“Os datos aportados polo Informe Comercio Interior do Libro 2011 feito público pola Federación de Gremios de Editores de España dá conta dun sector en crise que, no conxunto do Estado, viu como a súa facturación descendía nun 4,1% o que o pon á altura das cifras do 2002. “Nin o editor máis optimista ou afortunado pode negar a profunda crise dun sector que nos últimos cinco anos perdeu o 20,3% das vendas dos seus exemplares” anota no seu blog o editor Manuel Bragado, presidente da Asociación Galega de Editores. Lamenta Manuel Bragado a disminución da edición de libro galego que descende nun 10,2%, “un fenómeno que hai tempo viñamos anunciando”, anota. Como positivo, destaca o aumento lixeiro de facturación en librerías e cadeas de librerías onde se venden o 55,5% dos exemplares. Máis información no blog de Manuel Bragado“. Vía Sermos Galiza.
Arquivos da etiqueta: Sermos Galiza
Miguel Anxo Fernán-Vello gaña o Premio Cidade de Ourense con Habitación do asombro
“Con
Habitación do asombro, o poeta e editor Miguel Anxo Fernán Vello fíxose coa XXVIII edición do Premio Cidade de Ourense de Poesía, un galardón que foi adxudicado por un xurado formado por Fernando de Castro Blanco, Teresa Devesa, Francisco Xosé Fernández Naval e Xavier Rodríguez Barrio, gañador da anterior edición do premio.
O xurado destacou da obra de Fernán Vello unha grande “unidade temática e estilística, con imaxes reveladoras e brillantes de grande perfección lírica”. Afondou tamén na consistencia duns poemas que calificaron de “longo alento”, xa que, ao seu ver “manteñen a tensión de principio a fin, sen decaer en ningún momento”. (…)” Vía Sermos Galiza.
Morreu o escritor Bernardo García Cendán
“O
escritor e profesor Bernardo García Cendán, ligado aos movementos de crentes de base que pularon pola galeguización da Igrexa, finou este 12 de xuño en Lugo. Sociólogo, crego, escritor, compositor…, din de Bernardo García Cendán que chegaba a todas partes pero que era sinxelo perdoarlle pola súa cordialidade. Formou parte dos movementos de base da Igrexa que levan pulando dende hai décadas pola súa galeguización, con moito esforzo mais con escaso eco da súa mensaxe entre as xerarquías da institución. Crego e sociólogo, Cendán alentou do espírito renovador impulsado polo Concilio Vaticano II e logo castrado polo papa Wojtyla. Foi fundador da asociación Irimia e da revista Encrucillada, de cuxo consello de redacción formaba parte. (…)” Vía Sermos Galiza.
O profesor Juan José Moralejo faleceu en Santiago
“En
setembro do pasado ano, Juan José Moralejo Álvarez era homenaxeado pola Universidade de Santiago no seu setenta aniversario. Pouco máis duraría o que fora catedrático de Filoloxía Grega nas súas aulas e membro dunha saga que deu á institución educativa compostelá nomes como o de seu pai Abelardo ou seu irmán Serafín, experto no Pórtico da Gloria finado tamén en 2011. Moralejo é autor dunha ampla obra na que visitou a investigación en linguas clásicas, obras sobre lingua galega e outras nas que deita ironía sobre a súa outra paixón, a pesca. Entre os títulos da súa biografía, alén de traballos especializados, sobrancea a tradución para o galego da Política de Aristóteles e títulos como A lingua galega hoxe ou A lingua e os seus problemas. Da súa afeizón á pesca naceu As troitas, miñas señoras, publicado por Galaxia con limiar de Carlos Casares e epílogo de Álvaro Cunqueiro. Coñecedor de ríos e dos segredos das troitas, o libro responde, segundo Casares, ao “saber antigo, vello de moitos séculos, que se resiste a desaparecer e reclama, con dereito e con razón, un lugar no mundo”. (…)” Vía Sermos Galiza.
