.
19:00 h. Siro López asina Castelao na arte europea, na caseta de Arenas.
19:00 h. José Julio Fernández Rodríguez asina Clara e o rapto do Solpor e outros libros na caseta de Hércules Ediciones.
19:00 h. Blanca Crespán e Álex Mene asinan A raíña das tortas na caseta de Alvarellos Editora.
19:45 h. Na carpa infantil presentación de O segredo da vella libraría, de Xabier López López, publicado por Galaxia. Acompañando ao autor estarán o ilustrador do volume Xosé Tomás, Malores Villanueva e Alba Porral.
20:30 h. Presentación de The Making of, de Xavier Alcalá, publicado por Galaxia. Acompañando ao autor estarán o enxeñeiro Xoaquín Lameira, Xoán Antón Pérez Lema, Xulio López Valcárcel e Carlos Lema.

Antía Yáñez gaña o Premio Illa Nova de Narrativa 2018

Desde Galaxia:
“O sábado 14 na Fundación Barrié de Vigo entregouse o Premio Illa Nova de Narrativa para menores de 35 anos. A gañadora desta segunda edición foi Antía Yáñez coa novela Senlleiras. A obra narrada dende diferentes tempos, aborda unha custión tan presente ao longo da historia como a violencia contra as mulleres. O xurado, composto por Anxos Sumai, Daniel Asorey, Montse Pena Presas, Xacobe Pato e Antía Monteagudo, valorou que esta novela “conta cun estilo literario moi coidado, que á vez mestura diferentes voces narrativas e fontes diversas, e é capaz de recrear con precisión e profundidade todo tipo de ambientes”. Ademais, subliñan que “as súas protagonistas, mulleres que teñen que contruír o propio camiño para atoparse a sí mesmas e, ás veces, para rebelarse, son das que non se esquecen”.
Vanesa Santiago, gañadora da pasada edición, fixo entrega a Antía Yáñez dos 3.000 euros cos que está dotado o premio e a escultura da novísima artista pontevedresa Basilisa Fiestras. A escultura, ao igual que o ano pasado, está inspirada na onda que debuxou Xaime Isla Couto para as portadas dos libros da colección Illa Nova, e que está presente tamén no logo do premio. A música púxoa A banda da Loba, un dos grupos con máis proxección da escea musical galega e que está integramente composto por mulleres.
Antía Yáñez (Burela, 1991) é enxeñeira de camiños e na actualidade reside en Cecebre (Cambre), dende onde compaxina a escrita e a ensinanza en obradoiros literarios para rapaces e rapazas coa xestión dunha academia. Entre os premios dos que foi merecedora a súa obra atópanse o Certame de Microrrelatos Lonxa Literaria en 2013, o Premio de Relatos Curtos Os Viadutos en 2014 e 2017, e o Certame Literario de Poesía e Narración Breve de Cambre en 2016. Previamente, publicara xa unha novela infantil con grande éxito entre o lectorado mozo O misterio de Portomarín (Galaxia, 2016), que acadou xa varias reimpresións. Agora a súa nova novela, Senlleiras, premiada por unanimidade do xurado, chegará ás librarías nas próximos semanas dentro da colección Literaria da Editorial Galaxia, a carón dos clásicos das nosas letras e tamén de moitos autores e autoras actuais de recoñecido prestixio, o que agardamos sexa un impulso definitivo na súa traxectoria. (…)
A mantedora do acto foi Malores Villanueva (Editora da Editorial Galaxia) e tiveron breves intervencións Francisco Castro (Director xeral da Editorial Galaxia) e Antón Vidal (Presidente da Editorial Galaxia), amais de Vanesa Santiago e a propia gañadora.”