Vinte anos de poesía en Espiral
Entrevista
a Miguel Anxo Fernán-Vello en Sermos Galiza:
“Máis de trescentos títulos de poesía e cincocentos en xeral completan o fondo de Espiral Maior que comezou a súa andaina editorial hai agora vinte anos. Nacía cunha sorpresa literaria, a estrea poética da narradora e ensaísta María Xosé Queizán con Metáfora da metáfora. “Non foi un inicio accidental, marcaba o arrinque dunha editorial no que as voces de mulleres terían protagonismo. Nace no contexto de reivindicar voces poéticas” apunta Fernán Vello. O Eu tamén navegar de Xohana Torres viría pouco despois, na publicación do seu libro Tempo de ría. “No momento no que moitas coleccións poéticas desaparecían, Espiral cría unha rede de poetas novos que coinciden con outros consagrados con nomes como Avilés de Taramancos ou Manuel María” sinala. Diante do seu propio catálogo, o poeta e editor considera que a poesía é un “dos tesouros estéticos que Galiza lle pode ofrecer ao mundo, dun valor inmenso”. Xunto ás obras completas de figuras como Avilés de Taramancos ou Manuel María, o selo deu á luz as obras reunidas dun feixe de autores nos que se incluían nomes da xeración dos oitenta como Xosé María Álvarez Cáccamo, Vítor Vaqueiro, Xavier Seoane ou Manuel Rivas. A editora cumpre as súas dúas décadas de existencia nun momento no que, ao seu ver, “o poder político está a desenvolver un programa de demolición da expresión cultural galega que ten base no idioma, sexa creación literaria, audiovisual ou teatral”. Toma o concepto de Clastres para falar de “programa de etnocidio dunha realidade cultural cunha actitude bárbara. Estamos diante de sociópatas. Pódese esmagar a poesía sen sentimento do cadáver que se deixa”. A gravidade dos feitos recomendarían, segundo Fernán Vello, unha denuncia diante da Unesco xa que “é o propio poder que emana do Estatuto o que actúa en contra do idioma e a cultura, unha contradición difícil de explicar”. “Os recortes non baixan do 50% o que supón que unha boa parte das novidades editoriais non van estar ao dispor da lectura pública” o que supón tamén “un mazazo para o sector editorial, fronte ao silencio tamén da Asociación de Editores e a indignación de varias das empresas”. A situación agrávase, para Fernán Vello, na edición de poesía pola baixada de vendas que, segundo ten computado, supón unha caída do 60%.”
Santiago: XXII Xornadas de Lingua e Literatura
Está
aberto o prazo de matricula das XXII Xornadas de Lingua e Literatura. A actividade ten servido, ao longo dos derradeiros 22 anos, como lugar de intercambio de experiencias, de presentación de recursos ou como foro de debate dos principais problemas que afectan á docencia de Lingua e Literatura, sen esquecer nunca a problemática sociolingüística. As Xornadas terán lugar os próximos días 20 e 21 de abril na Facultade de Ciencias da Educación (Xoán XXIII, s/n) de Santiago de Compostela.
PROGRAMA
Venres 20
– 16:30 h. Entrega de material.
– 17:00 h. Inauguración.
– 17:00 h. Conferencia: Celso Emilio Ferreiro á luz dunha biografía. Ramón Nicolás Rodríguez, profesor e crítico literario.
– 18:30 h. Correlingua: O alumnado como protagonista dunha ferramenta normalizadora.
– 19:00 h. EL Producións artísticas, compañía de teatro residente no Tal-Teatro Arte Livre de Vigo. Representación da obra de teatro: Lorca e as flores de Venus, de Marga do Val.
Sábado 21
– De 10:00 a 11:00 h. Seminarios:
* A autora fala da súa obra. Olga Novo, escritora.
* O cartel como elemento normalizado. Pilar Ponte, profesora de lingua e literatura galegas.
* Proposta didáctica para traballarmos nas aulas coas SMS e outros soportes comunicativos. Estefanía Mosquera Castro, filóloga.
– De 11:15 a 12:15 h. Seminarios:
* O autor fala da súa obra. Miro Villar, escritor.
* Presenza das mulleres na literatura galega. Mercedes Queixas Zas, profesora de lingua e literatura galegas e crítica literaria.
– Proxecto Ríos de Lingua e Cultura. Iniciativa de recollida e divulgación de nomes populares asociados aos ríos. Virxinia Rodríguez Álvarez, presidenta de ADEGA, coordinadora do Proxecto Ríos.
– 12:30 h. Mesa redonda: Música e literatura. Xurxo Souto, Sés, Leo de Leo e Arremecaghona e Miguel Mosquera de Ataque Escampe.
– 13:30 h. Presentación do proxecto xornalístico Sermos Galiza. Presentación da rede socioeducativa Belvís.
– 16:00 h. Conferencia: Cicatrices de ferro nas palabras. A obra poética de Valentín Paz Andrade. Carlos Callón Torres e Paulo Filgueiras Fachal, profesores de lingua e literatura galegas.
– 17:30 h. O grupo de teatro da Sociedade Cultural MEDULIO (Ferrol) representa o espectáculo O mundo segundo Rosalía de Castro, como homenaxe e celebración dos 175 anos do nacemento da nosa escritora fundacional. Consiste na escenificación de poemas rosalianos pertencentes a Cantares Gallegos e Follas Novas. Este espectáculo demostra a potencialidade da poesía de Rosalía para a escena e a súa impresionante actualidade, alén de indicar camiños e suxestións para o profesorado e o alumnado achegarse a ela.
Matrícula:
– Socios/as da AS-PG e afiliados/as da CIG-Ensino: 15 €
– Desempregados/as: 36€
– Normal: 60€
Inscrición: Na páxina da AS-PG ou en CIG-Ensino, apartado de formación.
Homologación: Está solicitada a homologación á Consellería de Educación por 10 horas lectivas. Para a obtención do certificado será necesario acreditar unha asistencia de, cando menos, o 85% da totalidade da actividade.
A Coruña: mesa redonda sobre A situación da prensa en galego
O
xoves 15 de marzo, ás 20:30 horas, no salón de actos da Asociación Cultural Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, terá lugar unha mesa redonda baixo o título A situación da prensa en galego, coa participación de Xosé Ramón Freixeiro (Sermos Galiza), Henrique Sanfiz (secretario de Radiofusión), Xurxo Salgado (Galicia Confidencial), Filipe Díez (Praza pública) e Alfonso Riveiro (L-V).
“Sermos Galiza nacerá en marzo e Dioivo este mes”
Desde Galicia Confidencial:
“[Néstor] Rego, ex-concelleiro do BNG en Santiago, argumenta que o Sermos Galiza nace “como reacción á situación progresiva de desaparición de medios en galego que deixou un espazo baleiro de información veraz, independente e crítica, que ficou reducida a páxinas de escaso seguimento”.
En declaracións a Cuarto Poder o político nacionalista explica que contan contratar entre 8 e 10 redactores para un semanario en papel, cuxa data de lanzamento podería ser abril ou marzo.
Sermos Galiza constitúese cun capital de 320.000 euros, segundo informa Periodista Digital citando ao propio Rego. O promotor destaca a diversidade dos accionistas, uns 900 segundo a plataforma. (…)
Pola súa banda, Marcos Pérez Pena, director de Praza Pública, explica en Cuarto Poder que o novo dixital querería pasar a ser de pago tras un tempo de transición até que o público vise normal pagar polos contidos impulsado polo progresivo cambio de política dos grandes medios. Polo de agora a nova cabeceira, estreada o 1 de febreiro, manterase a base de donativos e aportacións dos patronos dunha Fundación creada ad hoc.
Pérez Pena argumenta que “a oferta de determinados contidos na súa lingua [o galego] disminiu até case desaparecer” e critica o recorte das axudas da Xunta á prensa en galego.
Para completar os movementos nos medios en galego, o 29 de febreiro está previsto o nacemento de Dioivo, “un proxecto que nace da vontade dun grupo de xornalistas desempregad@s da Galiza”, explican os promotores, entre os que están ex-profesionais de Galicia Hoxe e Xornal de Galicia.
Tal e como e xa publicou este xornal, tamén hai outro proxecto xornalistico en cernes que estaría impulsado por xornalistas do desaparecido Xornal de Galicia. (…)”
Marín: presentación de Sermos Galiza
A
quinta feira, 1 de decembro, ás 20:30 horas, na Biblioteca Municipal de Marín, decorrerá o lanzamento público de Sermos Galiza en Marín. Participan neste acto Marga Romero, Francisco Carballo e Xosé Lois o Carrabouxo. A Asociación Queremos Galego Marín, organizadora do acto, agasallará os asistentes cunha actuación musical de Carmen Gallego, Laura Romero e César Loureiro.
Arteixo: presentación de Sermos Galiza
A cuarta feira, mércores
9 de novembro, ás 20:00 horas, no Centro Cívico de Arteixo, terá lugar a presentación do proxecto Sermos Galiza, coa presenza de Xosé Ramón Freixeiro Mato e Xurxo Souto.